10/18/2018

COÑECENDO O PATRIMONIO VIVEIRENSE DA MAN DE CARLOS NUEVO

Arredor de vinte persoas participaron na visita guiada convocada por Mariña Patrimonio para coñecer o patrimonio relixioso e civil de Viveiro. Nesta ocasión, o Presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e Cronista oficial do concello, Carlos Nuevo, acompañounos durante toda a xornada. Boa falla fixo se consideramos o moito que hai para ver en Viveiro.
Iniciouse a visita na elegante igrexa de Santa María do Campo, unha verdadeira xoia do románico, achegándonos a continuación ao outro gran templo de Viveiro, San Francisco, coa súa espléndida ábsida gótica e o Claustro do antigo convento franciscano.
O percorrido polo patrimonio civil centrouse nas diversas portas da cidade e un interesante paseo polas rúas, canellas e prazas máis significativas, o que nos permitiu coñecer curiosidades da vida urbana doutros tempos, así como das familias e persoeiros que tiveron maior relevancia histórica para a cidade.
Despois dun agradable xantar na taberna Rancho Chico de Celeiro, dedicamos a tarde a visitar Chavín para coñecer a obra dun persoeiro fundamental na historia contemporánea viveirense, o industrial José Barro, protagonista da vida económica de Viveiro da primeira metade do século XX
A nosa admiración e gratitude a Carlos Nuevo, gran coñecedor e divulgador da historia de Viveiro, pola seu saber e a súa xenerosidade.
+ Fotos:https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157700988582151/with/30452109207/

10/09/2018

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN NA FISCALÍA A DESTRUCIÓN DO CASTRO DE TRINIDADE – FLORES DE MONDOÑEDO

A Xunta incumpriu o seu deber legal de protexer o xacemento e permitiu a súa irreparable destrución por parte dunha canteira.
As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron o pasado 17 de setembro varias denuncias ante a Fiscalía por diferentes disposicións do Departamento de Patrimonio Cultural, da Consellaría de Cultura, da Xunta de Galicia que poderían ser constitutivas de delito. Unha destas denuncias fai referencia á destrución do Castro de Trinidade-Flores, situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá (Lugo).
ADEGA e Mariña Patrimonio informaron a Fiscalía de que a empresa propietaria da canteira do Monte da Trinidade puido ter ocasionado danos irreparables na meirande parte deste ben patrimonial, e que a Xunta de Galicia incumpriu o seu deber legal de protexelo, malia a ter recibido varias denuncias, tanto por parte de particulares, como da Asociación de Fabricantes de Formigón ou das organizacións ADEGA e Mariña Patrimonio. Estas últimas tiveron que recorrer ao Valedor do Pobo para poder acceder á documentación relacionada con estes feitos e solicitada infrutuosamente a Patrimonio Cultural. A isto hai que engadir, que a Administración galega tiña no seu poder diferentes informes arqueolóxicos alertando de que a canteira estaba a destruír o xacemento.
Pola súa parte, persoal técnico da Xunta elaborou un informe no que se pretendía demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, coa finalidade de quitarlle a protección que lle corresponde, a pesar de que os citados arqueólogos contaban con numerosa documentación que certificaba a existencia do Castro de Trinidade-Flores, o cal xa figura desde os anos 90 no Inventario e no Catálogo de bens patrimoniais de Galicia. Ademais, neste xacemento castrexo atopárase en 2008 un excepcional machado votivo de bronce, feito que tamén parece pasar desapercibido para o departamento de Patrimonio da Xunta.
A non paralización das actividades mineiras que afectaban ao castro, xunto cos informes elaborados polos técnicos da Xunta para desprotexelo, puideron ser determinantes para a destrución deste ben patrimonial. A día de hoxe a canteira continúa a destruír o xacemento sen que a Xunta nin Concello fagan nada para evitalo.
Foto: Museo do Castro de Viladonga

10/03/2018

PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DE VIVEIRO

DIA: 13 DE OUTUBRO

HORARIO:       MAÑÁ: 10h - 14h 
                           TARDE: 16h - 19h
                  
Mariña Patrimonio organiza un desprazamento a VIVEIRO o día 13 de outubro para coñecer o patrimonio civil e relixioso máis salientable da vila e os seus arredores. Contarase coa colaboración de Carlos Nuevo, e vanse visitar edificios relixiosos (igrexas de Sta María e San Francisco) e o casco histórico, así coma  a contorna de Chavín.
As persoas interesadas que nolo fagan saber canto antes, con data límite luns 8 de outubro , indicando nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan, para termos tempo de reservar o xantar. O mércores 10 informarase ás persoas interesadas do importe da actividade, en función das opcións elixidas, así como do número de conta de Mariña Patrimonio.

Roteiro Rueta - Sargadelos

O pasado domingo, acompañados dun tempo excelente para camiñar, iniciabamos a tempada de actividades de outono en colaboración coa Asociación cervense, A Fervenza de Sargadelos, cunha tranquila e cómoda ruta pola beira do río Xunco desde a súa desembocadura en Rueta ata o seu paso polo conxunto histórico de Sargadelos.
A andaina foi precedida dunha visita á punta de Rueta, onde se ubica un dos castros costeiros máis interesantes da comarca, pola súa atípica forma e as súas imponentes defensas. A limpeza do seu acceso, realizada polos operarios municipais, permitiu entrar neste xacemento, que permanece moi ben conservado debido á súa ubicación. Puidemos ver tamén os petróglifos que se atopan na proximidade do castro, en particular, o único con círculos concéntricos atopado na comarca.
Río arriba percorremos o abundante conxunto de muíños que o Xunco alimentaba en tempos pasados, dos que desgrazadamente só se conservan a metade, algúns deles certamente espectaculares pola súa dimensión e que merecerían unha intervención a prol da súa conservación.
A xornada rematou cara ó mediodía no entorno do Conxunto Histórico de Sargadelos, onde o nutrido grupo de 60 participantes fixo a pertinente foto e amosou a súa satisfacción pola fermosa mañá que pasamos xuntos.