5/31/2022

O COMERCIO A TRAVÉS DA CERÁMICA DE PUNTA ATALAIA

Cunha nutrida asistencia, unhas 60 persoas, celebrouse o pasado sábado esta conferencia a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé, especialista en cerámica da época galaico romana. Bartolomé ten estudados e documentados boa parte dos restos atopados nas escavacións realizadas no castro de Punta Atalaia aló polo ano 2008; restos materiais que permanecen almacenados nun depósito a falta dun espazo museístico no que debían estar expostos ao público.

O conferenciante fixo unha ampla descrición dos numerosísimos materiais documentados, seguindo a cronoloxía do prolongado período no que o castro estivo habitado: desde o século I a.C., propiamente castrexo, ata o século VI, xa altomedieval, e pasando por unha prolongada e fecunda etapa de romanización.

Sorprende e resulta especialmente interesante a enorme cantidade e variedade de materiais cerámicos atopados, de diferentes tipoloxías, calidades e procedencias xeográficas, tanto polas zonas onde foron producidas as pezas como polos posibles usos e mercadurías que transportaron. Pódese inferir a partir deste estudo que o castro de Punta Atalaia constitúe un dos fitos comerciais da costa galega e cantábrica nos primeiros séculos da nosa era e, particularmente, no período tardorromano, séculos III a V, no que rexistrou unha importantísima actividade comercial.

Ademais da intensidade comercial cabe destacar a enorme diversidade e amplitude xeográfica que acadaron estas relacións comerciais, posto que se atopan cerámicas procedentes de lugares tan afastados como o Oriente Medio, o norte de África (Túnez), o sur e oeste da Península Ibérica e, polo norte, todo o golfo de Biscaia, a Aquitania e as Illas Británicas.

Todos estes datos constitúen un importante avance no coñecemento da historia antiga e altomedieval da nosa comarca e de Galicia. Porén, hai aínda moito que documentar e coñecer sobre este xacemento, tanto a partir dos restos xa recollidos coma dos que están baixo terra e que esperemos poidan ser recollidos e documentados en futuras escavacións. Mariña Patrimonio puxará para que este importante legado vaia aflorando en forma de coñecemento da nosa historia.




5/22/2022

O COMERCIO A TRAVÉS DA CERÁMICA DE PUNTA ATALAIA


Comezamos coas actividades programadas por Mariña Patrimonio para o 2022 retomando unha conferencia, cancelada no pasado mes de novembro, a cargo do arqueólogo Roberto Bartolomé, que nos falará sobre os restos cerámicos atopados no xacemento da Atalaia (San Cibrao). A actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, celebrarase o vindeiro sábado 28 de maio ás 18:30h no Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos.


Dende o 2006, no xacemento de Punta Atalaia téñense realizado diversas intervencións arqueolóxicas, que demostraron a existencia dun importante asentamento galaico-romano así como a reocupación do lugar na Idade Media. Un dos aspectos máis relevantes destas intervencións é o abundante e variado conxunto de materiais cerámicos atopados no transcurso das escavacións. Este material cerámico amósanos a importante actividade comercial que se desenvolveu dende a Atalaia con Lugo e maila Meseta, ademais de conexións comerciais co Atlántico – Cantábrico e co Mediterráneo.


Sen dúbida, as persoas que se acheguen o vindeiro sábado ao Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos sorprenderanse da interesante información que revelan os restos cerámicos atopados no xacemento arqueolóxico de Punta Atalaia.