11/27/2023

DOCUMENTAL XOVE DEMOCRACIA NUCLEAR

 

A localidade de Xove acollerá o vindeiro venres 1 de decembro a proxección do documental 'Xove, Democracia Nuclear'. Este traballo xornalístico está dirixido polo xornalista leonés Pedro Lechuga Mallo, quen contou coa colaboración da Asociación de Prensa de Lugo para a súa gravación. Este documental recupera a través dos medios de comunicación en novembro de 1973 as historias vividas na Mariña cando foi público o proxecto de construción dunha central nuclear en Xove. Recollen os testemuños de quince persoas vinculadas á mobilización, veciños e persoas relacionadas co nacionalismo, o Sindicato Labrego Galego, xornalistas e profesores, ademais do entón alcalde de Xove, Jesús López González.

A proxección terá lugar a partir das 20:00 horas no salón de actos do Centro Cívico, sendo a entrada gratuíta até completar aforo. Este evento é posible grazas ao ámbito de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que financiou a emisión deste documental en doce localidades da provincia lucense, e á asociación sociocultural Mariña Patrimonio.

Ao rematar o documental, haberá un coloquio no que participarán o director de 'Xove, Democracia Nuclear', o actual alcalde de Xove e mais Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, unha das persoas vinculadas ao nacionalismo galego que aparece no documental e que participou activamente nas mobilizacións.

'Xove, Democracia Nuclear' chega á localidade de Xove despois de terse proxectado en Burela, Viveiro, Cervo, Vilalba, Sarria e O Valadouro. Ademais, antes de rematar o ano tamén se proxectará en Barreiros, O Vicedo, Ribadeo e Lugo.

‘Xove, Democracia Nuclear’ forma parte do proxecto a nivel nacional ‘Democracia Nuclear’, que ten como obxectivo recuperar as historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en España nos anos setenta. Neste sentido, hai uns meses xa se estreou nos cines ‘Coyanza-1975, Democracia Nuclear’, o documental que narra o acontecido na provincia de León en 1975 cando se soubo da intención do Réxime de construír unha central nuclear en Valencia de Don Juan.

11/12/2023

A matanza do porco. Cultura e tradición

 

Coincidindo co día de San Martiño, 11 de novembro, que marca o inicio da tempada da matanza do porco, Mariña Patrimonio organizou unha conferencia titulada A matanza do porco. Cultura e tradición”, a cargo do doutor en antropoloxía social, Xoán Carlos García Porral. O acto celebrouse na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro e completouse cunha comida de cocido no Restaurante Asturias, que deixou ben satisfeitos aos participantes.

Co amplo coñecemento directo e indirecto que posúe sobre o tema, o ponente realizou un percorrido, tan exhaustivo como entretido, por todo o proceso que vai desde a cría e ceba do porco na casa tradicional galega ata os derradeiros pasos da elaboración dos múltiples aproveitamentos deste animal que tanta importancia tivo na Galicia rural ao longo da historia. Así repasou a ceba, o día da mata e todos os traballos e costumes que inclúe, seguido do día da parta e o salgado e do día dos chourizos, no que se fan todas as elaboracións de embutidos. A explicación centrouse na tradición da matanza na súa comarca, o Deza, pero facendo constante referencia ás distintas variantes terminolóxicas e nas formas de facer que se poden atopar ao longo e ancho do país.

Así mesmo, fixo ampla referencia aos rituais e crenzas relacionadas coa cultura do porco que dan mostra da enorme importancia que este animal tivo na supervivencia alimentaria do pobo galego, así como ás numerosas referencias que o porco e a matanza teñen na literatura oral e escrita, con citas a textos de Rosalía de Castro ou Camilo José Cela. Cómpre resaltar a importancia deste elemento do patrimonio inmaterial galego, resultado dun coñecemento profundo e complexo construído ao longo dos séculos e que, desgrazadamente, corre risco de desaparecer.

