2/27/2009

Castro de Fazouro



A Dirección Xeral de Patrimonio iniciou os trámites para declarar BIC ( Ben de interese cultural) o castro mariñán de Fazouro (Foz).
Amosámosvos unha imaxes deste castro, abatido polas ondas, nun dos temporais que nos deixou este cru inverno.











2/17/2009

527 sinaturas respaldan a denuncia de Mariñapatrimonio ante a D.X. de Urbanismo



Mariñapatrimonio xunto con 527 persoas, preocupadas polo futuro da Atalaia de San Cibrao , denunciamos ante a Dirección Xeral de Urbanismo a concesión de licenzas por parte do concello de Cervo para a construción de tres edificios sobre o xacemento arqueolóxico do Castro da Atalaia. Os asinantes desta denuncia consideramos que as tres licenzas foron outorgadas con manifesto incumprimento da lexislación urbanística e da lexislación do patrimonio, polo que requirimos a intervención da autoridade competente en materia urbanística para, tomando en consideración a nosa denuncia,se leven a cabo as accións pertinentes para repoñer a legalidade e se protexa un ben patrimonial que é de todos e todas.


Os feitos nos que baseamos a nosa denuncia son os seguintes:
As tres parcelas nas que se pretenden executar estes proxectos de edificación están ubicadas no Castro da Atalaia, onde, no momento de outorgarse as respectivas licenzas urbanísticas, a Alcaldía e demais membros da Xunta de goberno coñecían a existencia dun xacemento arqueolóxico. Para poder conceder estas licenzas, o concello precisa un informe sectorial previo das autoridades competentes en materia de protección do patrimonio. As tres licenzas carecen deste informe sectorial.
A cualificación do solo correspondente a estas tres parcelas para as que foron outorgadas as licenzas urbanísticas é, segundo as Normas Subsidiarias de Planeamento do concello de Cervo (do ano 1978 e modificadas en 1998 para adaptación á Lei de Adaptación do Solo de Galicia), a de SOLO URBANO para usos I/RM (Industrial e Residencial Mixto. A ordenanza do planeamento para este tipo de solo, esixe que, para cada solar, o Concello estableza “a modalidade de ordenación acorde co entorno do mesmo” establecendo, ademais, que “nas zonas de transición ou indiferenciadas, así como nas parcelacións de ordenación mixta se efectuará previamente un Estudo de Detalle” (punto 4.3.4 das Normas Subsidiarias do Planeamento de Cervo). Non consta a aprobación de ningún Estudo de Detalle previo á concesión destas licenzas de edificación.
Polo tanto os 527 asinantes desta denuncia, xunto con Marinapatrimonio, consideramos que as tres licenzas concedidas, foron outorgadas con manifesto incumprimento da lexislación urbanística e lexislación do patrimonio vixentes, polo que requirimos a intervención da autoridade competente en materia urbanística para, tomando en consideración as nosas denuncias, se leven a cabo as accións pertinentes para repoñer a legalidade e desa forma protexer o Castro da Atalaia.
Pincha neste enlace para ver máis fotos:
Pincha neste enlace para ver o documento completo da denuncia: