Con
previsións meteorolóxicas adversas, que felizmente non se
materializaron, trinta participantes de case toda a Mariña chegaron
á igrexa de San Xusto de Cabarcos pouco despois das dez da mañá. A
primitiva construción data de 916, aínda que foi no século XVI
cando se fixo o edificio actual. Puidose constatar que ten unha nave
con dúas capelas laterais, capela maior e sancristía posterior,
todo isto rematado por arquerías. A súa importancia artística
reside no retablo, de estilo barroco lucense do XVIII, presidido pola
figura sedente de Santiago pelegrin, ao que acompañan os santos
Xusto e Pastor, patronos da parroquia, ademais doutras numerosas
imaxes. Cabe sinalar tamén a importancia do púlpito e os dous
confesionarios, obra dun artesán local, Santiago Candia, quen
ademais fixo o retablo da Virxe das Dores.
A
continuación, o grupo trasladouse ata a Roda de Barreiros, xacemento
arqueolóxico coñecido de antigo na comarca polos seus veciños,
aínda que estivo en risco de ser arrasado pola construción da
autovía. Na actualidade, despois de varias intervencións
arqueolóxicas, o xacemento atópase nun lamentable estado de
abandono, polo que a nosa asociación ten demandado en repetidas
ocasións que sexa protexido. O xacemento da Roda está datado na
Idade do Bronce e podería tratarse dun recinto para usos rituais ou
mesmo para facer enterramentos.
Tal
como estaba programado, foi visitada despois a igrexa de San Pedro de
Benquerencia. A súa construción remóntase ao século XVI. A
fachada principal presenta porta con arco adintelado e cabeza de anxo
na clave e, sobre dela, unha fornela barroca coa imaxe pétrea de S.
Pedro (popular) cunha gran chave na man. No interior destaca o
cruceiro, cuberto con bóveda gótica de catro nervios. Aquí é onde
sobresaen as pinturas dos catro evanxelistas, que presentan
características similares na posición, o tratamento, simboloxía,
cores e paisaxe. A técnica pictórica é pobre, tanto no debuxo coma
no uso da perspectiva, non logrando a sensación de profundidade. A
obra é do XVIII, arredor de 1770, e pódese deducir que son do mesmo
pintor.
Na
igrexa destaca o retablo maior, de estilo rococó de dous corpos, coa
figura de S Pedro no centro. Ten unha nave con dúas capelas
laterais, cruceiro e sancristía posterior, porta lateral no muro
dereito cun pequeno soportal no que se le “CABILDO” . É de notar
que na comarca estes pórticos chámanse así, porque servían e
serven para xuntanzas de veciños. Ademais da citada, hai moitas
outras imaxes distribuídas polos retablos principal e laterais.
Ao
rematar a visita da igrexa de S. Pedro, o grupo achegouse ata a praia
de Coto para buscar bíteres, coñecidos noutros lugares de Galicia
como ollomaos. Estes opérculos son utilizados en toda Galicia como
amuleto valedor contra a dor de cabeza, para axudar coa vista e
contra o mal de ollo. Aproveitouse tamén para ver a tumba medieval,
labrada na rocha, na que se aprecia a erosión que o mar vai
provocando nela, polo que probablemente en poucos anos acabará
desaparecendo.

A
visita ao concello de Barreiros foi feita nesa data para coincidir co
X Festival Augas Santas de Santo Estevo do Ermo. Unha festa que
organiza a Irmandade dese nome e que celebrou no fermoso lugar onde
houbo un antigo mosteiro e que na actualidade acolle agora unha
capela de nova factura. A chegada a Santo Estevo foi sobre as dúas
da tarde, atopando unha perfecta organización con mesas dispostas
para gozar dun xantar a base de año e porco ao espeto. Trala comida
e o café, tivo lugar a visita guiada pola fraga de Santo Estevo.
Visitouse o lugar, hoxe totalmente cuberto de maleza, onde se atopan
as ruínas do antigo mosteiro, do antigo cemiterio e das cabanas das
eremitas. Seguiu o ascenso por un sendeiro que leva ata a parte alta
da fervenza, facendo paradas na coñecida fonte ferruxinosa, na pedra
coas pegadas do cabalo de Santiago e na fonte de Santa Rosa. Aquí,
o grupo detívose para efectuar o rito de mollar os panos nas augas
sanadoras; panos que deixaron pendurados nas pólas das árbores que
rodean esta fonte máxica. Tralo descenso á parte baixa da fervenza,
iniciouse o regreso.

Queremos
expresar o agradecemento aos párrocos das igrexas visitadas, que
facilitaron o acceso ás mesmas, así como ás persoas que acudiron
para franquear as entradas: os donos do bar A Curva, no caso de San
Xusto, e a Elena e o seu home, na de Benquerencia. Asi mesmo,
agradecemos e felicitamos a Irmandade de Augas Santas pola
organización deste Festival en San Estevo do Ermo.
FOTOS: https://photos.app.goo.gl/TsMA1DKkWNr9TRUM8