12/10/2016

Mariña Patrimonio leva a Europa a destrución do patrimonio arqueolóxico na Mariña

 
Representantes de Mariña Patrimonio vimos de participar nas “Xornadas de debate e reivindicación” que tiveron lugar no Parlamento Europeo, en Bruxelas, os días 7 e 8 de decembro.
Dende Mariña Patrimonio valoramos moi positivamente estas xornadas promovidas pola eurodeputada Lidia Senra, de AGE Europa; unha iniciativa que, sen dúbida, permitiu visibilizar a precaria situación pola que atravesa a totalidade da cultura galega, propiciada polo desleixo e os ataques das institucións.
Nestas prolíficas xornadas sobre a situación da cultura galega, Mariña Patrimonio abordou o tema da destrución masiva do patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto, coa complicidade da Xunta de Galicia.
No transcurso destas xornadas tivemos oportunidade de explicarlles aos representantes da comisión europea con competencias en cultura, Macies Hoffman e Nicola Robinson, a crítica situación na que vive o patrimonio arqueolóxico na Mariña, ao tempo que lles entregamos o seguinte documento:
Mariña Patrimonio somos unha asociación de defensa do patrimonio cultural de Galicia. A nosa área de acción é a zona norte da provincia de Lugo, coñecida como A Mariña.
Nesta zona de A Mariña nos últimos anos vimos observando con preocupación como se vai destruíndo sistematicamente o seu patrimonio cultural, sobre todo o seu rico patrimonio arqueolóxico.
Unha das causas principais desta destrución ten que ver cos intereses económicos da industria do eucalipto,que convertiu esta comarca nun inmenso eucaliptal e que actúa con total impunidade,vulnerando sistematicamente as leis de protección do patrimonio.
Pola súa banda, a administración autonómica, que ten a obriga de velar polos nosos bens patrimoniais, é cómplice desta destrución ao permitirlle á industria do eucalipto que actúe con total liberdade, no canto de cumprir co seu deber legal de protexer os xacementos arqueolóxicos.
Como europeos escandalizámonos cando a barbarie do Daesh destrúe o patrimonio arqueolóxico en Irak, Libia ou en Siria, pero non somos verdadeiramente conscientes de que a barbarie da industria do eucalipto está tamén destruíndo o patrimonio arqueolóxico nesta zona de Europa.
Dende a nosa asociación queremos alzar unha voz de alarma; se a administración galega non comeza xa a tomar decisións responsables para frear este tipo de accións e non actúa con firmeza na defensa do patrimonio, en pouco tempo centos de importantes xacementos serán destruídos inevitablemente.

Mariña Patrimonio agradece as mostras de apoio das distintas delegacións; un apoio que nos anima a continuar co noso labor en defensa de patrimonio. Asímesmo, aproveitaremos as novas ideas xurdidas no transcurso destas xornadas e exploraremos novas vías para forzar á Xunta de Galicia a que cumpra coa súas obrigas na defensa e protección do patrimonio, que é de todos.
Fotos:




11/17/2016

Convenio de colaboración

 O Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo e Mariña Patrimonio asinamos o pasado mes de outubro un convenio de colaboración para compartir e participar en actividades conxuntas relacionadas co mar, que teñan que ver coa defensa e coa divulgación do noso patrimonio natural e cultural.




11/15/2016

A XUNTA OBRIGADA A INDEMNIZAR UN CONSTRUTOR QUE DESTRUÍU PARTE DUN CASTRO EN SAN CIBRAO

ADEGA e Mariña Patrimonio responsabilizan ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao concello de Cervo do fallo que obriga a indemnizar o responsable da destrución parcial do castro da Atalaia

Diante da recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á Xunta a indemnizar a empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte do castro da Atalaia, tanto ADEGA, que dende o comezo estivo ao lado dos veciños na defensa do castro, como Mariña Patrimonio, asociación que naceu a partir deste conflito, non temos ningunha dúbida de quen son os responsables no sucedido no caso do xacemento da Atalaia.
Para situármonos, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr os cartos e permitía medrar a corrupción por todas partes.
Coincidindo con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un xacemento arqueolóxico. Por este motivo e co fin de evitar unha desfeita arqueolóxica, informouse persoalmente ao promotor sobre a existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de 2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se rexistraba un escrito advertindo sobre a compra de terreos para edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do xacemento.
Por outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo estaba a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de 2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano.
Con todos estes datos, os arqueólogos de Patrimonio de Lugo tiñan a obriga de inventariar e de protexer este ben patrimonial, o que impediría que o Concello de Cervo concedese as licenzas para edificar sobre o xacemento da Atalaia. Pola contra, o Servizo de Patrimonio de Lugo tardou nada menos que vinte meses en incluílo no Inventario; concretamente o castro da Atalaia foi inventariado o 19 de abril de 2007. Curiosamente, a véspera, o 18 de abril de 2007, o Concello de Cervo concedéralle a Promociones San Ciprián a última das licenzas.
Por tanto, dado que o concello de Cervo sabía da existencia do xacemento e, malia todo, non dubidou en conceder as mencionadas licenzas, o ex-alcalde José Insua e o seu equipo de goberno son tamén responsables da destrución no castro da Atalaia e de que Patrimonio teña que indemnizar agora ao construtor.
Cómpre non esquecer, ademais, que a sentenza abre a posibilidade de que o promotor lle reclame ao Concello outra indemnización por ter concedido unhas licenzas para edificar nun lugar no que sabían que existía un xacemento. Esta posible indemnización suporía que todos os veciños de Cervo teriamos que pagar polas actuacións irresponsables de José Insua e mais do seu equipo de goberno.
Por outra banda, ADEGA e Mariña Patrimonio queremos felicitar a empresa construtora porque, malia ter destruído 1600m2 de xacemento arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias e porque, a pesar de ter na Atalaia un edificio ilegal que non cumpre as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, o seu edificio, de momento, segue en pé para vergoña de todos os cervenses. Tamén o felicitamos polos cartos que vai recibir da Xunta de Galicia, xa que non todos os construtores teñen a posibilidade de facer caixa dende que estourou a burbulla inmobiliaria.
Porén, cando uns ganan outros perden e, lamentablemente, as neglixencias e mais o desleixo do Servizo de Patrimonio de Lugo, xunto coa actuación irresponsable do concello de Cervo, van provocar inesperados efectos colaterais, dado que os cartos que recibirá o construtor saen do presuposto que ten Patrimonio para intervir e para protexer sitios arqueolóxicos en toda Galiza. En consecuencia, esta sentenza non só afectará a moitos xacementos senón que tamén prexudicará as empresas de arqueoloxía, que verán reducida a súa carga de traballo.
Por todo isto, ADEGA e Mariña Patrimonio demandamos que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe depurando as posibles responsabilidades do Servizo de Patrimonio de Lugo. Tamén lles solicitamos á Xunta e mailo Concello a demolición da edificación ilegal xunto coa expropiación dos terreos que o construtor ten no xacemento e , por suposto, demandamos a posta en valor dos restos arqueolóxicos xa escavados así como a construción dun museo arqueolóxico na Atalaia.

FOTOS:





11/10/2016

O SERVIZO DE PATRIMONIO DE LUGO NON ACTÚA ADECUADAMENTE PARA PROTEXER UN XACEMENTO ARQUEOLÓXICO EN CERVO, CONSIDERADO ÚNICO EN GALIZA

