5/21/2017

IMOS DE EXCURSIÓN A RIOTORTO, A PONTENOVA E A VILADONGA

O sábado, 27 de maio, imos de excursión, pararemos na mina de ouro romana d'A Muxueira (Riotorto) , de seguido desprazarémonos a Sanxés (A Pontenova) para andar pola ruta da Seimeira, xantaremos na Taberna de Montse, e pola tarde visitaremos o museo e o castro de Viladonga, para rematar no de Sa.

Para informarte, reservar e anotarte preme aquí.

5/13/2017

CHARLA SOBRE A TURBEIRA DE SAN MIGUEL DE REINANTE

O próximo sábado día 20 nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante (Barreiros), Aurora Grandal falaranos sobre a turbeira da praia de Arealonga así como dos restos óseos de fauna que nos últimos anos foron aparecendo nesta turbeira.




5/08/2017

NOVA DESFEITA DA INDUSTRIA DO EUCALIPTO NO CASTRO DA RILLEIRA

 
  O pasado 24 de abril ADEGA e Mariña Patrimonio presentamos unha nova denuncia por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do castro da Rilleira (Cabarcos- Barreiros. Lugo) tras a realización duns traballos forestais. Unha vez máis vemos como a industria do eucalipto actúa con total impunidade e con absoluto desprezo polo noso patrimonio ao danar un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido. Unha vez máis vemos a total desconexión entre Medio Rural, Patrimonio e a industria forestal e unha vez máis veremos o desleixo por parte da Xunta de Galicia que, despois desta denuncia, novamente comezará a buscar escusas para non actuar en contra da todopoderosa industria do eucalipto.

A destrución e os danos repítense. Hai exactamente un ano, denunciamos a desfeita provocada pola plantación de eucaliptos noutra parcela deste mesmo castro sen que a día de hoxe, malia o tempo transcorrido, teñamos recibido ningunha resposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Desta volta, os labores forestais afectaron gravemente a croa, os foxos, o parapeto e maila muralla pétrea, deixando á vista en toda a superficie abundantes restos arqueolóxicos. Empregouse maquinaria pesada, deuse apertura a unha pista que cortou o parapeto, arrincáronse as raíces dos vellos eucaliptos e realizáronse novos furados con pá mecánica para plantar os novos.

Para algúns investigadores, o castro da Rilleira, situado no val de Cabarcos, tería unha grande significación histórica, xa que sería o lugar onde se asentaban os cibarcos, unha tribo galaica da que nos fala o historiador romano Plinio o Vello. Este castro conta cun impresionante sistema defensivo formado por tres foxos picados na rocha e, probablemente, a croa contase cunha muralla pétrea de módulos

Dende ADEGA e Mariña Patrimonio preguntámonos cando decidirá a Dirección Xeral de Patrimonio asumir o seu deber de protexer o noso Patrimonio e cando comezará a actuar en contra dunha industria forestal irresponsable que, por uns centos de eucaliptos, é capaz de destruír un importante ben cultural.




5/07/2017

5/05/2017

MARIÑA PATRIMONIO SOLICITA A INCLUSIÓN DUN NOVO PETRÓGLIFO NO CATÁLOGO DE XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS.

As gravuras rupestres, localizadas por unha veciña do concello, atópanse a tan só cincuenta metros da casa do Concello de Cervo.
Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos dun petróglifo situado no lugar de Pena da Arca, apenas a cincuenta metros do Concello de Cervo.
O petróglifo está formado por varias cazoletas ou coviñas (arredor de quince) e por varios sucos, dos cales algúns rodean as coviñas formando círculos concéntricos.
Mariña Patrimonio confía en que Patrimonio non demore a inclusión deste novo achado no Catálogo de Xacementos, o que permitirá garantir a súa protección. Así mesmo, esta asociación agradécelle a Pilar, a muller que descubriu as gravuras rupestres, por terlles informado sobre a existencia deste novo xacemento que se suma ao xa importante patrimonio arqueolóxico do Concello de Cervo.

3/27/2017

FOTOS DA VIAXE A FONSAGRADA


Fotos das xornadas Cocido & Sauna que realizamos na Fonsagrada.

