4/17/2014

Ana María Nicolasa Mel Basanta non quixo agardar

 
Naqueles tempos as persoas que percorrían o Camiño Real de Viveiro a Mondoñedo, agardábanse para cruzaren xuntos a Ameixoada, porque entre os grandes penedos agochábanse salteadores de camiños.
Nicolasa atreveuse un día a facer o camiño soa e tres bandoleiros saíronlle ao encontro. Nicolasa axiña recoñeceu dous deles que, ao decatárense de que foran descubertos, acoitelárona sen piedade. Os asasinos eran seus tíos.
Nicolasa tiña tan só 23 anos.
Estes feitos tiveron lugar en setembro de 1775 e esta humilde cruz, case esquecida nun camiño apenas transitado, lembra o tráxico final de Ana María Nicolasa.
Onte percorrimos este camiño con Gonzalo (Portela), que nos relatou esta vella historia



A Fraga de Rúa (Cervo)

Un pequeno paraíso no inmenso eucaliptal en que se converteu A Mariña. Este espazo atesoura un valioso patrimonio natural, histórico, etnográfico e arqueolóxico. Aquí produciuse o carbón vexetal empregado na antiga fundición de Sargadelos.






4/13/2014

Pena Abaladoira do Xistral

 Nun país de pedra, outra pedra que vale a pena coñecer é a Pena Abaladoira do Xistral.

Sobre esta pena collemos prestado o seguinte texto publicado en Galicia Encantada:
Na Serra do Xistral, onde chaman Ilefonso, lugar da Moladoira, parroquia do Pereiro, concello de Alfoz (Lugo) hai un penedo de granito de forma oval pousado sobre outro; ao máis lixeiro impulso abana sen chegar a caer. Segundo diversas informacións tivo, agora non se lle apreza, unha inscultura que representaba unha "bicha", ou sexa, unha serpe xigante. Cóntase que se deitaban sobre ela as parellas con problemas de fertilidade (ten forma fálica), as nais con pouco leite para alimentar os fillos, as mulleres que procuraban noivo ou as que desexaban saír con ben do parto. Nesta pena facíanse sacrificios de animais na antigüidade e botábase o sangue en dous buratos que hai na parte superior para logo purificarse con ela. A auga que apoza neses buratos é boa para currar as verrugas. Quen consegue pasar por baixo dela e abaneala cunha soa man cura da reuma.Tamén se asegura que se usou para para facer ordalías, xuízos ou probas de verdade coñecidos como "Iudicium Dei", probas de Deus, para comprobar a fidelidade das esposas, a virxinidade das doncelas e a culpa ou inocencia de acusados de diversos delictos; segundo a pena abanease ou non, resultaba culpable ou inocente o sospeitoso.
http://www.galiciaencantada.com/dentro.asp?c=0&id=236&n=a_pena_abaladoira_da_serra_do_xistral




4/09/2014

Día de setas

Non é a primeira vez, nin a segunda, nin a... que saímos por setas e volvemos cun novo sitio arqueolóxico.
Comezas a patear monte e rematas metido no sistema defensivo dun castro. Na foto vemos a Miguel, co seu carabelo, andando polo foxo entre dous parapetos moi ben conservados.
Cando chegas á casa, buscas o xacemento e ves esta impresionante imaxe do 56. Reparade en como o sistema defensivo aílla unha especie de península; polo outro lados vemos un cantil cunha considerable caída. Semella un castro costeiro, pero está terra adentro. Temos solicitado á Xunta a súa inclusión no Inventario dende hai meses; de momento non obtivemos ningunha resposta.


A Pedra da Señorita

Outro impresionante seixo; na actualidade serve de límite entre os concellos de Lourenzá e Riotorto.
Neste texto collido de Galicia Encantada vemos que comparte a mesma lenda con outras pedras, dolmens e pedrafitas da nosa terra.

A Pedra da Señorita
Polo monte da Pena do Porco, A Muxueira, límite natural dos concellos de Riotorto e Lourenzá (Lugo), pasa o que chaman "camín real", que unía a Augaxosa coa cidade de Mondoñedo. No medio do camiño atópase un enorme penedo que, segundo nos conta a lenda, levou ata alí unha señorita (unha moura?) de Mondoñedo na cabeza, empregando como rodela a capa dun muíño, e foi todo o tempo comendo zamelos (castañas cocidas).
Outra lenda di que o nome da pedra débese a que as señoritas que viñan á feira da Augaxosa cargadas coas cestas, pousábanas na pedra para poder descansar.



4/04/2014

O Marco da Pena Verde

Outro lugar de Trabada visitado con Pancho Campos, A Pena Alta ou O Marco da Pena Verde, na parroquia de A Fórnea.
Impresionante pedrafita de seixo de dous metros de alto.


4/03/2014

As Pallaregas

 Estas son As Pallaregas (concello de Trabada), onde se atopa un campo de mámoas; nas fotos podemos ver os restos dun dólmen.
As fotos foron feitas hai uns catro anos e acompañounos e guiounos o amigo Pancho Campos Dorado.



4/01/2014

Castro de Nois

Aproveitamos esta foto aérea de Humberto Palacios Pool para amosar o castro de Nois, tamén coñecido como Fontecastra ou castro Curveiro.
Este é un dos castros costeiros menos coñecidos porque non ten un gran parapeto e, aínda que aparentemente non ten sistema defensivo, conserva un impresionante sistema de foxos.
Polo Leste vense dous foxos picados na rocha (fotos 1-2-3) e polo Este hai tres foxos (fotos 4-5-6-7-8)
Tamén observamos dous foxos e un parapeto transversal ao foxo principal (fotos 1-2)
O sistema de foxos sería aproximadamente como se amosa na última imaxe.
Este castro ten un xemelgo en Foz, o castro do Carreiro.









Útil paleolítico

 Chopping-tool, aparecido na Pampillosa (Foz) tralos temporais de 2010. Hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Vilalba.