11/22/2009

Pola ruta do ferro

Na Praza dos Fornos, en A Pontenova, iniciamos o camiño que nos levou, o sábado 21 de novembro, pola rota do ferro. Miguel Abraira –o noso guía— explicounos ao pé dos fornos o percorrido que nos levaría á Ferraría de Bogo, ao mazo de Ferreiravella e á forxa de Manuel Alonso no lugar da Ermida xa no concello de Riotorto.

Pagou a pena achegarse até Bogo e baixar a pé até a Ferraría—hoxe absurdamente pechada—para ter ocasión de coñecer este complexo que xa funcionaba no 1534 e que foi mellorada no XVIII deixando de funcionar nese mesmo século por mor dun incendio. A instalación foi aberta nesta ocasión especial para Mariñapatrimonio grazas á xestión do Concello de A Pontenova que vai ser no futuro—agardamos que próximo—o responsabel do seu mantenemento.

O autobús achegounos despois ao concello de Riotorto onde o seu alcalde, Federico Gutierrez Estoa, nos facilitou a visita ao Mazo de Ferreiravella e Miguel Abraira e o ferreiro Manuel Alonso puxeron a funcionar o vello mazo.

A terceira das visitas foi un acertado remate para comprendermos todo o proceso. No obradoiro de Manuel Alonso pasamos un tempo inesquencíbel. Manuel fixo, para nós un coitelo na súa forxa. Alí lembramos o texto de Miguel Abraira cando, no seu conto que escrebiu para o Pregón da I Feira da Artesanía do Ferro, no 2007, dicía:
“E por eso—pensa meu pai—agora non deixo de preguntarme que che vou decir eu a ti, e quen vai a conservar agora toda esa beleza de xestos e palabras que temos que deixar no rego: malogreiro, ximela, tendal, gorreón, cepitillo, curvatoes,mainelo,vergallón…
E claro. Entón comprendo. Comprendo os centos de anos de memoria e de historia que perdo. Comprendo que quizais un día tamén nos toque a nós, e Riotorto quede sen ferreiros, e que igual o bonito é conservar precisamente o que os demais van deixando en desuso. Conservar e recordar, para que outros, os que veñan despois de nós, conozan, comprendan e poidan aprender a amar esta terra”.

11/10/2009

Pola rota do ferro

Excursión polos concellos de A Pontenova e Riotorto
Sábado 21 de novembro de 2009

-A visita comenzará ás 10:30 horas na Praza dos fornos de A Pontenova.

-Visitaremos: os fornos de A Pontenova, a ferraría de Bogo, o mazo da Fraga ( en Ferreiravella, Riotorto ) e unha forxa en A Ermida ( tamén en Riotorto )

-14:30 horas: Fin da actividade. Xantar organizado ( optativo )

-Para chegar até A Pontenova, Mariñapatrimonio porá a disposición das persoas que participen un transporte colectivo que saíndo de Viveiro ( ás 9 da mañá ), pararía en distintos pontos de Xove, Cervo, Burela, A Espiñeira e Vilanova de Lourenzá para recoller ás persoas que previamente se inscriban nesta actividade.

-Inscrición: enviando os nome, enderezo, número de teléfono a mr.patrimonio@gmail.com

-Cuota de inscrición:
-asociados/as: gratuita
-non asociados: 5 €
-Prazas limitadas. A inscrición farase por orde de de anotación até completar as prazas.

-Data límite de inscrición: mércores 18 de novembro


Guía: Miguel Abraira, Premio Xesús Ferro Couselo, ( investigación de antropoloxía e ciencias sociais. Autor do traballo: Ferreiro: técnica e cultura. O traballo tradicional do ferro en Riotorto, A Pontenova e Taramundi.

10/25/2009


A Casa da Cultura do concello de A Pontenova foi o lugar escollido por Mariñapatrimonio para dar comezo ás Xornadas de arqueoloxía industrial. O conferenciante, Xavier R. Lombardero, traballador de La Voz de Galicia, foi presentado polo presidente da nosa asociación que fixo un breve percorrido pola biografía deste xornalista e emprazou aos asistentes a participar na seguinte das actividades deste ciclo: a visita guiada Pola ruta do ferro da que o investigador Miguel Abraira vai ser o condutor o sábado 21 de novembro.O conferenciante iniciou o seu relatorio facendo un percorrido histórico polas orixes da industria do ferro en A Pontenova. Esta localidade—dixo—medrou coa chegada de man de obra para as minas—máis de mil mineiros tiveron ocupación nesta industria—e aquí se xestaron as primeiras mobilizacións obreiras, unha manifestación de mulleres e tamén, ao abeiro deste movimento, naceron as organizacións agrarias nesta zona.
Xavier R. Lombardero referiuse á necesidade de recuperar o patrimonio, considerando que a primeira das obrigas para conseguir este obxectivo é ter en conta a historia. Tamén criticou o xornalista a desfeita urbanística da vila e a perda de edificios que falaban do pasado. Reclamou o nome de “Avenida dos mineiros” para o vial que hoxe hoxe ten o de “Estrada Xeral” e propuxo o de “Carreiro dos almorzos” para o camiño ata onde chegaban de cotío as mulleres dos mineiros para lles levar a comida.

