11/12/2010

Danos no Castro da Atalaia





Malia a existencia dunha resolución da Dirección Xeral de Patrimonio que obriga a Promociones San Ciprián a tapar os restos das estruturas das edificacións atopadas no Castro da Atalaia, este xacemento segue deteriorándose por incumprir dita resolución.

En xuño de 2010 a Dirección Xeral de Patrimonio ditaba unha resolución que obrigaba a Promociones San Ciprián a tapar novamente as parcelas escavadas no castro da Atalaia no que apareceron estruturas moi importantes dun asentamento galaico-romano. Este tapadp provisorio contémplase como a única maneira de protexer as estruturas aparecidas en tanto non se consoliden e se poñan en valor. O tapado dos restos terán que realizalo arqueólogos e será financiado polo promotor

O 28 de xuño de 2010 Mariñapatrimonio denunciou a caída dun muro dunha das cabanas por mor das fortes choivas que deixara o temporal. Novamente, un temporal sacudiu estes días A Mariña e novamente o xacemento arqueolóxico sofre desperfectos por non ter cumprido o promotor a resolución de Patrimonio.

Nesta ocasión os danos foron causados por mor duns taboleiros de considerable tamaño que caeron sobre os restos arqueolóxicos dende o 5º piso da obra paralizada que Promociones San Ciprián ten a carón do citado xacemento.

Mariñapatrimonio lémbralles ao promotor, ao Concello e a Patrimonio que teñen a obriga de protexer o xacemento adoptando as medidas necesarias que garantan esa protección.

Por iso, esixímoslles ao Concello e a Patrimonio que actúen con dilixencia para que o promotor cumpra a resolución e protexa este ben patrimonial antes de que sexa demasiado tarde.

ligazón para as fotos.

http://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroAtalaiaDanosCausadosPorTaboleiros