Os nosos parabéns a este estudoso da cultura popular polo seu traballo de investigación e divulgación, e agradecemento pola súa presenza na Mariña. Agradecemento tamén ao concello do Valadouro por facilitarnos o local e pola colaboración, sempre atenta, do persoal da Casa da Cultura.

VIDEO: https://youtu.be/rDYMc0LfQRY?si=Vm7-TY5lzinI73I8



11/04/2023

UNHA CONFERENCIA SOBRE A MATANZA DO PORCO E UN COCIDO, PRÓXIMA ACTIVIDADE DE MARIÑA PATRIMONIO NO VALADOURO

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro sábado 11 de novembro a conferencia “A matanza do porco.Cultura e tradición” que impartirá o Doutor en Antropoloxía Social Xoán Carlos García Porral. O conferenciante ten publicada unha tese na que analiza o proceso de modernización capitalista ao que se veu sometido o sector agropecuario dende a década de 1960, e como na actualidade as comunidades rurais tentan manter a súa identidade social e cultural a través dos antigos espazos agropecuarios.

A actividade, que conta coa colaboración do Concello de O Valadouro e a área de Cultura da Deputación de Lugo, desenvolverase no Salón de Actos da Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro a partir das 12.00 e a ela poderán asistir, de maneira libre e gratuíta, todas as persoas que o desexen.

Mariña Patrimonio anima continuar co coloquio posterior á charla compartindo o cocido que se servirá no restaurante Asturias (Ferreira do Valadouro) a partir das 14.00. As persoas interesadas poderán por 25€ participar neste xantar comunicándoo a través do correo da asociación: mr.patrimonio@gmail.com. A data límite para se anotar ao cocido remata o xoves 9 de novembro.



11/03/2023

Castroverde

 

O pasado sábado 28 de outubro realizamos a anunciada visita ao patrimonio de Castroverde, tan descoñecido para nós como extenso e interesante. O día chuvioso non axudou a completar o programa previsto, pero aínda así resultou moi  satisfactorio, porque tivemos a sorte de contar cun guía de excepción, Ricardo Polín, Doutor en Filoloxía, historiador, cronista oficial de Castroverde e principal impulsor do Camiño Primitivo a Santiago.

Comezou a mañá coa visita á queixería Santo André, onde Carlos Reija, o mestre queixeiro e propietario tivo a xentileza de ensinarnos o proceso de fabricación e mesmo nos obsequiou cunha degustación do seus queixos do Cebreiro, galardoados reiteradamente no Salón Gourmets de Madrid, logo dun proceso de recuperación do queixo tradicional curado que os reis de Castelá enviaban como obsequio a outras monarquías europeas.

A continuación visitamos a parroquia de Tórdea, na que puidemos ver un pequeno tramo da via romana XIX, ramal 2A, que une Astorga con Lugo, así coma a fermosa igrexa parroquial de Sto. Tomé de Tórdea, de orixe prerrománica, na que chaman a atención as numerosas gravuras talladas nos seus muros. 
O xantar do grupo tivo lugar no restaurante
Casa Remedios, unha casa de comidas de referencia na comarca, reseñable pola súa singularidade e a calidade da súa cociña tradicional.

Na xornada de tarde, no medio dunha choiva intensa e continua, visitamos o conxunto monumental de Vilabade, composto pola igrexa de Santa María, coñecida como a “Catedral de Castroverde”, igrexa anexa ao antigo convento hoxe desaparecido. O templo gótico foi construído no século XV. Ao lado do templo, o Pazo de Vilabade, hoxe reformado e convertido en aloxameto turístico, compoñen un conxunto que sorprende pola súa magnificencia. Moi preto deste lugar, visitamos tamén a ermida da Virxe do Carme, enclavada nunha espléndida carballeira que o primeiro domingo de agosto celebra unha romaría de grande sona.