Patrimonio puido ter evitado os graves danos sufridos recentemente polo xacemento 
ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de denunciar perante o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo os graves danos que sufriu unha das estruturas circulares no sitio arqueolóxico de A Mourisca, localizado no concello de Cervo. Os danos foron ocasionados no transcurso dos labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca.
A Mourisca é un sitio arqueolóxico que se atopa nunha chaira do monte Motín, situado entre Castelo, Viladesuso e A Senra. Está formado por dúas estruturas circulares duns 30 m de diámetro, posibles henges, e máis dúas mámoas. Como non se teñen feito prospeccións nin estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos arqueolóxicos.
Antes de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de calquera posible xacemento, Mariña Patrimonio e ADEGA poñémonos en contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a autenticidade do xacemento. No caso de A Mourisca tivemos a oportunidade de ensinarllo a un total de sete arqueólogos e todos eles coincidiron en que A Mourisca é un sitio arqueolóxico único en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar e protexer este singular ben patrimonial.
En consecuencia, o 27 de xaneiro de 2014 solicitamos no Servizo de Patrimonio de Lugo a inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Despois de vinte e un meses de demora, o 14 de outubro de 2015 un técnico de Patrimonio de Lugo inspeccionou o lugar e comprobou a existencia das citadas estruturas; así mesmo, no transcurso da inspección entregáronselle pequenos anacos de cerámica que foran atopados nun dos recintos circulares. Posteriormente, os técnicos de Lugo incluíron no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas estruturas como Referencias coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, respectivamente. Porén, o feito de incluír no Inventario un lugar como Referencia supón que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o lugar queda sen a debida protección.
Por este motivo, ADEGA e Mariña Patrimonio temos explicado a anómala situación de A Mourisca e, asemade, temos expresado a nosa disconformidade en reiteradas ocasións en distintos foros: con asociacións en defensa do patrimonio, con persoas do mundo da cultura, con políticos de diferentes forzas políticas, co alcalde e con concelleiros de Cervo e mesmo con Patrimonio.
Posiblemente froito destes contactos, en maio a prensa facíase eco da existencia do sitio arqueolóxico de A Mourisca, ao tempo que reproducía as declaracións da Dirección Xeral de Patrimonio nas que se anunciaba a corrección da ficha que fora elaborada polo Servizo de Patrimonio de Lugo: «Respecto dos outros dous círculos, os técnicos de Patrimonio constataron a súa autenticidade como xacementos arqueolóxicos, e por tal motivo estase a reformar a ficha para cambiar a súa situación de referencia a xacemento arqueolóxico». 
 
Lamentablemente a corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que adopte medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita erros con consecuencias tan graves como as derivadas deste caso e, así mesmo, agardamos que Patrimonio sexa quen de definir onde fallou o Servizo de Patrimonio de Lugo e o grao de responsabilidade que tivo este Servizo nos danos que sufriu o sitio arqueolóxico de A Mourisca, por non contar este ben patrimonial coa necesaria protección, pese as nosas reiteradas advertencias.





10/17/2016

A XUNTA, FINALMENTE, ESCAVA O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DAS CATEDRAIS ONDE NEGABA A EXISTENCIA DE RESTOS DE CERAMICA ROMANA

 
  • Centos de fragmentos cerámicos foron rescatados no transcurso dos traballos.
  • A Xunta realizou a escavación sen necesidade de construír o dique de protección que esixía ás oito entidades que se ofrecían voluntarias para retirar os restos arqueolóxicos antes de que foran arrastrados polo mar.
ADEGA e Mariña Patrimonio dámoslles os parabéns a todas as persoas e a todos os colectivos que se moveron na procura dunha solución que evitase a desaparición do xacemento arqueolóxico do forno romano de Esteiro, afectado gravemente tralos temporais de marzo de 2014.

Debido á inevitable destrución do sitio arqueolóxico pola acción do mar, tivemos claro desde o comezo que cumpría unha urxente intervención encamiñada a recoller os centos de fragmentos cerámicos dos dolium así como a documentar as estruturas do xacemento. Despois de terlle comunicado ao Servizo de Patrimonio de Lugo a situación na que se atopaba o forno de Esteiro, e tras solicitarlle a recollida dos numerosos restos de cerámica, na súa resposta por escrito informaba textualmente: “Os técnicos deste Servizo fixeron unha inspección do xacemento o día 11.03.2014 e non atoparon indicios de materiais arqueolóxicos mobles”.

Debido a esta insólita negación da realidade,oito colectivos culturais (Mariñapatrimonio, ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira e a Irmandade de Santo Estevo) xuntamos esforzos para promover voluntariamente a necesaria intervención arqueolóxica, polo que contactamos cun grupo de arqueólogos que elaboraron un proxecto de escavación. Porén, unha vez máis, alguén desde Patrimonio decidiu boicotear unha acaída solución para o xacemento de Esteiro ao poñer como condición sine qua non a construción dun dique que protexese o xacemento das crecidas do mar. O elevado custe que supoñía a construción do “imprescindible” dique obrigounos a renunciar á mencionada escavación. Curiosamente, esta infraestrutura non foi necesaria para a escavación executada recentemente pola Xunta.

