8/09/2008

UN ARQUEÓLOGO ENVIADO POR CULTURA CONFIRMA O ACHÁDEGO DE TRES PETROGLIFOS NO CASTRO DA ATALAIA DE SAN CIBRAO



O dia 8 de agosto un arqueólogo, enviado pola Delegación Provincial da Consellería de Cultura, acompañado por Manuel Miranda membro da nosa Asociación, visitou o Castro da Atalaia de San Cibrao para inspeccionar os achádegos de gravados rupestres sobre os que Mariñapatrimonio informou o pasado mércores.


O arqueólogo confirmou que, sen dúbida, existen alomenos 3 petroglifos e outro dubidoso debido ao estado de deterioro que presenta, xa que se ten feito lume enriba da pedra. Este técnico da Consellería de Cultura e Deporte terá agora que emitir un informe sobre estes gravados e cando isto sexa confirmado oficialmente os lugares onde se atopan estes petroglifos pasarán a ser considerados BIC ( Ben de Interese Cultural ) e ficarán, por tanto protexidos.


Mariñapatrimonio considera que o descubrimento destes gravados rupestres é importantísimo para a nosa comarca pois, como xa se dixo, serían as primeiras mostras de arte rupestre na zona. A existencia de pretroglifos no Castro da Atalaia contribúe a pór en valor este lugar tan destragado pola especulación urbanística que estamos a soportar.


Mariñapatrimonio fai un chamamento para que veciños e visitantes respecten esta zona e para que a Administración—Concello e Xunta de Galiza—paralicen dunha vez por todas a desfeita do Castro.


A confirmación da existencia destas mostras de arte rupestre é unha moi boa noticia para todos e anímanos a seguir traballando na defensa e divulgación do noso rico patrimonio.
Seguimento na prensa:

ARTE RUPESTRE NO CASTRO DA ATALAIA



Os tres grandes fenómenos culturais da prehistoria de Galiza son: o megalitismo ( mámoas, pedras fincadas, etc) ; a arte rupestre ao aire libre, máis coñecidos como petroglifos; e os castros.


A Atalaia de san Cibrao conta con dous destes fenómenos culturais: o castro, que se conserva nun excepcional estado, a pesar da mutilación que sufriu hai un ano por un violento golpe de ladrillo , e vestixios de arte rupestre (cazoletas de petroglifos), que hoxe Mariña Patrimonio quere dar a coñecer .



Os arqueólogos consultados por Mariña Patrimonio coinciden en sinalar que estas cazoletas son parte de petroglifos. Con todo, haberá que agardar a que
futuros estudos verifiquen a autenticidade e a magnitude destes restos.



Os petroglifos son gravados nas rochas, normalmente de granito; na súa maioría datan da Idade do Bronce e localízanse maioritariamente na provincia de Pontevedra. Na provincia de Lugo tamén se ten descuberto algún, concretamente no sur da provincia; os máis próximos á mariña están ubicados en Xermade e Vilalba. Por tanto, de confirmarse a súa autenticidade, sería a primeira mostra de arte rupestre na mariña lucense.



Estes gravados a lei considéraos BIC (Bens de Interese Cultural), é didir, reciben a figura legal de protección más importante que pode recibir calquera ben cultural. Por iso, MariñaPatrimonio confía en que esta nova descoberta axude a protexer o noso Patrimonio histórico e impida a edificación dos tres edificios que se pretenden construír sobre este importante xacemento.




Seguimento na prensa: