Mariña Patrimonio realizou a última saída previa ao verán para coñecer o patrimonio de Galicia e en particular da nosa provincia. Nesta ocasión, tivemos a oportunidade de facer un percorrido por diferentes puntos da Via Künig, o camiño xacobeo resultante da expedición encabezada polo monxe alemán Hermann Künig, a fíns do século XV, do que saíu unha completa e detallada guía de peregrinación. Trátase dun longo itinerario que parte da actual Suíza atravesando o sur de Francia e entrando na Península por Irún ata Compostela para volver logo a Francia por Burdeos e París ata Aquisgram, concordando parcialmente con outros camiños pero sempre optando por salvar mellor as dificultades topográficas. O tramo galego desta vía entra por Pedrafita e continúa por As Nogais, Becerreá, Baralla, o Corgo e Lugo onde conecta co Camiño Primitivo. Neste percorrido, tivemos a sorte de ser guiados polos historiadores Javier Gómez Vila e Daniel Vázquez Vila, presidente e vicepresidente da Asociación Via Künig, aos que lles queremos amosar a nosa gratitude.
O noso percorrido comezou en Becerreá, onde nos achegamos á Ponte de Cruzul, recentemente declarada BIC e construída no século XVIII formando parte do Camiño Real a Galicia dentro da rede radial promovida polo rei Carlos III. Este camiño seguía a Vía XIX do itinerario de Antonino, entre Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), seguida tamén por Künig, como mellor opción de acceso para salvar os desniveis do territorio.
No mesmo concello de Becerreá, xa próximo ao de Baralla, visitamos a igrexa e restos do mosteiro de Penamaior, que constitúe o principal complexo monacal deste tramo galego da vía. Trátase dun singular e monumental templo románico de fins do século XII, que actualmente presenta un bo estado de conservación logo da restauración acometida como consecuencia de ser declarado BIC, hai xa uns vinte anos. Penamaior constituía un importante apoio aos peregrinos, aos que lles ofrecía alimentación e hospitalidade.
A via continúa xa de xeito máis plácido polo concello de O Corgo, aproveitando esa vella calzada romana que deixou restos de miliarios en diferentes lugares. O grupo realizou un pequeno paseo deste tramo entre a parroquia de Pedrafita e a de Arxemil cruzando a Ponte dos Galiñeiros, unha fermosa estrutura dun só arco, que actualmente está pechada ao tráfico á espera de reparar a profunda greta que presenta como consecuencia do paso de vehículos pesados.
Logo dun opíparo xantar no Bar Playa, rematamos as visitas da Via Künig. Completamos a tarde con dúas visitas na contorna de Lugo. Achegámonos primeiro á Igrexa de Santalla de Esperante, pechada ao público logo das intervencións arqueolóxicas recentes que deron lugar ao descubrimento, na súa ábsida, dun tríforo prerrománico, similar aos que podemos atopar en diversos templos asturianos. Puidemos tamén apreciar os dous grandes arcos cegos nos dous costados do templo.Os arcos parecen indicar que inicialmente esta igrexa posuía unha planta de cruz grega. A singularidade desta igrexiña complétase cos restos atopados dunha antiga construción romana que semella teren aparecido nas catas arqueolóxicas realizadas.
Finalmente, xa de volta á Mariña, fixemos unha visita que había tempo tiñamos interese en realizar: a Torre de Caldaloba, o que queda do antigo Castelo de Vilaxoán, vinculado á familia de Pardo de Cela. Segundo a tradición histórica máis estendida, nesta fortaleza Constanza de Castro, filla do mariscal, e o seu marido, Fernán Ares de Saavedra, resistiron o asedio das tropas enviadas polos Reis Católicos.
A fortaleza érguese sobre o antigo castro do Coto do Mato, nun emprazamento de grande valor defensivo, reforzado por un complexo sistema de fosos que aínda hoxe se percibe no terreo. O estado actual deste Ben de Interese Cultural é de auténtica ruína, cunha deterioración que se pode cualificar de alarmante.
O que resulta evidente é a urxencia de desbloquear o conflito institucional aberto arredor da titularidade e da xestión do ben. Mentres tanto, a Torre de Caldaloba segue deteriorándose. A responsabilidade directa de conservación corresponde ás administracións titulares ou propietarias, pero a Consellaría de Cultura, como administración competente en materia de patrimonio cultural, non pode permanecer allea ao risco de derrubo dun BIC e dispón de instrumentos legais para requirir actuacións, coordinalas ou mesmo actuar subsidiariamente, se quen ten a obriga directa de conservación non garante a protección do ben.FOTOS: https://photos.app.goo.gl/FuhLgVCEehGnZfQBA