Malia todo, dámoslle tamén os parabéns á Dirección Xeral de Patrimonio por ter reconducido esta absurda situación e por ter asumido a intervención arqueolóxica que achegou novos datos do xacemento, permitindo documentar as estruturas do forno e conseguindo rescatar centos de fragmentos cerámicos cuxa existencia, nun principio, negaba o Servizo de Patrimonio de Lugo.

As persoas que hoxe se acheguen ao sitio arqueolóxico comprobarán que o forno de Esteiro quedou novamente tapado e que non foi imprescindible construír o dique de protección que a nós se nos esixía con tanto celo. Sospeitamos que a finalidade da incondicional construción do dique non era a de frear o mar, senón a de frear a cidadanía que se move en defensa do patrimonio común.







9/01/2016

Pantasmas do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval. Conferencia de Manuel Gago en O Vicedo.




As asociacións Mariña Patrimonio e Nordés Faladora vimos de organizar para o sábado 10 de setembro unha conferencia a cargo do xornalista e divulgador cultural Manuel Gago Mariño, co título "Pantasmas do mar. Vikingos e outros piratas na Galicia medieval”. Esta actividade, con entrada libre e gratuíta, terá lugar ás 20.00h na Casa de Cultura de o concello de O Vicedo.
A xornada completarémola cunha visita ao mosteiro de San Miguel na illa Coelleira, que partirá do porto de O Vicedo ás 10.00h. Dado que a visita á Coelleira ten límite de prazas, é imprescindible ter feita a reserva previamente.
Ás 14.30h haberá un xantar na Casa Fanego de San Román e as persoas que queiran participar nel teñen como data límite para anotarse o mércores 7 de setembro. Finalmente, tralo xantar, faremos unha visita ao xacemento arqueolóxico de Os Moutillós.
Para coñecer os prezos e as condicións da viaxe á Coelleira así como o custe do xantar, cómpre contactar con Miguel Vizoso no teléfono 619 55 32 36.

6/06/2016

A MURALLA DE LUGO PLANTARASE DE EUCALIPTOS NO ARDE LUCUS

As asociacións ADEGA, Cultura do País e Mariña Patrimonio organizamos para o sábado 18 de xuño unha plantación de eucaliptos no adarve da muralla de Lugo. Con este acto pretendemos visibilizar a destrución masiva e indiscriminada do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria forestal.

Aproveitando a xornada de festa do Arde Lucus, na que moita xente en Lugo cambia de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador romano ou guerreiro celta, os asistentes a este acto reivindicativo na muralla converterémonos por uns momentos en axentes da industria do eucalipto. Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de “ningún xacemento sen eucaliptos”, procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos da industria forestal, farémolo sen pedir permiso a Patrimonio.

A actividade do 18 de xuño terá lugar ás 13.00h no adarve da muralla, no tramo entre a Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. A continuación haberá un xantar de confraternidade no Lar de Cultura do País. Para rematar a xornada, tras o xantar faremos unha visita guiada a Adai para coñecer o seu impresionante patrimonio arqueolóxico.

As persoas que desexen participar no xantar e/ou na visita guiada, deberán anotarse en
culturadopais@gmail.com ou mr.patrimonio@gmail.com ou no tfn. 619 553 236 (Miguel).

6/01/2016

ADEGA E MARIÑA-PATRIMONIO DENUNCIAN DANOS MASIVOS AO PATRIMONIO HISTÓRICO-ARQUEOLÓXICO POLA INDUSTRIA DO EUCALIPTO



ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de presentar 40 novas denuncias por danos ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto: plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada, etc. De feito, no N da provincia de Lugo, unha área intensamente eucaliptizada, levamos documentado e presentado nos últimos 5 anos un total de 56 denuncias. ADEGA e MariñaPatrimonio coidamos que boa parte dos xacementos arqueolóxicos desta área xeográfica (uns 500), poden estar afectados nalgunha medida polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto.

Entre estes últimos 40 xacementos afectados figuran 2 abrigos paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, 1 xacemento medieval e 2 de idade indeterminada.

