11/13/2021

Castro de As Engrobias (San Martiño - Foz)

 

En outubro de 2012, desde Mariña Patrimonio informamos á Dirección Xeral de Patrimonio sobre unha corta do monte no castro de As Engrobias (San Martiño- Foz). Ademais, alertábamos de que unha posible repoboación no xacemento podería danalo gravemente. Nesta ocasión, Patrimonio actúa correctamente e impide que se volva plantar sobre o castro.
En 2017, sendo alcalde Javier Jorge Castiñeira, o Concello de Foz compra os terreos do castro de As Engrobias, no que hoxe puidemos ver, con satisfación, os traballos arqueolóxicos que alí se realizaron estes días da man da Dirección Xeral de Patrimonio e mailo Concello de Foz.



11/05/2021

SOBRE A PRESENZA DE ESTRUTURAS CIRCULARES NA MARIÑA

Dende que en 2006 a escavación da Roda de Barreiros sacou á luz a existencia dun novo tipo de xacementos arqueolóxicos, descoñecidos ata o momento en Galicia, foron aparecendo e identificándose pouco a pouco novas estruturas circulares en todo o territorio galego. Na Mariña, da man da asociación sociocultural Mariña Patrimonio, descubríronse varios recintos que coinciden coas características destes círculos prehistóricos. Concretamente, no ano 2014 Mariña Patrimonio localizou na zona da Mourisca, en Cervo, dúas estruturas circulares duns 40 metros de diámetro. Trala descuberta destes dous xacementos, dita asociación solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio a catalogación e protección de ambos sitios arqueolóxicos; solicitude que foi rexeitada polo Servizo de Patrimonio de Lugo. En 2017, a Dirección Xeral de Patrimonio corrixe ao Servizo de Lugo catalogando e protexendo as dúas estruturas circulares de Cervo, despois de que no 2016 Mariña Patrimonio denunciara graves danos na estrutura 2 da Mourisca por mor dunha plantación de eucaliptos.
Por outro lado, a Mariña conta coa estrutura circular de Xove, coñecida oficialmente co nome de “Lavandeira”. Malia a que, tanto en notas de prensa da Xunta de Galicia coma en artigos xornalísticos, se afirma que a súa descuberta se produciu no transcurso das obras da vía de altas prestacións, treito San Cibrao-Celeiro, o certo é que o recinto de Lavandeira foi descuberto en 2015 por membros de Mariña Patrimonio. Precisamente, o feito de non terse detectado o xacemento durante a construción da mencionada vía provocou que unha parte importante do recinto prehistórico quedara sepultado baixo 13.000 metros cúbicos de terra. A retirada desta terra, que se produciu despois de que a asociación mariñá informara á Dirección Xeral de Patrimonio sobre a existencia deste ben patrimonial – e tamén da súa afectación debido ás obras- supúxolle á Consellería de Infraestruturas un desembolso de 212.336,91€.

As intervencións arqueolóxicas realizadas nos anos 2017 e 2019 datan este sitio arqueolóxico de Lavandeira na Idade do Bronce.

 
Tamén en 2015, a asociación Mariña Patrimonio localizou no concello de Xove, concretamente nas proximidades de Vilachá, un “castro” duns 90 metros de diámetro que foi catalogado por Patrimonio como castro de Castelo. Mais, cos datos que se coñecen na actualidade sobre a morfoloxía e a ubicación das estruturas circulares, é posible que este “castro do Castelo” sexa en realidade unha estrutura circular da Idade do Bronce.

Así mesmo, en 2016, membros de Mariña Patrimonio detectaron en Vilagoíz (A Devesa- Ribadeo), mediante imaxes aéreas, un posible recinto circular de 100 metros de diámetro. Como sucede con moitas das estruturas circulares localizadas en Galicia, os labores agrícolas ao longo do tempo foron afectando e rebaixando o parapeto da estrutura de Vilagoíz, ata facelo case imperceptible in situ. Con todo, nas imaxes aéreas vese claramente o recinto, e mesmo semella que hai un segundo círculo. En todo caso, cumpriría facer neste lugar estudos arqueolóxicos para determinar se son realmente estruturas circulares prehistóricas.
Neste mesmo ano, Mariña Patrimonio localizou unha parcela, coñecida co nome de Campo da Roda, na parroquia de San Xulián de Cabarcos (Barreiros). Sobre o terreo, puideron observar os restos do que podería ser un recinto moi alterado e cunha abundante vexetación, que impedía ver a posible estrutura. Porén, nas imaxes LIDAR apréciase a existencia dun recinto circular duns 55 metros de diámetro que, de confirmarse, sería a segunda Roda do concello de Barreiros.

