2/25/2018

Percorrido polo patrimonio civil e eclesiástico de Ribadeo.

 Nun solleiro e xélido sábado, tivo lugar o roteiro que organizamos para coñecer o rico patrimonio civil e eclesiástico de Ribadeo.
Dende Marña Patrimonio queremos agradecer a colaboración do Concello de Ribadeo, da súa guía Begoña, do seu párroco Carlos Miranda e do mestre Emilio Piñeiroa por ternos acompañado e ilustrado no transcurso deste interesante percorrido polo rico patrimonio civil e eclesiástico ribadense.



+ FOTOS https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157688194856510

2/15/2018

Roteiro polo patrimonio civil e relixioso de Ribadeo

Dia: 24 febreiro
Horario: 10:00h – 14:00h. Visita guiada por Ribadeo
             15:30h – 17:30h. Visita Arante e Cubelas
               
Mariña Patrimonio organiza unha visita guiada a Ribadeo o día 24 de febreiro, para coñecer o patrimonio civil e relixioso máis salientable da vila. Cóntase coa colaboración do Concello, que vai  aportar unha guía especializada no aspecto civil, e con Carlos Miranda Trevín, que foi párroco de Cervo e na actualidade exerce en Ribadeo.

As persoas que desexen participar anotaranse no correo de Mariña Patrimonio (mr.patrimonio@gmail.com) ANTES DO XOVES 22, indicando o nome e se é socio/a . O punto de encontro en Ribadeo comunicaráselles por correo electrónico.

No caso de que haxa un número suficiente de persoas, poderíase pensar en facer o desprazamento en bus desde San Cibrao (con paradas intermedias) e organizar o xantar. As persoas interesadas deberán comunicalo ANTES DO MARTES 20, para pedir prezo do bus e buscar un lugar para xantar. O custe por persoa do bus e do xantar dependerá de cantas se anoten. No caso de que saia moi caro, desbotaríanse estas opcións, decisión que se comunicaría o mércores 21.

2/06/2018

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN NOVOS DANOS NO PATRIMONIO CULTURAL

O castro de Celeiro de Mariñaos (Barreiros, Lugo) novamente danado pola industria do eucalipto.

ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de presentar perante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) unha nova denuncia por posibles danos ocasionados nunha parcela no xacemento protexido de Os Castros, situado no concello de Barreiros (Lugo).
Na parcela afectada realizáronse distintas intervencións, con importantes remocións de terras para a repoboación con novas plantas de eucalipto. Todo indica que as intervencións levadas a cabo neste ben patrimonial non contaron coa preceptiva autorización de Patrimonio e, polo tanto, estariamos a falar de accións presuntamente ilegais que puideron danar gravemente un ben patrimonial protexido pola lei.
As asociacións denunciantes lémbranlle á industria do eucalipto que, grazas á Internet e ás múltiples imaxes que están á disposición de todo o mundo, as cortas, plantacións e remocións de terras son moi fáciles de detectar. Así mesmo, debido a que se editan periodicamente novas imaxes, é posible acotar as datas nas que se realizan as intervencións e mesmo se pode apreciar se nun xacemento protexido foi utilizada unha pa mecánica ilegalmente.
As infraccións en materia de patrimonio poden ser sancionadas con multas de 300 a 6000 euros, as infraccións leves; de 6001 a 150000 euros, as consideradas graves; e de 150001 a 1millón de euros as moi graves. Polo que é recomendable que calquera intervención sobre un xacemento arqueolóxico protexido, conte coa autorización previa do Servizo de Patrimonio.

2/05/2018

Entroido Ribeirao

 
Domingo Corredoiro en Santiago de Arriba - Chantada (Lugo).
Grazas a Xose Manuel Seixas, aos veciños de Santiago de Arriba, especialmente a Juan Carlos González, a Marisé Rey Álvarez e a Iván González Rey, por manter vivo o noso patrimonio cultural e pola súa xenerosa acollida.