A visita rematou ao pé do castro de Castroverde, no que se atopa a torre da homenaxe do castelo, que inicialmente data do século XIV e pertence á familia dos Osorio e posteriormente á de Altamira, xa no século XVI. O conxunto que forma o castro, hoxe cuberto dun frondoso bosque autóctono, os restos do castelo e mailo pequeno burgo anexo á fortificación, posúe un alto valor patrimonial. Actualmente desconectado das vías de comunicación e mesmo do Camiño Primitivo que atravesou este núcleo histórico, merecería dunha atención prioritaria que o convertese en elemento primordial da vila de Castroverde.
A visita a Castroverde quedou incompleta porque prevíamos achegarnos a un lugar moi especial,
Soutomerille, un espazo natural que alberga unha aldea abandonada, con restos de casas antigas, igrexa e cemiterio, ao pé do castro do mesmo nome. O lugar merece por si mesmo unha visita a este concello, así que todos quedamos emprazados para repetir esta viaxe noutro momento do ano que nos permita completar este achegamento ao patrimonio de Castroverde. 
O noso agradecemento a Ricardo Polín, que ademais de compartir connosco os seus amplos coñecementos, realizou un esforzo de preparar esta visita con resultados que compensaron sobradamente os inconvenientes do tempo atmosférico.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/qe4T1RXUtLzDFWzJ

 


10/17/2023

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DE CASTROVERDE

 

Mariña Patrimonio está a organizar unha visita polo patrimonio do concello de Castroverde para o vindeiro sábado 28 de outubro. Nesta saída está previsto visitarmos, en xornada de mañá, os restos da fortaleza da vila, a igrexa e pazo de Vilabade e maila ermida do Carme. Se queda tempo antes do xantar, achegariamonos ata Tórdea para visitar a igrexa prerrómanica. Tralo xantar, en xornada de tarde, faremos un curto paseo para visitar Soutomerille antes do regreso.

A data límite para se apuntar remata o martes 24. O itinerario do autobús vai ser, probablemente, desde Viveiro, pasando por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Castroverde debido á imposibilidade de cubrir toda a Mariña. Porén, este itinerario podería verse modificado en función da procedencia das persoas participantes.

As persoas interesadas en participar nesta actividade cómpre que o comuniquen o antes posible para facilitar a organización da mesma, tendo en conta que hai un límite de prazas e terán prioridade as persoas que antes o comuniquen. Para anotarse enviarase un correo electrónico a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o número e nomes das persoas participantes, a súa procedencia, nº de teléfono de contacto, se teñen interese en facer uso do bus e se van participar no xantar. Cando se teña a lista de participantes, concretarase o antes posible o itinerario, paradas e horario do bus así coma o número de conta no que será preciso ingresar o custo da actividade.

 O prezo da actividade será de 15 € por persoa, máis 15€ polo xantar. As persoas non socias asumirán un custo adicional de 10 €.

7/09/2023

Os Ollos da Deusa Primeira

No Centro Sociocultural de Barreiros, ante unha nutrida concurrencia, o investigador en antropoloxía social e cultural, José Luis Cardero, pronunciou unha interesante conferencia titulada “Os ollos da deusa primeira”. Na súa exposición, Cardero deu as claves para entender a evolución desde o concepto primixenio da “Nai Terra”, que evolucionou cara ao de “Deusa Nai” ou “Deusa Primeira” e posteriormenteos cara aos diferentes deuses e deusas que configuraron as mitoloxías e relixións propias das primeiras sociedades históricas. 

A presenza desta deusa nai primixenia é perceptible nas manifestacións culturais materiais e inmateriais que chegaron até os nosos días, aínda que non sempre comprensibles porque descoñecemos os códigos utilizados nos tempos antigos, como é o caso dos petróglifos. 

A mitoloxía clásica grega é un bo exemplo de como a deusa primeira servíu de base para a conformación da súa complexa mitoloxía. Igualmente, noutros ámbitos xeográficos de Europa e Asia, esta deusa foi dando lugar a diferentes deidades e cultos relixiosos, mesmo incorporados polo cristianismo e outras relixións, nas que se poden atopar elementos desta deusa primeira. 

 Cardero presentou e explicou múltiples exemplos de diversas representacións gráficas da deusa primeira en distintos ámbitos culturais, nas que aparecen sempre os ollos como elementos simbólicos máis característicos. Uns ollos que amosan o enorme poder desta deusa e transmitenlles aos humanos de forma moi clara o seu carácter sagrado.

Desde Mariña Patrimonio agradecemos a José Luis Cardero que, no medio das súas vacacións estivais, adicase o seu tempo a preparar e realizar esta exposición. Así mesmo, dámos as grazas ao Concello de Barreiros por poñer á nosa disposición os medios para realizar esta actividade.


 

6/30/2023

Os Ollos da Deusa Primeira. Pegadas das relixións antigas

 

O Centro Sociocultural de Barreiros será o lugar de encontro o próximo 7 de xullo ás 8 da tarde para a conferencia "Os Ollos da Deusa Primeira. Pegadas das relixións antigas", impartida polo recoñecido antropólogo José Luis Cardero.

A conferencia "Os Ollos da Deusa Primeira" é organizada pola asociación socio-cultural Mariña Patrimonio e A Irmandade de Santo Estevo do Ermo, co apoio do Concello de Barreiros e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

José Luis Cardero é licenciado e doutorado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. É especialista en Antropoloxía Social e Cultural ademais de socio honorario da Sociedade Antropolóxica Galega. Como investigador incide na hermenéutica antropolóxica, enfocada nas crenzas e na súa influencia política, económica e social. Ademais da súa actividade académica, colabora en revistas de investigación e divulgación así como en programas de radio e televisión.

Esta conferencia representa unha oportunidade para achegarnos á historia relixiosa de Galicia e comprender mellor a diversidade relixiosa existente antes da imposición do Cristianismo. Coa axuda de José Luis Cardero, teremos a posibilidade de descubrir as raíces ancestrais que seguen influíndo na actualidade na nosa forma de vida.

6/12/2023

VISITA AO PATRIMONIO DE BARREIROS

 

Con previsións meteorolóxicas adversas, que felizmente non se materializaron, trinta participantes de case toda a Mariña chegaron á igrexa de San Xusto de Cabarcos pouco despois das dez da mañá. A primitiva construción data de 916, aínda que foi no século XVI cando se fixo o edificio actual. Puidose constatar que ten unha nave con dúas capelas laterais, capela maior e sancristía posterior, todo isto rematado por arquerías. A súa importancia artística reside no retablo, de estilo barroco lucense do XVIII, presidido pola figura sedente de Santiago pelegrin, ao que acompañan os santos Xusto e Pastor, patronos da parroquia, ademais doutras numerosas imaxes. Cabe sinalar tamén a importancia do púlpito e os dous confesionarios, obra dun artesán local, Santiago Candia, quen ademais fixo o retablo da Virxe das Dores.

A continuación, o grupo trasladouse ata a Roda de Barreiros, xacemento arqueolóxico coñecido de antigo na comarca polos seus veciños, aínda que estivo en risco de ser arrasado pola construción da autovía. Na actualidade, despois de varias intervencións arqueolóxicas, o xacemento atópase nun lamentable estado de abandono, polo que a nosa asociación ten demandado en repetidas ocasións que sexa protexido. O xacemento da Roda está datado na Idade do Bronce e podería tratarse dun recinto para usos rituais ou mesmo para facer enterramentos.

Tal como estaba programado, foi visitada despois a igrexa de San Pedro de Benquerencia. A súa construción remóntase ao século XVI. A fachada principal presenta porta con arco adintelado e cabeza de anxo na clave e, sobre dela, unha fornela barroca coa imaxe pétrea de S. Pedro (popular) cunha gran chave na man. No interior destaca o cruceiro, cuberto con bóveda gótica de catro nervios. Aquí é onde sobresaen as pinturas dos catro evanxelistas, que presentan características similares na posición, o tratamento, simboloxía, cores e paisaxe. A técnica pictórica é pobre, tanto no debuxo coma no uso da perspectiva, non logrando a sensación de profundidade. A obra é do XVIII, arredor de 1770, e pódese deducir que son do mesmo pintor.

Na igrexa destaca o retablo maior, de estilo rococó de dous corpos, coa figura de S Pedro no centro. Ten unha nave con dúas capelas laterais, cruceiro e sancristía posterior, porta lateral no muro dereito cun pequeno soportal no que se le “CABILDO” . É de notar que na comarca estes pórticos chámanse así, porque servían e serven para xuntanzas de veciños. Ademais da citada, hai moitas outras imaxes distribuídas polos retablos principal e laterais.

Ao rematar a visita da igrexa de S. Pedro, o grupo achegouse ata a praia de Coto para buscar bíteres, coñecidos noutros lugares de Galicia como ollomaos. Estes opérculos son utilizados en toda Galicia como amuleto valedor contra a dor de cabeza, para axudar coa vista e contra o mal de ollo. Aproveitouse tamén para ver a tumba medieval, labrada na rocha, na que se aprecia a erosión que o mar vai provocando nela, polo que probablemente en poucos anos acabará desaparecendo. 

 A visita ao concello de Barreiros foi feita nesa data para coincidir co X Festival Augas Santas de Santo Estevo do Ermo. Unha festa que organiza a Irmandade dese nome e que celebrou no fermoso lugar onde houbo un antigo mosteiro e que na actualidade acolle agora unha capela de nova factura. A chegada a Santo Estevo foi sobre as dúas da tarde, atopando unha perfecta organización con mesas dispostas para gozar dun xantar a base de año e porco ao espeto. Trala comida e o café, tivo lugar a visita guiada pola fraga de Santo Estevo. Visitouse o lugar, hoxe totalmente cuberto de maleza, onde se atopan as ruínas do antigo mosteiro, do antigo cemiterio e das cabanas das eremitas. Seguiu o ascenso por un sendeiro que leva ata a parte alta da fervenza, facendo paradas na coñecida fonte ferruxinosa, na pedra coas pegadas do cabalo de Santiago e na fonte de Santa Rosa. Aquí, o grupo detívose para efectuar o rito de mollar os panos nas augas sanadoras; panos que deixaron pendurados nas pólas das árbores que rodean esta fonte máxica. Tralo descenso á parte baixa da fervenza, iniciouse o regreso.

 Queremos expresar o agradecemento aos párrocos das igrexas visitadas, que facilitaron o acceso ás mesmas, así como ás persoas que acudiron para franquear as entradas: os donos do bar A Curva, no caso de San Xusto, e a Elena e o seu home, na de Benquerencia. Asi mesmo, agradecemos e felicitamos a Irmandade de Augas Santas pola organización deste Festival en San Estevo do Ermo.


 FOTOS: https://photos.app.goo.gl/TsMA1DKkWNr9TRUM8


5/27/2023

VISITA AO PATRIMONIO DE BARREIROS

 

Dende Mariña Patrimonio viñemos organizando visitas nos últimos anos polos diferentes concellos da Mariña. Estas visitas permitíronnos coñecer un valioso patrimonio ao que sería máis difícil acceder sen este tipo de actividades. Unhas actividades que foron acollidas con interese durante todo este tempo por un bo número de persoas.

Da Mariña só nos queda por achegarnos ao concello de Barreiros, co que pecharemos o ciclo das visitas que tiñamos previsto realizar. Debido a que se trata da última excursión desta serie, queriamos que fose algo especial. Por iso, pareceunos unha boa idea organizar esta visita para o 10 de xuño, data na que os nosos amigos e compañeiros da Irmandade Augas Santas Sto. Estevo do Ermo de Barreiros organizan o X Festival Augas Santas, coa súa festa gastronómica do porquiño ao espeto.

