4/14/2025

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian danos por labores forestais nas mámoas de Penarrubia, en Lugo.

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo grave impacto que sufriron as mámoas Mogote de Penarrubia 1 e Mogote de Penarrubia 2, situadas no lugar de Penarrubia, parroquia de Orbazai (San Miguel), no concello de Lugo. Estes dous xacementos arqueolóxicos están catalogados como bens patrimoniais no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e incluídos no PXOM de Lugo, polo que contan cun réxime de protección específico que impide calquera intervención sen autorización previa.

Durante unha visita á zona, representantes das asociacións comprobaron que se provocaron danos materiais moi relevantes por mor de labores forestais que incluíron a corta de piñeiros, o arrincado dos tocos e o paso de maquinaria pesada sobre os propios túmulos.

Entre os feitos observados destacan:

  • A alteración da coraza do túmulo da mámoa 1, con movementos de terra e deterioro da estrutura visible.

  • Rodeiras de maquinaria pesada sobre ambas mámoas.

  • Depósito de troncos cortados sobre a superficie da mámoa 1, o que agrava os danos no túmulo.

  • Afectación dos estratos arqueolóxicos e da morfoloxía dos dous túmulos.

Segundo todo parece indicar, estas actuacións foron realizadas sen contar coa autorización preceptiva da Consellería de Cultura, o que podería supoñer unha infracción grave da normativa de protección do patrimonio cultural.

Ante esta situación, as asociacións solicitan:

  • Que se comprobe se os traballos contaban coa correspondente autorización.

  • Que se abra un expediente sancionador contra os responsables, no caso de confirmarse a ausencia de permiso.

  • Que se adopten medidas correctoras urxentes para restaurar os danos causados e garantir a protección efectiva destes bens patrimoniais.

As mámoas de Penarrubia constitúen un valioso testemuño da presenza humana prehistórica na comarca. A súa conservación é unha responsabilidade colectiva que require o compromiso de todas as administracións.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/3Sg3ShujSK4TWkHT6

 


 

4/08/2025

Charla sobre a afectación de 101 xacementos arquelóxicos na provincia de Lugo

 

O pasado xoves, 3 de abril, tivo lugar no auditorio do Vello Cárcere da capital lucense a charla sobre a afectación de 101 xacementos arquelóxicos na provincia de Lugo por labores forestais. No acto informativo, organizado por ADEGA e Mariña Patrimonio pretendeuse visibilizar a situación de indefensión do abundante patrimonio arqueolóxico da provincia.

Ao longo da exposición, Manuel Miranda, membro de Mariña Patrimonio, xunto con José Manuel…, de ADEGA, presentaron, con apoio dunha completa documentación, o resultado dun ano de traballo para localizar, visitar e documentar un número moi elevado de xacementos afectados, como consecuencia de traballos forestais, en toda a provincia.

Como resultado desa verificación, ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron as denuncias correspondentes perante a Dirección Xeral de Patrimonio.

As denuncias presentadas teñen que ver coa plantación de eucaliptos na súa maioría, e en menor medida por plantación de piñeiros ou outras agresións. Afectan en particular á zona centro da provincia, mentres que o sur da mesma está moito menos afectado. Na Mariña, como resultado do labor desenvolvido dende hai anos por ambas asociacións, e a pesar de ser a principal zona forestal de eucalipto, obsérvase que sufriu moitas menos agresións a xacementos arqueolóxicos que noutras zonas da provincia.

Os datos, ademais, poñen en evidencia a total inhibición que a administración responsable, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, exerce na vixilancia e protección do noso patrimonio. O noso agradecemento a ADEGA, por organizar esta presentación, e ao persoal do Vello Cárcere por facilitarnos a súa realización neste espazo singular e tan simbólico da capital.


4/04/2025

Santo Estevo do Ermo: un xacemento con futuro

O pasado domingo, nas Escolas Vellas de San Cosme de Barreiros, diante de máis de cincuenta persoas e coa presenza da Alcaldesa Ana Ermida e o Deputado Provincial Daniel García, o responsable da empresa Tempos Arqueólogos, Francisco Alonso Toucido, deu conta dos resultados acadados na primeira intervención arqueolóxica realizada no xacemento de Santo Estevo, acometida no pasado outono e promovida por Mariña Patrimonio, grazas ao financiamento achegado mediante convenio coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

 Sábese, grazas á documentación histórica dispoñible e aos restos visibles en superficie, que o xacemento consta dunha pequena igrexa, un cemiterio e cabanas de mulleres eremitas  que habitaron o lugar, así como un cuncheiro ou vertedoiro de restos de alimentos, que foi localizado recentemente nas proximidades destes restos.

A intervención realizada tivo un carácter prospectivo e consistiu na realización de tres catas de dous por dous metros, que fixeron aflorar estruturas construtivas que permiten ratificar o interese e, sobre todo, o potencial que ten o lugar. Identificouse unha estrutura cadrada de cinco por cinco metros, que podería ser unha parte da igrexa medieval ou unha vivenda, así como distintos muros que dan pé a pensar que puido haber diferentes niveis de ocupación desde a primeira construción, na alta Idade Media. 

Os resultados acadados permiten, por tanto, confirmar o interese do xacemento e convidan a dar continuidade á intervención cunha escavación máis ampla que poida aclarar as incógnitas que esta primeira sondaxe nos ofrece. Sería interesante tamén a escavación e estudo do cuncheiro, que pode ofrecer unha información moi interesante sobre a vida nese lugar a partir dos restos acumulados no mesmo. 

Mariña Patrimonio e o Concello de Barreiros están en contacto coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo para darlle continuidade ao proxecto de valorización deste xacemento, que pode aportar moita información histórica sobre este tipo de asentamentos altomedievais sobre os que se sabe moi pouco. Pode ademais, coa consolidación das estruturas escavadas, engadir maior atractivo turístico e cultural a este enclave, que xa posúe un gran valor como espazo natural e paisaxístico.

VIDEO:  https://youtu.be/md2sgDa2ZXc