3/17/2017

COCIDO & SAUNA CASTREXA

FONSAGRADA 2017
COCIDO & SAUNA CASTREXA
25 e 26 DE MARZO

Mariña Patrimonio organiza para os próximos 25 e 26 de marzo unhas xornadas en Fonsagrada arredor do patrimonio gastronómico e do patrimonio arqueolóxico:

Sábado 25, Cocido en Casa Villar (Paradavella).
O cocido de Obdulia é, sen dúbida, un dos mellores cocidos do mundo. Ler crítica gastronómica. Para poder degustalo cómpre apuntarse antes do 23 de marzo; as prazas son limitadas e as reservas fanse por orde de inscrición.
Para máis información e para anotarse premer aquí 
 
Domingo 26, Roteiro Sauna Castrexa de Castañoso .
A ruta é de 6,5km; hai que levar o xantar e o prezo da actividade mailo seguro é de 10€ para non socias/os e de 5€ para socias/os.
Para máis información e para anotarse premer aquí

Estas dúas actividades están abertas ao público en xeral, as prazas son limitadas e os que queiran participar nas dúas xornadas, facendo noite na Fonsagrada, terán que reservar hotel.

3/14/2017

XORNADA ARQUEOLÓXICA EN XOVE



O pasado sábado visitamos a mámoa de Guilán e mailo círculo de Lavandeira, ambos no concello de Xove. Como remate da xornada asistimos á interesante conferencia do arqueólogo Ignacio Vilaseco. Agradecemos a colaboración e a participación de todas as persoas que se implicaron no desenvolvemento desta actividade.








3/09/2017

ESTUDOS ARQUEOLÓXICOS CONFIRMAN A EXISTENCIA DUN “HENGE” NO CONCELLO DE XOVE.

As obras do corredor costeiro afectaron gravemente este xacemento arqueolóxico que, segundo algunhas fontes, sería o segundo henge que se investiga e descobre na Europa continental.

Segundo soubo Mariña Patrimonio, e a falta de datos oficiais, os traballos arqueolóxicos realizados recentemente na estrutura circular de Lavandeira do concello de Xove confirmaron que se trata dun xacemento arqueolóxico tipo henge, similar á Roda de Barreiros.

En agosto de 2015 Mariña Patrimonio solicitara a inclusión deste recinto circular de Xove no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos; tras cuxa solicitude o Servizo de Patrimonio redactou unha “ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC”, ficha que non ten ningún valor e que non protexe en absoluto os xacementos.

Desgrazadamente, o 50% da estrutura circular xa fora agredida e gravemente modificada con anterioridade con motivo da construción dun tramo do corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Cando se realizou o estudo arqueolóxico para a realización desta infraestrutura, lamentablemente non se detectou a existencia do citado xacemento arqueolóxico e para paliar este erro, a empresa construtora comprometeuse con Patrimonio a realizar unhas catas co fin de verificar a existencia do posible xacemento; en caso de confirmarse a autenticidade do mesmo, a construtora retiraría o talude, que cobre a metade do círculo, e repoñeríao ao estado anterior ao inicio das obras.

Mariña Patrimonio confía, agora que está confirmada a autenticidade do sitio arqueolóxico, que se devolva o xacemento ao seu estado anterior e que as distintas administracións sumen esforzos na protección e promoción deste importante ben patrimonial.



3/07/2017

DESCUBERTA UNHA MONUMENTAL MÁMOA CON DOLMEN EN XOVE

 
Mariña Patrimonio vimos de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos da monumental mámoa de Guilán, A Rigueira (Xove). Esta espectacular mámoa ten un diámetro de aproximadamente 30m e unha altura de 2,5m. O túmulo presenta cono de violación que permite ver o dolmen, no que se aprecian seis chantos e maila laxe de cuberta. As súas monumentais dimensións, o seu bo estado de conservación e o feito de manter o dolmen, converten sen dúbida a mámoa de Guilán nunha das máis espectaculares e importantes de toda a Mariña.
Lembramos que o próximo sábado, na Aula de Formación do concello de Xove, haberá unha conferencia a cargo do arqueólogo Ignacio Vilaseco Vázquez que falará sobre este monumento megalítico. Antes da conferencia, temos organizada unha visita a este xacemento e ao círculo de Lavandeira.