Por último, en 2017, a mencionada asociación descubriu no lugar de Ronchas, en Fontao (Cervo) outra posible estrutura circular. Un recinto duns 40 metros de diámetro no que se pode ver con claridade o parapeto que o rodea. Aínda que Mariña Patrimonio solicitou a catalogación deste xacemento, a Dirección Xeral de Patrimonio denegouna por silencio administrativo. Deste xeito, a estrutura circular de Ronchas quedou sen a protección que unha administración responsable debería proporcionarlle. 

Dáse a circunstancia de que, no transcurso dunha plantación de eucaliptos en 2020, a apertura dunha gabia a 200 metros do recinto circular sacou á luz un muíño barquiforme, dificilmente movible, debido ao seu gran tamaño e ao seu peso. A aparición deste muíño podería ser un indicio da existencia dun asentamento que podería estar relacionado con esta estrutura circular de Ronchas.
 
En definitiva, desde o 2006, data en que se empeza a ter constancia da existencia deste novo tipo de xacementos arqueolóxicos, na Mariña existen 2 estruturas circulares da Idade do Bronce (A Roda e Lavandeira), segundo confirmaron as escavacións arqueolóxicas; 2 catalogadas como estruturas circulares, pero sen escavar (Mourisca 1 e Mourisca 2) e 5 posibles recintos sen catalogar.



Fotos: https://photos.app.goo.gl/rzZm4TjSBRh3RjUe7

11/01/2021

ARREDOR DA CONFERENCIA DE PILAR PRIETO E LUIS CORDEIRO SOBRE AS ESTRUTURAS CIRCULARES

No espazo privilexiado do Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos, Mariña Patrimonio retomou o pasado sábado 30 de outubro a súa actividade divulgativa, de forma presencial, cunha conferencia sobre os espazos círculares aparecidos en Galicia nos últimos anos. Un tipo de xacemento que se corresponde aproximadamente coa Idade do Bronce.

Para esta conferencia Mariña Patrimonio contou coa arqueóloga, investigadora e profesora de arqueoloxía da USC, Pilar Prieto, e co arqueólogo e investigador Luis Cordeiro Maañón.

Ambos conferenciantes están a realizar un traballo de recompilación con toda a información obtida das máis de 40 estruturas circulares descubertas ata o momento en Galicia. Arredor deste tipo de xacementos, achegaron datos sobre a súa morfoloxía, dimensións, ubicación e vinculacións espaciais cos distintos elementos do territorio. Así mesmo, fixeron referencia aos patróns que se observan no seu conxunto así como ás coincidencias e diferenzas con xacementos similares das Illas Británicas. A Mariña de Lugo é unha das zonas onde se teñen identificado un maior número deste tipo de xacementos, que constitúen o descubrimento máis novidoso no ámbito da arqueoloxía galega.

Aínda que resulta prematuro aventurar a función que cumprían estes recintos circulares, os restos atopados semellan claros indicios dunha posible función funeraria, unida á de espazo ritual e de celebración. A súa similitude cos espazos círculares británicos, ata agora coñecidos como “henge” (denominación que está sendo cuestionada actualmente polos investigadores británicos), deixa aberta aínda a identificación ou denominación dos mesmos. O que resulta relevante é a densidade destes xacementos no territorio galego, que iguala ou mesmo sobrepasa ao das Illas Británicas.

A conferencia contou cun importante número de asistentes, arredor de 50 persoas, o que amosa o gran interese que están a espertar estes enigmáticos xacementos, aínda pouco estudados e sobre o que predominan as incógnitas.




 

10/23/2021

CÍRCULOS INVISIBLES DA IDADE DO BRONCE. A FORMACIÓN DUNHA NOVA PAISAXE RITUAL EN GALICIA

 

Conferencia dos arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro organizada por Marña Patrimonio

A asociación sociocultural Mariña Patrimonio retoma as actividades presenciais organizando a conferencia a cargo dos arqueólogos Pilar Prieto e Luis Cordeiro. Esta actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, terá lugar o sábado 30 de outubro ás 18:00 na Casa da Administración / Museo Histórico de Sargadadelos.

Os círculos, sobre os que Pilar Prieto e Luis Cordeiro levan anos investigando, son un tipo de xacementos arqueolóxicos dos que se comezou a ter noticia da súa existencia en Galicia a partir da escavación de A Roda de Barreiros en 2006. Na Mariña, ademais de A Roda de Barreiros, figuran no catálogo de bens patrimoniais da Dirección Xeral de Patrimonio as estruturas circulares de A Mourisca de Cervo e a Lavandeira de Xove, descubertas pola asociación Mariña Patrimonio en 2014 e 2015 respectivamente.

