11/27/2023

DOCUMENTAL XOVE DEMOCRACIA NUCLEAR

 

A localidade de Xove acollerá o vindeiro venres 1 de decembro a proxección do documental 'Xove, Democracia Nuclear'. Este traballo xornalístico está dirixido polo xornalista leonés Pedro Lechuga Mallo, quen contou coa colaboración da Asociación de Prensa de Lugo para a súa gravación. Este documental recupera a través dos medios de comunicación en novembro de 1973 as historias vividas na Mariña cando foi público o proxecto de construción dunha central nuclear en Xove. Recollen os testemuños de quince persoas vinculadas á mobilización, veciños e persoas relacionadas co nacionalismo, o Sindicato Labrego Galego, xornalistas e profesores, ademais do entón alcalde de Xove, Jesús López González.

A proxección terá lugar a partir das 20:00 horas no salón de actos do Centro Cívico, sendo a entrada gratuíta até completar aforo. Este evento é posible grazas ao ámbito de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que financiou a emisión deste documental en doce localidades da provincia lucense, e á asociación sociocultural Mariña Patrimonio.

Ao rematar o documental, haberá un coloquio no que participarán o director de 'Xove, Democracia Nuclear', o actual alcalde de Xove e mais Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, unha das persoas vinculadas ao nacionalismo galego que aparece no documental e que participou activamente nas mobilizacións.

'Xove, Democracia Nuclear' chega á localidade de Xove despois de terse proxectado en Burela, Viveiro, Cervo, Vilalba, Sarria e O Valadouro. Ademais, antes de rematar o ano tamén se proxectará en Barreiros, O Vicedo, Ribadeo e Lugo.

‘Xove, Democracia Nuclear’ forma parte do proxecto a nivel nacional ‘Democracia Nuclear’, que ten como obxectivo recuperar as historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en España nos anos setenta. Neste sentido, hai uns meses xa se estreou nos cines ‘Coyanza-1975, Democracia Nuclear’, o documental que narra o acontecido na provincia de León en 1975 cando se soubo da intención do Réxime de construír unha central nuclear en Valencia de Don Juan.

11/12/2023

A matanza do porco. Cultura e tradición

 

Coincidindo co día de San Martiño, 11 de novembro, que marca o inicio da tempada da matanza do porco, Mariña Patrimonio organizou unha conferencia titulada A matanza do porco. Cultura e tradición”, a cargo do doutor en antropoloxía social, Xoán Carlos García Porral. O acto celebrouse na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro e completouse cunha comida de cocido no Restaurante Asturias, que deixou ben satisfeitos aos participantes.

Co amplo coñecemento directo e indirecto que posúe sobre o tema, o ponente realizou un percorrido, tan exhaustivo como entretido, por todo o proceso que vai desde a cría e ceba do porco na casa tradicional galega ata os derradeiros pasos da elaboración dos múltiples aproveitamentos deste animal que tanta importancia tivo na Galicia rural ao longo da historia. Así repasou a ceba, o día da mata e todos os traballos e costumes que inclúe, seguido do día da parta e o salgado e do día dos chourizos, no que se fan todas as elaboracións de embutidos. A explicación centrouse na tradición da matanza na súa comarca, o Deza, pero facendo constante referencia ás distintas variantes terminolóxicas e nas formas de facer que se poden atopar ao longo e ancho do país.

Así mesmo, fixo ampla referencia aos rituais e crenzas relacionadas coa cultura do porco que dan mostra da enorme importancia que este animal tivo na supervivencia alimentaria do pobo galego, así como ás numerosas referencias que o porco e a matanza teñen na literatura oral e escrita, con citas a textos de Rosalía de Castro ou Camilo José Cela. Cómpre resaltar a importancia deste elemento do patrimonio inmaterial galego, resultado dun coñecemento profundo e complexo construído ao longo dos séculos e que, desgrazadamente, corre risco de desaparecer.

Os nosos parabéns a este estudoso da cultura popular polo seu traballo de investigación e divulgación, e agradecemento pola súa presenza na Mariña. Agradecemento tamén ao concello do Valadouro por facilitarnos o local e pola colaboración, sempre atenta, do persoal da Casa da Cultura.

VIDEO: https://youtu.be/rDYMc0LfQRY?si=Vm7-TY5lzinI73I8



11/04/2023

UNHA CONFERENCIA SOBRE A MATANZA DO PORCO E UN COCIDO, PRÓXIMA ACTIVIDADE DE MARIÑA PATRIMONIO NO VALADOURO

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro sábado 11 de novembro a conferencia “A matanza do porco.Cultura e tradición” que impartirá o Doutor en Antropoloxía Social Xoán Carlos García Porral. O conferenciante ten publicada unha tese na que analiza o proceso de modernización capitalista ao que se veu sometido o sector agropecuario dende a década de 1960, e como na actualidade as comunidades rurais tentan manter a súa identidade social e cultural a través dos antigos espazos agropecuarios.

A actividade, que conta coa colaboración do Concello de O Valadouro e a área de Cultura da Deputación de Lugo, desenvolverase no Salón de Actos da Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro a partir das 12.00 e a ela poderán asistir, de maneira libre e gratuíta, todas as persoas que o desexen.

Mariña Patrimonio anima continuar co coloquio posterior á charla compartindo o cocido que se servirá no restaurante Asturias (Ferreira do Valadouro) a partir das 14.00. As persoas interesadas poderán por 25€ participar neste xantar comunicándoo a través do correo da asociación: mr.patrimonio@gmail.com. A data límite para se anotar ao cocido remata o xoves 9 de novembro.



11/03/2023

Castroverde

 

O pasado sábado 28 de outubro realizamos a anunciada visita ao patrimonio de Castroverde, tan descoñecido para nós como extenso e interesante. O día chuvioso non axudou a completar o programa previsto, pero aínda así resultou moi  satisfactorio, porque tivemos a sorte de contar cun guía de excepción, Ricardo Polín, Doutor en Filoloxía, historiador, cronista oficial de Castroverde e principal impulsor do Camiño Primitivo a Santiago.

Comezou a mañá coa visita á queixería Santo André, onde Carlos Reija, o mestre queixeiro e propietario tivo a xentileza de ensinarnos o proceso de fabricación e mesmo nos obsequiou cunha degustación do seus queixos do Cebreiro, galardoados reiteradamente no Salón Gourmets de Madrid, logo dun proceso de recuperación do queixo tradicional curado que os reis de Castelá enviaban como obsequio a outras monarquías europeas.

A continuación visitamos a parroquia de Tórdea, na que puidemos ver un pequeno tramo da via romana XIX, ramal 2A, que une Astorga con Lugo, así coma a fermosa igrexa parroquial de Sto. Tomé de Tórdea, de orixe prerrománica, na que chaman a atención as numerosas gravuras talladas nos seus muros. 
O xantar do grupo tivo lugar no restaurante
Casa Remedios, unha casa de comidas de referencia na comarca, reseñable pola súa singularidade e a calidade da súa cociña tradicional.

Na xornada de tarde, no medio dunha choiva intensa e continua, visitamos o conxunto monumental de Vilabade, composto pola igrexa de Santa María, coñecida como a “Catedral de Castroverde”, igrexa anexa ao antigo convento hoxe desaparecido. O templo gótico foi construído no século XV. Ao lado do templo, o Pazo de Vilabade, hoxe reformado e convertido en aloxameto turístico, compoñen un conxunto que sorprende pola súa magnificencia. Moi preto deste lugar, visitamos tamén a ermida da Virxe do Carme, enclavada nunha espléndida carballeira que o primeiro domingo de agosto celebra unha romaría de grande sona.

A visita rematou ao pé do castro de Castroverde, no que se atopa a torre da homenaxe do castelo, que inicialmente data do século XIV e pertence á familia dos Osorio e posteriormente á de Altamira, xa no século XVI. O conxunto que forma o castro, hoxe cuberto dun frondoso bosque autóctono, os restos do castelo e mailo pequeno burgo anexo á fortificación, posúe un alto valor patrimonial. Actualmente desconectado das vías de comunicación e mesmo do Camiño Primitivo que atravesou este núcleo histórico, merecería dunha atención prioritaria que o convertese en elemento primordial da vila de Castroverde.
A visita a Castroverde quedou incompleta porque prevíamos achegarnos a un lugar moi especial,
Soutomerille, un espazo natural que alberga unha aldea abandonada, con restos de casas antigas, igrexa e cemiterio, ao pé do castro do mesmo nome. O lugar merece por si mesmo unha visita a este concello, así que todos quedamos emprazados para repetir esta viaxe noutro momento do ano que nos permita completar este achegamento ao patrimonio de Castroverde. 
O noso agradecemento a Ricardo Polín, que ademais de compartir connosco os seus amplos coñecementos, realizou un esforzo de preparar esta visita con resultados que compensaron sobradamente os inconvenientes do tempo atmosférico.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/qe4T1RXUtLzDFWzJ