A conferencia, seguida por moito público, e da que o xornal “La Voz de Galicia” publicou un avanzo, contribui sen dúbida a por en valor o noso patrimonio.

10/19/2009

Arrancan na Pontenova as Xornadas arredor da industria do ferro


10/17/2009

MariñaPatrimonio abre na Pontenova as Xornadas sobre Arqueoloxía Industrial


O xornalista Xavier R. Lombardero será o primeiro dos conferenciantes do ciclo dedicado á industria do ferro que organiza a asociación Mariñapatrimonio. As Xornadas de Patrimonio centradas na arqueoloxía industrial na Mariña Luguesa darán comenzo o vindeiro sábado 24 de outubro , ás sete e media da tarde, na Casa da Cultura do concello de A Pontenova. Repensando A Ponte será o título do relatorio do xornalista Xavier R. Lombardero.

A segunda das actividades deste ciclo será unha visita guiada por Miguel Abraira que percorrerá os concellos de A Pontenova e Riotorto. A excursión, Pola ruta do Ferro ,partirá desde o Museo do Mar de San Cibrao o día 21 de novembro, ás 10 da mañá e os participantes visitarán a Ferraría de Bogo, o Mazo de Ferreiravella, un obradoiro tradicional e distintos pontos de interese dos dous concellos. As persoas interesadas nesta actividade deben porse en contacto coa asociación organizadora para a reserva de prazas.

Xoán Carmona Badía, intervirána terceira das actividades deste ciclo, nun acto que se desenvolverá en Viveiro no mes de decembro, para falar arredor do patrimonio industrial, das pegadas materiais da actividade humana máis recente na Mariña Luguesa.

Tamén Mariñapatrimonio porá a disposición dos centros de ensino da comarca unha exposición itinerante sobre o pasado industrial da Mariña Luguesa.

Na presentación desta actividade participaron Francisco Luís Rodríguez Guerreiro e Manuel Miranda da asociación organizadora e Antonio Veiga Outeiro, deputado responsábel da Área de Cultura da Deputación de Lugo xa que estas Xornadas de Patrimonio contan co patrocinio da área de Cultura da Deputación de Lugo . Tamén colaboran os concellos de Riotorto e A Pontenova.

10/16/2009

De lingua enxalzada a lingua mortificada


Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, demostrou onte en Burela, ao traveso dun detallado percorrido histórico, como foi evolucionando a valoración do galego fóra e dentro, en paralelo coa propia evolución histórica de Galiza, que pasou de ser o centro do reinos cristiáns nos séculos centrais da Idade Media, a ser esquecida e deliberadamente excluída a medida que o Reino de Castela foi facéndose hexemónico na Península e impoñendo o seu idioma, o castelán.

Freixeiro Mato sostivo e demostrou documentalmente como, desde o s. XV en diante, os galegos e a súa lingua, noutrora usada polas elites políticas e culturais mesmo casteláns, foi sometida a un prolongado e sistemático proceso de deturpación xenófoba que aínda agroma nestes tempos actuais, pretendendo que o galego, a lingua propia dos galegos e galegas, quede reducido ao papel de lingua secundaria ou residual no seu propio ámbito natural.

Rematou a súa brillante intervención lembrando os últimos datos publicados pola Real Academia Galega sobre uso da lingua, que sofre un preocupante descenso, precisamente nos sectores sociais máis dinámicos: a poboación urbana e sobre todo a mocidade, e afirmou que só unha contundente reacción da sociedade galega reclamando os seus dereitos lingüísticos pode frear esta ofensiva contra a noso maior ben patrimonial e identitario.

10/10/2009

MariñaPatrimonio participa na Plataforma QUEREMOS GALEGO!


Dentro da campaña de mobilización en defensa do noso máis importante ben patrimonial, a lingua, MariñaPatrimonio organiza
o seguinte acto:

Conferencia a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, titulada:

“A HISTORIA E A DIGNIDADE DO GALEGO. DE LINGUA
ENXALZADA A LINGUA MORTIFICADA”

XOVES, DÍA 15 DE OUTUBRO
Salón de Conferencias de Burela (Biblioteca vella), ás 20:30 horas