Como vén sendo habitual, desprazarémonos en autobús. Nesta ocasión, pola mañá visitaremos varios lugares de interese patrimonial en Barreiros, xantaremos o porquiño e o año ao espeto en Sto. Estevo e remataremos a xornada cun percorrido guiado por este lugar máxico.

Actualmente, estamos a preparar as visitas que faremos pola mañá das que se informará cando teñamos o programa pechado.

Tendo en conta que a comida ten un prezo de 25€, o custo da actividade é de 30€ para socios e 40€ para non socios, incluíndo transporte e comida.

Por cuestións de loxística, e para poder comunicarlles con tempo suficiente aos compañeiros da Irmandade de Sto. Estevo o número de persoas que participaremos no xantar, cómpre que nos confirmedes canto antes a vosa asistencia. A poder ser antes do día 4 de xuño.

Nas antigas romarías que se celebraban en honra de Santo Estevo, a xente levaba un pano e achegábase á fonte das Rosas. Alí, mollaban o pano nas súas augas milagreiras e pasábano pola cara, para curar as "rosas" da pel, ou ben aplicábano noutras partes do corpo onde puideran ter algún problema cutáneo. Despois, penduraban o pano nas pólas das árbores dos arredores da fonte. Ultimamente, estamos vendo que este costume ancestral vai indo a menos. Por iso, animamos aos participantes nesta visita ao patrimonio de Barreiros que traian cadanseu pano para deixar nas árbores da fonte das Rosas.

A Mariña está chea de marabillas que paga a pena coñecer, e non hai mellor maneira de gozar delas que en boa compañía. Agardámosvos!


 

 

5/14/2023

Visita ao patrimonio de Riotorto

 

Neste sábado 13 de maio, Mariña Patrimonio organizou unha visita ao patrimonio do concello de Riotorto ao que respondeu algo máis dunha vintena de persoas.

A primeira parada foi na Muxueira onde fixemos un pequeno percorrido pola que, segundo varios expertos en minaría antiga, sería unha impresionante e ben conservada explotación aurífera de época romana. Un lugar que merecería de atención e coidado por constituír un importante recurso cultural e turístico.

 A continuación, o grupo visitou dúas igrexas, a de San Pedro, antiga igrexa parroquial da capitalidade, e a de Santa Marta de Meilán. Estes templos acollen sendos retábulos barrocos do século XVIII de gran beleza. De paso entre unha e outra igrexa paramos para visitar a casa de Moirón, pertencente á familia materna do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, que pasou tempadas nesta imponente casona. Queremos dar as grazas ao cura párroco, D. José Pascual, por autorizarnos a visita aos templos, e a Eloy Treitas, quen nos guiou nesta parte da xornada, aportando información de grande interese.

 Rematamos a mañá presenciando o torneo de bolos celtas que se estaba a celebrar no xogadoiro de Santa Marta, un deporte tradicional que en Riotorto foi felizmente recuperado e se practica con regularidade en varias parroquias, integradas na Liga Galega de Bolos Celtas.

Despois dun xantar moi agradable en Casa Rodil, o grupo visitou o obradoiro do ferreiro Manuel de Viñavella, MAF, e da súa muller Teresa, na aldea da Ermida. Especializado na fabricación de coitelos, Manuel e a súa muller contáronnos e fixeron unha demostración sobre esta artesanía que oxalá poida perdurar no tempo.

 A xornada rematou coa visita á parroquia de Órrea, onde fomos agasallados e guiados polos membros da Asociación de Veciños de Santa Comba da Órrea. Esta asociación está a desenvolver unha intensa actividade para a conservación e valorización do seu patrimonio natural e cultural. Ensináronnos a casa na que naceu o poeta Avelino Díaz, o centro comunitario no que se transformou a antiga escola, a nova área recreativa da Fonte da Casanova, incluída na Ruta das fontes e dos regos, e finalmente acompañáronnos ata a aldea da Casanova, que ofrece interesantes mostras de arquitectura popular.