Por concellos, as afeccións documentadas distribúense do seguinte xeito:
Abadín, 3
Lourenzá, 1
O Vicedo, 2
Alfoz, 3
Mondoñedo, 5
Viveiro, 2
Barreiros, 3
Trabada, 1
Xove, 5
Foz, 3
Valadouro, 11
Friol, 1

Coidamos que estas 40 novas denuncias són só unha pequeña mostra, a punta do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos submetidos á ditadura do eucalipto. Extrapolando os datos ao preto do medio millón de hectáreas eucaliptizadas en Galiza, a magnitude da afección patrimonial (con danos por veces irreparábeis sobre o ben, chegando mesmo até a desaparición do xacemento) e o impacto cultural asociado, podería ser inmensa.
As responsabilidades destas desfeitas distribúense, na opinión de ADEGA e MariñaPatrimonio, a partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta de Galiza. A primeira, por actuar irresponsabelmente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE. No tocante á Xunta, a súa responsabilidade é quizáis maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixianza e control dun valiosísimo patrimonio público.

E perante a inoperancia da administración, somos a cidadanía organizada a que estamos asumindo o papel de tutelar estes bens. Seguiremos a documentar e a denunciar perante os servizos de Patrimonio e o SEPRONA todos aqueles casos que poidamos constatar nos que se produzan danos ao noso patrimonio. Valéndonos da listaxe dos xacementos e contando cos recursos que as novas tecnoloxías ofrecen, con actualizacións periódicas de imaxes de satélite, pódese facilmente comprobar se houbo cortas e/ou plantacións de eucaliptos sobre unha determinada zona. Como é que a Xunta non o fai contando con moitos máis recursos?

Perante esta situación, ADEGA e MariñaPatrimonio pediremos tamén áo amparo da UNESCO, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, para frear a destrución masiva dos bens arqueolóxicos galegos pola industria eucaliptal e a inoperancia da Xunta.


5/08/2016

EUCALIPTOS NO CASTRO DA VELA



Ás veces é difícil demostrar unha agresión ao patrimonio e saber se está dentro dos límites do xacemento. Porén, nas novas tecnoloxías temos un bo aliado e unha boa testemuña, tal e como se pode apreciar neste caso do Castro da Vela.
Alguén dubida  que esta plantación de eucaliptos e a correspondente remoción de terras (obsérvense os buratos)  afectou  o sitio arqueolóxico? Alguén dubida que esta parcela coa nova plantación de eucaliptos está dentro do castro?

4/23/2016

80 EUCALIPTOS PARA UNHA MÁMOA


Seguimos observando agresións salvaxes ao patrimonio e  seguimos sorprendéndonos e escandalizándonos do que a industria forestal está a facer. A última, na mámoa do Chao da Moa. Profundos sucos, pedras desprazadas e uns 80 eucaliptos enriba do túmulo.
 


4/10/2016

ROZA DA LAMELA, ANTES E DESPOIS DOS EUCALIPTOS



Así queda un campo de mámoas tralo paso dos integristas do eucalipto; integristas porque pretenden que Galiza estea integramente plantada de eucaliptos.

3/15/2016

Un castro recén inventariado en Mondoñedo arrasado por unha plantación de eucaliptos

En decembro de 2015 o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza incluía no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos un novo sitio arqueolóxico coa denominación Castelo de Monte da Arca e clave de identificación GA27030036.

Foi por iniciativa de MariñaPatrimonio que este xacemento da idade do ferro, coñecido como o Castro do Monte da Arca de Argomoso, acadou a protección oficial, aínda que xa fora recollido e descrito polo historiador José Villamil Y Castro no seu libro
"Los castros y mámoas de Galicia" en 1876.

Tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo dende a que era perfectamente visíbel cuberto por bosque autóctono.

Hai poucos días todo o sitio arqueolóxico foi arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos. Milleiros de anos de historia e patrimonio público derramados a maior gloria do eucalipto, cuxo monocultivo non parece ter límites.
VER FOTOS 

Dende ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de denunciar estes feitos por canto poden ser constitutivos dun delicto contra o patrimonio cultural tipificados no Código Penal nos artigos 321 a 324.

Resulta lamentábel que teñamos que ser as asociacións non governamentais as que, perante a pasividade e o desleixo da administración, teñamos que tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico.

O máis grave é que non se trata dun caso illado: son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperábel como é o caso, polos labores asociados ao monocuiltivo do eucalipto. Paradoxalmente, moitas destas plantacións de eucaliptos son despois certificadas co selo FSC, que garante un aproveitamento forestal "sustentábel"...
Ligazóns