6/30/2023

Os Ollos da Deusa Primeira. Pegadas das relixións antigas

 

O Centro Sociocultural de Barreiros será o lugar de encontro o próximo 7 de xullo ás 8 da tarde para a conferencia "Os Ollos da Deusa Primeira. Pegadas das relixións antigas", impartida polo recoñecido antropólogo José Luis Cardero.

A conferencia "Os Ollos da Deusa Primeira" é organizada pola asociación socio-cultural Mariña Patrimonio e A Irmandade de Santo Estevo do Ermo, co apoio do Concello de Barreiros e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

José Luis Cardero é licenciado e doutorado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. É especialista en Antropoloxía Social e Cultural ademais de socio honorario da Sociedade Antropolóxica Galega. Como investigador incide na hermenéutica antropolóxica, enfocada nas crenzas e na súa influencia política, económica e social. Ademais da súa actividade académica, colabora en revistas de investigación e divulgación así como en programas de radio e televisión.

Esta conferencia representa unha oportunidade para achegarnos á historia relixiosa de Galicia e comprender mellor a diversidade relixiosa existente antes da imposición do Cristianismo. Coa axuda de José Luis Cardero, teremos a posibilidade de descubrir as raíces ancestrais que seguen influíndo na actualidade na nosa forma de vida.

6/12/2023

VISITA AO PATRIMONIO DE BARREIROS

 

Con previsións meteorolóxicas adversas, que felizmente non se materializaron, trinta participantes de case toda a Mariña chegaron á igrexa de San Xusto de Cabarcos pouco despois das dez da mañá. A primitiva construción data de 916, aínda que foi no século XVI cando se fixo o edificio actual. Puidose constatar que ten unha nave con dúas capelas laterais, capela maior e sancristía posterior, todo isto rematado por arquerías. A súa importancia artística reside no retablo, de estilo barroco lucense do XVIII, presidido pola figura sedente de Santiago pelegrin, ao que acompañan os santos Xusto e Pastor, patronos da parroquia, ademais doutras numerosas imaxes. Cabe sinalar tamén a importancia do púlpito e os dous confesionarios, obra dun artesán local, Santiago Candia, quen ademais fixo o retablo da Virxe das Dores.

A continuación, o grupo trasladouse ata a Roda de Barreiros, xacemento arqueolóxico coñecido de antigo na comarca polos seus veciños, aínda que estivo en risco de ser arrasado pola construción da autovía. Na actualidade, despois de varias intervencións arqueolóxicas, o xacemento atópase nun lamentable estado de abandono, polo que a nosa asociación ten demandado en repetidas ocasións que sexa protexido. O xacemento da Roda está datado na Idade do Bronce e podería tratarse dun recinto para usos rituais ou mesmo para facer enterramentos.

Tal como estaba programado, foi visitada despois a igrexa de San Pedro de Benquerencia. A súa construción remóntase ao século XVI. A fachada principal presenta porta con arco adintelado e cabeza de anxo na clave e, sobre dela, unha fornela barroca coa imaxe pétrea de S. Pedro (popular) cunha gran chave na man. No interior destaca o cruceiro, cuberto con bóveda gótica de catro nervios. Aquí é onde sobresaen as pinturas dos catro evanxelistas, que presentan características similares na posición, o tratamento, simboloxía, cores e paisaxe. A técnica pictórica é pobre, tanto no debuxo coma no uso da perspectiva, non logrando a sensación de profundidade. A obra é do XVIII, arredor de 1770, e pódese deducir que son do mesmo pintor.

Na igrexa destaca o retablo maior, de estilo rococó de dous corpos, coa figura de S Pedro no centro. Ten unha nave con dúas capelas laterais, cruceiro e sancristía posterior, porta lateral no muro dereito cun pequeno soportal no que se le “CABILDO” . É de notar que na comarca estes pórticos chámanse así, porque servían e serven para xuntanzas de veciños. Ademais da citada, hai moitas outras imaxes distribuídas polos retablos principal e laterais.

Ao rematar a visita da igrexa de S. Pedro, o grupo achegouse ata a praia de Coto para buscar bíteres, coñecidos noutros lugares de Galicia como ollomaos. Estes opérculos son utilizados en toda Galicia como amuleto valedor contra a dor de cabeza, para axudar coa vista e contra o mal de ollo. Aproveitouse tamén para ver a tumba medieval, labrada na rocha, na que se aprecia a erosión que o mar vai provocando nela, polo que probablemente en poucos anos acabará desaparecendo. 

 A visita ao concello de Barreiros foi feita nesa data para coincidir co X Festival Augas Santas de Santo Estevo do Ermo. Unha festa que organiza a Irmandade dese nome e que celebrou no fermoso lugar onde houbo un antigo mosteiro e que na actualidade acolle agora unha capela de nova factura. A chegada a Santo Estevo foi sobre as dúas da tarde, atopando unha perfecta organización con mesas dispostas para gozar dun xantar a base de año e porco ao espeto. Trala comida e o café, tivo lugar a visita guiada pola fraga de Santo Estevo. Visitouse o lugar, hoxe totalmente cuberto de maleza, onde se atopan as ruínas do antigo mosteiro, do antigo cemiterio e das cabanas das eremitas. Seguiu o ascenso por un sendeiro que leva ata a parte alta da fervenza, facendo paradas na coñecida fonte ferruxinosa, na pedra coas pegadas do cabalo de Santiago e na fonte de Santa Rosa. Aquí, o grupo detívose para efectuar o rito de mollar os panos nas augas sanadoras; panos que deixaron pendurados nas pólas das árbores que rodean esta fonte máxica. Tralo descenso á parte baixa da fervenza, iniciouse o regreso.

 Queremos expresar o agradecemento aos párrocos das igrexas visitadas, que facilitaron o acceso ás mesmas, así como ás persoas que acudiron para franquear as entradas: os donos do bar A Curva, no caso de San Xusto, e a Elena e o seu home, na de Benquerencia. Asi mesmo, agradecemos e felicitamos a Irmandade de Augas Santas pola organización deste Festival en San Estevo do Ermo.


 FOTOS: https://photos.app.goo.gl/TsMA1DKkWNr9TRUM8