 Queremos destacar a calorosa acollida que percibimos de todas as persoas coas que tivemos contacto nesta xornada e agradecer en particular a Maribel Crecente, socia de Mariña Patrimonio nacida e criada en Riotorto, que nos acompañou e guiou durante toda a xornada, contaxiándonos da súa enerxía e paixón por estas Terras de Miranda.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/st9A3mhD4AjL79as9




 

5/04/2023

Visita ao patrimonio de Riotorto

 

Mariña Patrimonio estamos organizando para o próximo sábado día 13 de maio unha visita polo patrimonio de Riotorto. Está previsto visitarmos, en xornada de mañá, a mina romana da Muxueira, as igrexas de San Pedro e Santa Marta e a casa Moirón; en xornada de tarde, un taller de ferreiro e a parroquia de Órrea.

A data límite para apuntarse remata o martes 9 de maio. O itinerario do autobús vai ser, probablemente, desde Viveiro, pasando por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Riotorto, debido á imposibilidade de cubrir toda a Mariña. Porén, podería ser modificado en función da procedencia das persoas participantes. O prezo será de 25 € por persoa para cubrir o bus e o xantar. As persoas non socias asumirán un custo adicional de 10.

Cómpre, por tanto, apuntarse enviando un correo electrónico a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o número e nomes das persoas participantes, a súa procedencia, nº de teléfono de contacto, se teñen interese en facer uso do bus e se van participar no xantar.

Unha vez teñamos a lista de participantes, concretaremos o antes posible o itinerario, paradas e horario do bus así como o número de conta no que será preciso ingresar o custo da actividade. Prégase realizar a comunicación de participación o antes posible para facilitar a organización da actividade, tendo en conta que hai un límite de participantes e terán prioridade aqueles que antes o comuniquen.

4/23/2023

RESEÑA DA VIAXE A LUGO.

 

Este sábado 22 de abril, o grupo de 24 persoas que se apuntou á viaxe organizada por Mariña Patrimonio á cidade de Lugo, gozamos dunha xornada moi proveitosa. Guiados polo historiador Julio Reboredo, gran coñecedor da cidade e da súa historia, especialmente da contemporánea, visitamos a exposición Lugo no tempo, o Vello Cárcere e realizamos un percorrido comentado pola cidade histórica.

Comezamos a xornada coa visita á exposición Lugo no tempo. Malia o escaso espazo físico dispoñible, a exposición ofrece unha síntese, non moi extensa, pero si moi equilibrada da historia da cidade. A selección de contidos e pezas expostas facilita un percorrido completo pola súa evolución histórica, habitualmente centrada no pasado romano en detrimento das etapas posteriores. Como vén sendo habitual neste programa de exposicións sobre as cidades de Galicia, a presentación dos contidos posúe un alto valor didáctico e resulta moi atractivo para o visitante.
 
A continuación, achegámonos  ao Vello Cárcere, un centro de interpretación resultante da rehabilitación do antigo presidio, integrado no centro da cidade e de grande valor arquitectónico e histórico. O seu atinado esforzo en explicar a etapa do cárcere que coincide coa Guerra Civil e posguerra, momento no que chegou a albergar a 1.200 presos, moi maioritariamente políticos, resulta impresindible para educar na memoria histórica as xeracións máis novas. Moi recomendable, polo tanto, para os centros educativos e as familias en xeral.

 Logo dun agradable xantar de grupo no restaurante Lubre, a xornada completouse cun subtancioso e tranquilo paseo polo corazón da cidade, guiado e comentado maxistralmente por Xulio Reboredo, seguindo un itinerario que permitiu ver a evolución e crecemento urbano desde a época romana ata o século XX. Durante o paseo o noso guía explicou innumerables detalles sobre a arquitectura urbana e mesmo sobre a microhistoria que hai detrás de cada edificio e cada rúa. Quedamos moi agradecidos pola súa acollida e por compartir connosco esa pequena parte do seu vasto coñecemento.