10/06/2009

Excepcional achado no Castro da Atalaia


No último número da revista GALLAECIA, publicación do Departamento de Historia Universidade de Santiago de Compostela, dáse conta do achado dunha importante peza atopada no transcurso das escavacións arqueolóxicas levadas a cabo o ano pasado no Castro da Atalaia de San Cibrao
Esta excepcional peza arqueolóxica é un machado votivo con escena de sacrificio e cabeza de carneiro.
Bronces votivos aparecen en boa parte de Europa pero son moi escasos en Galiza. Só se coñecen dous: un deles é o machado votivo con cabeza de touro de Cariño, que se atopa no museo arqueolóxico de A Coruña.
O machado votivo do Castro da Atalaia é o único de Galiza aparecido no transcurso dunha escavación arqueolóxica co que aportará datos de gran interese para o estudo destes bronces votivos.
Esta peza vén a confirmar e a aumentar a importancia e a excepcionalidade do Castro da Atalaia que, como todos sabemos, está ameazado por Residencial Faro de San Ciprian de Promociones San Ciprian que pretende destruír este xacemento para construír pisos para veraneantes.
É un dereito de todos coñecer o que se leva atopado na Atalaia, tanto en estruturas coma en materiais, e saber a importancia que teñen.
Por este motivo, pedirémoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que faga públicos os informes arqueolóxicos do Castro da Atalaia.

10/02/2009

II Xornadas de Literatura de tradición oral da Deputación de Lugo


O MITO QUE FASCINA: DO LOBO AO LOBISHOME
PROGRAMA:

VENRES 16 DE OUTUBRO
• 17:00 h · Acto de inauguración, coa participación de Xosé Antón Bao, Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, e Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
• 17:10 h · “Que vén o lobo!”, por Xabier P. Docampo
• 18:10 h · “O personaxe do lobo na tradición vasca. De animal totémico a animal maldito”, por Antxon Gómez Lorente
• 19:10-20:00 h · Mesa redonda: “O lobo, o mito que fascina”

PARTICIPAN: Xabier P. Docampo e Antxon Gómez Lorente ·
MODERA: Antonio Reigosa

SÁBADO 17 DE OUTUBRO
• 10:30 h · “Espazos lupinos de Galicia. Os foxos do lobo”, por Alberte Reboreda
• 11:30 h · “Unha inquietante presenza: lobos e lobishomes no imaxinario galego e universal”, por X. Luís Garrosa Gude
• 12:30-13:30 h · Mesa redonda: “Do lobo ao lobishome”

PARTICIPAN: Alberte Reboreda e X. Luís Garrosa Gude
MODERA: Isidro Novo

COORDINADORES DAS XORNADAS
Isidro Novo e Antonio Reigosa

Entrada de balde

Diploma de asistencia. Se está interesado/a en obter diploma acreditativo da súa asistencia debe inscribirse previamente a través do e-mail oficina@aelg.org ou chamando ao tlf. 981 133 233
Exposición. “O lobo, unha carreira por sobrevivir”, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), desde o 8 ao 25 de outubro de 2009.

Organizan: ADEGA, AAAGP, ERVA e Museo Provincial de Lugo.
Patrocina: Área de Cultura da Deputación de Lugo, Vicepresidencia primeira
Visitas guiadas para grupos escolares de E. Primario e ESO, con concertación previa no tlf. 659 683 384 / expolobo@gmail.com

8/12/2009

MariñaPatrimonio denuncia o traslado de restos arqueolóxicos do Castro da Atalaia


MariñaPatrimonio denunciou perante SEPRONA e da Dirección Xeral do Patrimonio o traslado, presuntamente ilegal, de materiais arqueolóxicos mesturados con area procedentes da destrución que Promociones San Ciprián provocou en decembro de 2007 no xacemento arqueolóxico inventariado do castro de San Cibrao. Estes materiais, que permanecían nunha finca fronte á gasolineira de Cervo, están sendo trasladados ao polígono industrial de Foz, incumprindo o que determina a lei para a remoción de terras con restos arqueolóxicos.

Trátase da acumulación duns 50 camións de restos que posteriormente foron tapados con terra doutra procedencia. ADEGA rescatou deste depósito, nunha simple inspeción superficial, dous muíños e restos de cerámica, denunciando estes feitos a 16 de xaneiro de 2008.

A pesar de que estes feitos foron denunciados hai case dous anos e que a D.X. do Patrimonio coñecía a existencia deste depósito con materiais arqueolóxicos, non se fixo ningunha intervención nel nin se procedeu á súa protección.
A Lei 8/1995 do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 56.3 determina o control por un arqueólogo das remocións de terras que afecten ou poidan afectar un espazo onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos. Neste caso non se trata dunha presunción, senón que a aparición de dous muíños e de cerámica confirman a existencia de restos arqueolóxicos.
Este traslado crea un novo xacemento arqueolóxico no polígono industrial de Foz, falseando a historia e provocando, deste xeito, problemas no estudo arqueolóxico da Mariña.

MariñaPatrimonio solicita nas súas denuncias a inmediata paralización do traslado dos materiais e a paralización das obras no polígono industrial de Foz mentras non se comprobe se nos materiais acumulados procedentes de Cervo hai restos arqueolóxicos. Tamén solicita a intervención arqueolóxica nestes restos co obxecto de recuperar os materiais arqueolóxicos procedentes do xacemento inventariado do castro da Atalaia.