12/16/2009

Viaxe a Exipto con LugoPatrimonio


A nosa asociación amiga da capital provincial organiza para este inverno unha fantástica viaxe a Exipto, para a que se poden apuntar, ata o 22 de decembro, tanto asociados como non asociados.

Non esperedes a saber se vos toca o gordo de Nadal para contactar, que logo ao mellor non hai praza!

Podedes contactar no telefono 676 800 227
Remitimosvos á web de LugoPatrimonio para que vexades os detalles da viaxe, que non ten desperdicio:
http://www.lugopatrimonio.org/web/index.php?option=com_content&view=article&id=298:venteaexipto&catid=1:latest-news&Itemid=18

12/05/2009

HISTORIAS SALGADAS

POLAFÍA NO MUSEO PROVINCIAL DO MAR de SAN CIBRAO, CERVO
Sábado, 12 de decembro de 2009, ás 7 da tarde

Intervirán:
Antón Castro, Isidro Novo, Xoán Neira, Paco Rivas e veciñas e veciños de Cervo e arredores, para contar e contar, para conversar e escoitar

ENTRADA LIBRE

Organiza. AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
Patrocina: Área de Cultura da Deputación de Lugo.
Colaboran: Asociación MariñaPatrimonio
__________
As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG, na súa Sección de Literatura Oral. As polafías terán unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.

12/03/2009

Conferencia de Xoan Carmona en Viveiro

Ante unha abundante concurrencia, no sede social de Caixa Galicia, o profesor universitario e especialista en arqueolóxía industrial, Xoan Carmona, realizou un ameno repaso por todos aqueles restos da industrialización na Mariña dos últimos 250 anos, desde toda a industria do ferro da comarca do Eo, de Sargadelos e Viveiro, ata a experiencia de industria mecánica desenvolvida por Barro en Chavín, e pasando polas primeiras instalacións hidroeléctricas ou da fabricación textil, resaltando a importancia que, cualitativamente, tivo a industria mariñana dentro do contexto galego e mesmo español.

Entre as interesantes ideas que transmitiu, compre destacar o feito de que non se acometera a necesaria planificación sobre os restos arqueolóxicos existentes no país, que permita optimizar os investimentos realizados, nada despreciables, pero inconexos e carentes de viabilidade e de proxección. A primeira prioridade, para Carmona, sería elaborar un inventario sistemático de bens, que permitiría rendabilizar os recursos investidos na posta en valor daqueles restos seleccionados como máis representativos e interesantes.

Finalmente, deixou tamén a máis optimista idea de constatar na sociedade galega un crecente interese pola valorización e defensa do noso patrimonio histórico-industrial, algo que nos debe animar a continuar na nosa tarefa de sinalar e por en evidencia os nosos bens patrimoniais.

Para ver máis fotos do evento:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=ALBUM&id=5407354350174908881&authkey=Gv1sRgCOTo6OPAlqjzxwE&feat=email