4/08/2015

A XUNTA NON AUTORIZA O PROXECTO DE ESCAVACIÓN ENCAMIÑADO A PROTEXER O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DAS CATEDRAIS


O proxecto presentado por varios colectivos culturais non consegue a autorización
que permitiría o estudo, a documentación e a recollida de restos cerámicos do forno romano de Esteiro, situado na zona da Praia das Catedrais.

Tras os temporais de 2014 que afectaron gravemente o xacemento romano da zona da Praia das Catedrais, oito asociacións culturais contactamos coa Dirección Xeral de Patrimonio, non só para informar sobre a situación crítica na que se atopaba o sitio arqueolóxico, senón tamén para demandar unha intervención de urxencia que evitase a desaparición dos restos arqueolóxicos e que permitise obter a información científica que agocha o forno romano de Esteiro. 
Conscientes de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta non ía actuar coa rapidez necesaria, os oito colectivos culturais decidimos aunar esforzos para contratarmos un equipo de arqueólogos que realizase a demandada intervención arqueolóxica. Con este obxectivo en febreiro de 2015 enviamos a Patrimonio o noso proxecto de intervención, ao tempo que solicitabamos a pertinente autorización.

Debido á tardanza dunha resposta por escrito e despois de coñecer que a Xunta non estaba disposta a ver danada a súa imaxe delegando na sociedade civil a protección dun xacemento arqueolóxico, o pasado mes de marzo decidimos iniciar unha campaña para informar á opinión pública sobre a precaria situación na que se atopa o xacemento arqueolóxico de As Catedrais.

Coincidindo coa posta en marcha da campaña informativa, Patrimonio contactou telefonicamente con nós para comunicarnos que permitiría a nosa intervención arqueolóxica, unha vez que enviásemos as autorizacións do Servizo de Costas e do propietario do terreo. Pero este trámite non o chegamos a realizar, a pesar de contarmos cos citados permisos, por mor das modificacións que Patrimonio esixe no noso proxecto.

MODIFICACIÓNS INASUMIBLES

O proxecto de intervención arqueolóxica presentado na Xunta consistía na realización dunha cata de 3x3m, coa intención de recoller os materiais arqueolóxicos, documentar as estruturas do forno e averiguar se existen outras estruturas anexas ao xacemento. Posteriormente, a cata sería novamente tapada e, cos datos obtidos, avaliaríase se cumpría adoptar outras medidas, tales como o traslado das estruturas atopadas ou a construción dunha escolleira de protección. Estas novas medidas, de seren necesarias, deberían levalas a cabo Costas, Patrimonio ou o Concello.

Malia a que expertos consultados e os arqueólogos contratados consideran este proxecto como o máis axeitado, nunha recente comunicación da Dirección Xeral de Patrimonio indícasenos que cómpre “modificar as dimensións da sondaxe”, así como “executar unha pequena escolleira diante das escadas e da zona escavada”.

Arqueólogos consultados sobre estes requisitos esixidos pola Xunta consideran que cunha cata arqueolóxica reducida, como propón Patrimonio, non abondaría para recoller os materiais arqueolóxicos, non se poderían documentar as estruturas e sería imposible saber se o xacemento ten continuidade, polo que carecería de sentido facer unha intervención da que non se van obter resultados.

En canto á construción da escolleira que se nos esixe, o seu custe é para nós inasumible, como moi ben sabe Patrimonio, polo que pode que precisamente por iso se nos impoña como unha das condicións para autorizarnos a escavación.

En definitiva, a Xunta non autoriza o proxecto de intervención presentado e ao mesmo tempo os colectivos promotores non podemos asumir as modificacións que nos esixe Patrimonio; por iso as asociacións que pretendiamos colaborar na conservación, no estudo e posta en valor do xacemento das Catedrais vémonos na obriga de renunciar á intervención arqueolóxica.

Con todo, non podemos deixar de amosar a nosa satisfación por ter logrado que a cidadanía coñeza a existencia e a importancia do xacemento das Catedrais, así como o estado crítico no que se atopa.

Tamén nos satisface que Patrimonio coñeza a importancia deste xacemento e que sexa consciente de que o mar acabarao destruíndo se a Administración non actúa. Daquela, confiamos e agardamos que o motivo polo que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural rexeita a nosa colaboración non sexa outro que o desexo de executar pola súa banda un proxecto mellor o antes posible.

No entanto, se a Xunta non actúa e tampouco nos deixa facelo a nós, a opción que queda é que o mar leve o xacemento das Catedrais; e iso, ademais de indignante sería vergoñento.

4/06/2015

O ARQUEÓLOGO SANTIAGO FERRER IMPARTIRÁ EN RIOTORTO A CONFERENCIA “MINAS ROMANAS” ORGANIZADA POLAS ASOCIACIÓNS ARRINCADEIRA E MARIÑAPATRIMONIO.

Como é sabido o noroeste peninsular é unha zona rica en ouro. Xa antes da romanización os pobos indíxenas explotaban este codiciado metal e coa chegada do invasor romano produciuse un cambio rotundo ao converter a minería nunha auténtica actividade industrial, que provocou a transformación do territorio e cuxas pegadas chegaron até hoxe.

Riotorto é un concello coñecido polos seus ferreiros e sábese que houbo minería de ferro até non hai moito tempo; tamén se ten documentación de explotacións mineiras moi antigas que, segundo os indicios, poderían remontarse a época romana.

Para falar sobre as explotacións mineiras en época romana contaremos co arqueólogo Santiago Ferrer o próximo sábado, 11 de abril, ás 19:00h no Salón de Actos da Casa de Cultura de Riotorto. Unha actividade á que as asociacións organizadoras convidan a todas as persoas que queiran achegarse.