12/12/2011

EXCEPCIONAL SAUNA CASTREXA A PIQUES DO DERRUBE.

Nota de prensa de LugoPatrimonio e MariñaPatrimonio.

A EXCEPCIONAL SAUNA CASTREXA DE CASTAÑOSO A PIQUES DO DERRUBE.

A Fonsagrada , 12 de decembro de 2011.- No extenso concello de A Fonsagrada (Lugo), que conta con numerosos xacementos arqueolóxicos, rexístranse arredor de 70 asentamentos castrexos. Na década dos 80 os sacerdotes D.Enrique López Fernández e D. José Argul Folgueiras realizaron un importante labor de catalogación destes xacementos fonsagradinos, un traballo que viu a luz no libro Fonsagrada y su concejo publicado no ano 1986. Nesta interesante publicación achamos entre os castros estudados o do Castelón de Castañoso.

O Castelón é un castro situado nun abrupto esporón conformado polo rego do Val do Barreiro e o río das Covas. A presenza de minas para a extracción de ouro nas inmediacións do asentamento castrexo, como son as Covas de Teixeira ou as explotacións a ceo aberto da Chaila de Santiago, indícannos que se trata dun castro mineiro.

As defensas naturais do Castelón convertíano nun castro inexpugnable. Estas defensas foron reforzadas mediante profundos foxos, picados na rocha, e mais un torreón ou baluarte defensivo á entrada do poboado. Para chegarmos onda o castro hai que pasar pola “calle dos mouros”, un estreito camiño na dorsal do esporón cunha profunda caída a ambos lados.

O escarpado do terreo, o feito de que non houbese zonas habitadas nas cercanías do castro e a propia natureza, que pechou o monte impedindo durante moito tempo a chegada até o Castelón, propiciou a conservación de numerosos muros das edificacións do castro. Entre estas edificacións cómpre destacar a relevante presenza dunha sauna castrexa. Este importantísimo achado débese aos mencionados D. Enrique López e D. José Argul e aparece recollido xa no citado libro Fonsagrada y su concejo .

As saunas castrexas, tamén coñecidas como pedras formosas ou monumentos con forno, son edificacións monumentais claramente diferenciadas das demais construcións castrexas. Trátase de edificios con planta rectangular, distribuídos en tres salas: a antecámara, a cámara de vaporización e unha cabeceira en forma de ábside onde se atopaba o forno ou fonte de calor. Este tipo de edificacións estaban cubertas a dúas augas por aproximación de fiadas de pedra que conformaban unha falsa bóveda.

Sábese que no territorio ocupado pola cultura castrexa ( norte de Portugal, Galiza e Asturias) só se coñecen 16 monumentos con forno. Destes monumentos en Galiza consérvanse o da Punta dos Prados en Ortigueira; a do castro de Borneiro en Cabana de Bergantiños e, para algúns, tamén a de Augas Santas en Allariz. Polo tanto, a sauna castrexa do Castelón de Castañoso sería a terceira ou cuarta das coñecidas até o momento no territorio galego.

Dende que hai aproximadamente tres anos se rozaron e se abriron de novo os vellos camiños que levan ao Castelón, a súa sauna foi visitada por varios arqueólogos como é o caso de Ángel Villa Valdés, arqueólogo asturiano de recoñecido prestixio e estudoso das saunas castrexas, quen nas Xornadas de Arqueoloxía organizadas en Xinzo pola Universidade de Vigo fala, entre outras , da sauna de Castañoso. (Na seguinte ligazón pode verse o vídeo do seu relatorio: http://tv.uvigo.es/video/42110 )

Comparada coas saunas asturianas e coas outras saunas galegas, a de Castañoso goza dun excepcional estado de conservación, mantendo en pé aproximadamente a metade da falsa bóveda. Esta apóiase sobre unha soa pedra, que de ser movida por un animal, unha persoa ou pola acción da chuvia ou da neve, provocaría que a mellor conservada das saunas castrexas sufrise graves e irreversibles desperfectos.

Por iso, as asociacións LugoPatrimonio e MariñaPatrimonio facemos un chamamento á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza para que poñan en marcha unha intervención de urxencia e adopten todas as medidas necesarias co fin de impedir que este Ben que integra o Patrimonio arqueolóxico de Galiza non se deteriore máis e non acabe desaparecendo.

Ligazón fotos: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/SAUNACASTREXAFONSAGRADA

Sem comentários: