7/16/2010

Primeiro trunfo dos veciños de San Cibrao e de MariñaPatrimonio

Primeiro trunfo dos veciños de San Cibrao e de MariñaPatrimonio que despois de 3 anos de loita conseguiron que a Xunta de Galiza decida conservar o castro da Atalaia e non permita continuar construíndo sobre o xacemento.

Abaixo podedes ler o comunicado da Xunta. Proximamente dende MariñaPatrimonio faremos unha valoración máis detallada sobre este feliz acontecemento.


A Dirección Xeral de Patrimonio acorda a conservación in situ dos restos do castro de Punta Atalaia, no concello de Cervo

Dos estudos realizados despréndese que podería tratarse dun dos asentamentos antigos de meirandes dimensións da Mariña lucense

Lugo, 16 de xullo de 2010.- A Dirección Xeral de Patrimonio resolveu que os restos achados do castro de Punta Atalaia, no concello de Cervo, deben ser conservados in situ debido ao seu valor arqueolóxico e histórico.

A Dirección Xeral estima que pode tratarse dun dos asentamentos de meirandes dimensións da Mariña lucense, que se estende cara ao mar, cara a terreos de dominio público marítimo terrestre, polo que podería dar lugar a un gran proxecto arqueolóxico.

Os restos exhumados evidencian unha complexidade urbanística froito dunha longa e continuada ocupación e transformación deste espazo, que está na orixe da vila de San Cibrao. Na súa orixe é adscribible ao período galaico-romano, no cambio de era e primeiros séculos despois de Cristo, á que se superpoñen estruturas medievais.

Os estudos realizados destacan a extensión, densidade e variedade das estruturas arqueolóxicas documentadas, pero tamén a recuperación de abundantes materiais nobres, vitais para a interpretación do xacemento, evidenciando a súa vinculación coas actividades marítimo-pesqueiras e o comercio, testemuñado pola abundancia de restos cerámicos de importación.

En definitiva, a Dirección Xeral de Patrimonio entende que os valores do asentamento o fan merecedor de ser conservado como ben integrante do Patrimonio Cultural de Galicia, sometido ao réxime de protección establecido na lei que regula este tipo de bens –Lei 8/95, de 30 de outubro-.

A conservación dos restos é incompatible cos proxectos construtivos que se proxectaban sobre esta área. Foron estas actuacións, en concreto a construción dun edificio na zona, as que nun primeiro momento confirmaron a existencia de restos arqueolóxicos, e conduciron a unha prospección máis en profundidade das zonas que aínda non se viran afectadas.

Realizáronse escavacións en área na case totalidade da superficie que ocuparían as vivendas aínda non executadas, evidenciando a importancia dos achados e obrigando, polo tanto, á adopción de solucións protectoras para os restos.

Consellería de Cultura e Turismo



Sem comentários: