9/29/2014

ROTEIRO POLA FRAGA DA FURNA

 
Fermoso día de outono con sabor a verán tardío o que permitiu gozar dun espazo natural marabilloso, o val do rego da Furna, un val formado por un antigo glaciar que, non sendo oficialmente cabeceira do río Ouro, constitúe o seu ramal máis longo. O grupo de sendeiristas que respondeu este pasado sábado á convocatoria de MariñaPatrimonio atravesou ata vinte veces o curso pedregoso do río que serpentea ondulante polo fondo do antigo val glaciar   
As recentes choivas da pasada semana xa permitiron o crecemento de gran variedade de cogomelos, sobre todo boletos, cantarelus e rúsulas, que non pasaron desapercibidos para os paseantes. Pola fraga que forman os tres regos que confluen na cabeceira do val o grupo recreouse na enorme variedade de especies vexetais, carballos, bidueiros, acibros, freixos... e numerosos indicios dunha activa vida faunística de aves rapaces, xabaríns, cabalos, lobos...Os regos, na cabeceira do val máis pendente, son unha fermosa sucesión de pequenas fervenzas e pozos 
labrados sobre a rocha granítica. 
O paseo comezou e rematou na capela de Sta. Filomena, resto dunha antiga igrexa do S. IX ou X, da que se conserva soamente a ábsida e unha parte dos muros, que nos dan idea da dimensión dese templo orixinal. Tristemente, o seu estado de conservación non está á altura do seu valor patrimonial, e non está peor porque a vecindade se ocupa minimamente do seu coidado.
A actividade prorrogouse coa subida ao pico do Cadramón, o punto máis alto da Serra do Xistral(1.056 m) desde onde se pode contemplar unha panorámica realmente espectacular, e finalmente coa visita á Pena Abaladoira situada á esquerda da estrada que comunica o Valadouro con Abadín, no medio dun auténtico festival de formacións graníticas. Unha refrescante cervexa na vila de Ferreira pechou unha xornada redonda, que deixou un agradable sabor de boca aos participantes.





9/22/2014

EXCURSIÓN AO VAL DO REGO DA FURNA (O CADRAMÓN)

A Asociación Mariña Patrimonio organiza o próximo sábado 27 de setembro un roteiro polo val do Rego da Furna, unha das fontes do río Ouro, rodeando o Pico do Cadramón, a maior elevación da Serra do Xistral, con 1.055 m.
O percorrido ten unha lonxitude aproximada de 8 km en total e de dificultade baixa. Iniciaremos o roteiro por un camiño paralelo ao primeiro tramo que desemboca nun punto onde o val se ensancha, constituíndo unha das escasas mostras de glaciarismo desta serra do Xistral. O río segue un percorrido ondulante por este pequeno val glaciar e finalmente, na cabeceira do val, conflúen nel tres pequenos regos en forma de abano e cubertos dunha fermosa fraga.
Ao remate deste roteiro visitaremos a pequena capela de Sta. Filomena, que constitúe un dos máis antigos exemplos de arquitectura relixiosa da Mariña, datada nos s. IX ou X e da que só se conserva a súa cabeceira ou ábside.
A actividade está aberta ao público en xeral. Para comezar, xuntarémonos no parque de Ferreira do Valadouro ás 11:00 horas. Desde alí desprazarémonos en coches particulares ata o punto de partida do roteiro, que é a propia capela de Sta. Filomena. Cada participante levará a súa comida, que coincidirá seguramente na cabeceira do val da Furna, en plena fraga. O remate está previsto para as 17:00 ou18:00 horas.
A actividade será de balde para os soci@s, nen@s e desempregad@s. Para o resto terá un custo de tres euros. Non se precisa apuntarse previamente, basta con presentarse á hora de inicio indicada. Para máis información pódese chamar ao teléfono 619553236 ou por mail no enderezo mr.patrimonio@gmail.com

9/03/2014

A MÁMOA DO CHIVADOIRO E UNHA MINA DE OURO ROMANA: NOVOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS NO CONCELLO DE BARREIROS.

Trala solicitude realizada pola asociación MariñaPatrimonio, a Dirección Xeral de Patrimonio vén de incluír no inventario de xacementos dous novos sitios arqueoloxicos ubicados na contorna de Santo Estevo do Ermo, no concello de Barreiros (Lugo).
Coa clave GA27005020 e coa denominación Explotación mineira Forno dos Mouros – Cano dos Mouros foi inventariada unha gabia mineira no monte de Coira (Celeiro de Mariñaos). A gabia , dividida en dous tramos, aproximadamente mide uns 400m de lonxitude e 1.70m de ancho. Nas partes mellor conservadas chega aos 4m de profundidade. 
Unha singularidade desta mina é a existencia dunha especie de pontes, que os mineiros foron deixando cada catro metros cando picaban a rocha, posiblemente como medida de seguridade para evitar o seu derrubamento.
Na inspección realizada por técnicos de Patrimonio e polo arqueólogo especialista en minas romanas, Santiago Ferrer, constatouse que nesta explotación os mineiros seguían unha veta de seixo, da que quedaron mostras nas pontes antes mencionadas. Á espera dunha análise das mostras de seixo recollidas, todo parece indicar que o filón que se explotou no monte de Coira era de seixo aurífero. Polo tanto, estariamos diante dunha nova mina de ouro de época romana, que se sumaría ás de A Cova, A Espiñeira e ás do castro do Carreiro; todas elas ubicadas no contorno da desembocadura do río Masma.
 En 1876 o historiador José Villamil y Castro publicou na revista Museo Español de Antigüedades o artigo “ Castros y mámoas de Galicia”, no que fala do foxo do monte de Coira e confunde esta gabia mineira co foxo do sistema defensivo dun castro.
Por outro lado, coa clave GA27005021 e coa denominación Túmulo de Monte dos Trobos – Chivadoiro, a Dirección Xeral de Patrimonio incluíu tamén no inventario esta mámoa localizada casualmente por membros da Irmandade Santo Estevo e de MariñaPatrimonio coincidindo cunha visita a unhas galerías mineiras que se atopan neste lugar. Estas galerías foron inspeccionadas posteriormente polos arqueólogos de Patrimonio que concluíron que se trata de explotacións relativamente modernas para a extracción de ferrro e aínda que non foron incluídas no inventario de xacementos arqueolóxicos, teñen un gran valor histórico e etnográfico.
Ligazón fotos: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157646320354282/

9/01/2014

VISITA AOS CASTROS DE COAÑA, PENDÍA E CHAO SAMARTÍN

 
MariñaPatrimonio realizou este sábado unha viaxe a varios xacementos do Parque Histórico do Navia, un interesante modelo de xestión do patrimonio cunha ampla e ben planificada posta en valor dos seus recursos patrimoniais e que está a xerar importantes réditos económicos a través do turismo cultural. No Parque Histórico do Navia fixéronse intervencións arqueolóxicas en numerosos xacementos, entre os que destacan os castros de Coaña e Chao Samartín que posúen sendos centros de interpretación nos que se expoñen unha parte dos materiais atopados nas sucesivas campañas de escavación.
O grupo iniciou a visita polo Castro de Coaña, o xacemento que máis tempo leva sendo estudado e con maior extensión escavada. De seguido visitou o xacemento de Pendía, que chama a atención pola dimensión das súas defensas e a existencia de dúas saunas, nun espazo habitable relativamente reducido.
Durante a tarde, realizouse unha visita ao Museo Etnográfico de Grandas de Salime, un completísimo espazo para coñecer a vivenda tradicional, os oficios e modos de vida da zona occidental de Asturias dos últimos cen ou douscentos anos. Rematouse a xornada coa visita ao Museo de Chao Samartín e ao seu castro; seguramente, o máis interesante de toda a comarca, tanto pola enorme colección de restos atopados como pola súa prolongada ocupación: Idade do bronce, Idade do Ferro, Romanización e reutilización como necrópole na Idade Media. Un terremoto na época de ocupación romana provocou o abandono do castro. Destaca neste xacemento, dentro do propio recinto fortificado, unha domus ou gran casa romana, asociada á presenza dalgún alto militar que dirixiu a explotación do ouro na comarca.
Os tres castros visitados teñen en común a existencia dun conxunto urbano integrado por saunas, praza pública e cabanas comunitarias de gran dimensión.
Os participantes nesta actividade organizada por MariñaPatrimonio volveron á Mariña gratamente sorprendidos polas visitas realizadas e convencidos de que a nosa comarca e o seu enorme potencial arqueolóxico merecería recibir, cando menos, a mesma atención que lle prestan os nosos viciños asturianos ao seu patrimonio.