 FOTOS: https://photos.app.goo.gl/CNK3rmSCpzZibd896



4/12/2023

O LUGO QUE VEMOS - Visita á exposición “Lugo no tempo” e paseo pola cidade en compañía do historiador Julio Reboredo

 

 

Mariña Patrimonio organiza para o sábado, día 22 de abril, unha viaxe á capital da provincia para visitar a exposición Lugo no tempo”, dentro do proxecto Cidades no tempo, organizado pola Xunta de Galicia e ABANCA, comisariada por Manuel Gago e coordinada en Lugo por Marica Campo. A exposición será complementada cunha visita ao vello cárcere e un paseo pola cidade, guiado polo historiador e catedrático Julio Reboredo Pazos, que nos aportará unha visión alternativa ao tradicional Lugo romano, máis centrada nos grandes cambios que experimentou a cidade durante o século XIX.

A data límite para apuntarse remata o martes 18 de abril. O itinerario do autobús vai ser, probablemente, desde a Cruz do Lobo (Barreiros), pasando por Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro, debido á imposibilidade de cubrir toda a Mariña. Porén, podería ser modificado en función da procedencia das persoas participantes.

O custo da actividade, que inclúe o desprazamento e o xantar, será de 40 € para as persoas asociadas e de 50 € para as non asociadas.

Cómpre, por tanto, apuntarse enviando un correo electrónico a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o número e nomes das persoas participantes, a súa procedencia, nº de teléfono de contacto, se teñen interese en facer uso do bus e se van participar no xantar.

Unha vez teñamos a lista de participantes, concretaremos o antes posible o itinerario, paradas e horario do bus así como o número de conta no que será preciso ingresar o custo da actividade. Prégase realizar a comunicación de participación o antes posible para facilitar a organización da actividade, tendo en conta que hai un límite de participantes e terán prioridade aqueles que antes o comuniquen.



4/03/2023

MARIÑA PATRIMONIO VISITA O PATRIMONIO DO CONCELLO DE TRABADA

 

A asociación Mariña Patrimonio organizou este sábado 1 de abril unha visita guiada ao patrimonio do concello de Trabada, na que participaron preto de 20 persoas. A xornada comezou coa visita aos seus principais fitos arqueolóxicos, do período megalítico, o Marco de Pena Verde e a Mámoa das Pallaregas, ambos en moi bo estado de conservación, limpeza e sinalización.

A continuación, o grupo dirixiuse á igrexa de Santiago de Vilapena, onde Juan Lastra, veciño moi activo da parroquia, amablemente nos abriu o templo do século XVI e nos explicou interesantes detalles sobre a súa historia, destacando o seu retablo barroco do século XVIII. Agradecementos a Juan e ao cura Párroco, Don Ignacio, por autorizar a visita.

A xornada continuou no museo etnográfico José Rocha, en Trabada, guiados por Manuel Anllo, técnico municipal de turismo. O museo expón unha parte dos fondos privados de José Rocha, recollidos ao longo da súa vida, para compoñer unha síntese moi interesante do que titulan moi atinadamente “a vida de antes”. Parabéns ao concello por esta iniciativa e pola calidade deste museo, que foi creado no edificio da antiga escola.

Logo de probar a enfariñada no Mesón Camiño Norte, a xornada de tarde comezou coa visita á fermosa igrexa de San Xiao de Sante, unha igrexa do século XVI moi ben conservada e luminosa, coas súas tres naves demarcadas por amplos arcos e un orixinal coro. Agradecemos á sacristá Marisa a súa acollida, e ao cura párroco D. José facilitarnos esta visita.

A xornada rematou en Vilafernando, visitando a Casa do Cura, que alberga a exposición e obradoiro da ceramista Lucía Catuxo, que amablemente nos ensinou o seu traballo propio e a variada colección de alfarería popular exposta neste edificio, maravillosamente adaptado á nova función e restaurado con exquisito respecto.

 

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/DoJFPMGu4fafs4Fz8