Este tipo de xacementos arqueolóxicos, que se están descubrindo ultimamente por todo o territorio galego, constitúen unha auténtica novidade no panorama arqueolóxico de Galicia.

6/28/2021

UNHA PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS DANA GRAVEMENTE UN CASTRO DE ALFOZ MAL CATALOGADO POLA XUNTA

 

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Croa de Montoxo (Alfoz – Lugo), durante a realización de traballos forestais de corta e replantación de eucaliptos.

Ao visitaren o xacemento, ADEGA e Mariña Patrimonio comprobaron que se abriran no Castro de Montoxo novas pistas para o paso da maquinaria e a saca da madeira, afectando gravemente os parapetos e os foxos defensivos en varios puntos. Así mesmo, nos parapetos, nos foxos e máis na croa do castro realizáronse centos de furados con pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos. En moitos destes furados pódense apreciar pedras das antigas construcións do castro así como numerosos restos cerámicos de olaría da Idade do Ferro.

As asociacións denunciantes sinalan tamén que na zona máis elevada do xacemento chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmentos de tella medieval que aparece nos furados abertos pola pa mecánica.




Erros de xeolocalización que favorecen a destrución do Patrimonio

Para ADEGA e Mariña Patrimonio, a intervención e os danos provocados no Castro de Montoxo constitúen un auténtico atentado contra o Patrimonio Cultural de Galiza, cuxa responsable directa podería ser a propia administración pública. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está outorgando permisos de intervención a sabendas de que no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos. En concreto, o Castro de Montoxo, catalogado e protexido, aparece situado nun lugar equivocado nos visores de consulta pública de aproveitamentos forestais e do Plan Básico Autonómico.

Lembramos que ADEGA e Mariña Patrimonio fixeron varias denuncias públicas en 2020 ao detectar erros de localización e delimitación de xacementos, especialmente numerosos e graves en toda a metade norte da provincia de Lugo, na revisión e actualización do Catálogo de Patrimonio Cultural que fixo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos anos 2018 e 2019, e que se pode consultar nos visores do Plan Básico Autonómico e no de Aproveitamentos Forestais.

Malia a contar cun investimento público de 1.100.000 euros, a actualización e revisión do Catálogo incorpora numerosos erros de xeolocalización e delimitación dos xacementos inadmisíbeis que desprotexen unha importante parte do Patrimonio Cultural de Galicia e, por outra banda, protexen oficialmente parcelas que non son xacementos arqueolóxicos. Ademais, estarían creando un problema de inseguridade xurídica para os propietarios/as das parcelas, que oficialmente figuran como xacementos cando realmente non o son.

No caso do Castro de Montoxo, o erro na xeolocalización é especialmente grave porque, á parte de ser facilmente recoñecible polo seu dobre foxo e triplo parapeto, vese perfectamente nas imaxes LIDAR dos visores de ortofotografías da Xunta de Galicia. Ademais, trátase dun castro coñecido que aparece documentado xa no século XIX por Villa-Amil y Castro nos seus traballos “Los castros y las mámoas de Galicia” e Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia”. Así mesmo, na actualidade, autores como A. Canoura Quintana, Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón ou arqueólogos como Abel Vigo falan deste xacemento e dos achados que se teñen atopado nel nas súas publicacións.

Casualmente, no transcurso da visita que membros de Mariña Patrimonio e ADEGA fixeron ao Castro de Montoxo para comprobaren os danos producidos no xacemento, localizouse unha rocha na que foron labradas dúas “salas” de aproximadamente 4m de longo por 2m de ancho, coas esquinas redondeadas e cuns pequenos ocos na parede picada na pedra. Dáse a circunstancia de que esta edificación non estaba localizada, aínda que se sabía da súa existencia grazas ás publicacións de J. Villa-Amil y Castro, quen a denomina Petra Naufa.


Fotos: https://photos.app.goo.gl/fxsydBe5PypgH8839

3/06/2021

A CONSERVA NA MARIÑA: O CASO DE DALO ( FOZ )

 

O vindeiro 12 de marzo ás 19.30h terá lugar na páxina de Facebook de Mariña Patrimonio a charla “A conserva na Mariña: o caso de DALO (Foz)”. A actividade, que conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, enmárcase no ciclo de conferencias online organizadas por Mariña Patrimonio.

Nesta ocasión, a charla correrá a cargo dos historiadores Xoán Ramón Fernández Pacios e Xosé María Leal Bóveda. Ao longo da súa intervención, abordarán a evolución da industria conserveira na Mariña de Lugo, ao tempo que explicarán o caso significativo das empresas de Damián López (DALO) de Foz, centrándose na súa faceta madeireira, na do tráfico marítimo de cabotaxe así como na actividade conserveira.