Un erro dos técnicos que catalogaron o castro de O Redondo déixano sen a protección legal que ampara este tipo de bens.
O 27 de febreiro de 2012 ADEGA e Mariñapatrimonio denunciamos perante o Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e o SEPRONA unha tala de eucaliptos que podía afectar o xacemento arqueolóxico de O Redondo, no lugar de Tarroeira, concello do Vicedo (Lugo). Este castro, catalogado dende o 2001, está protexido por lei para evitar o seu deterioro ou destrución, e calquera intervención nel debe ser autorizada pola Consellería de Cultura.
O 29 de febreiro os técnicos da Xunta realizaron unha inspección neste castro e constataron que, efectivamente, dentro das súas estruturas defensivas se estaba a realizar a tala denunciada, sen a preceptiva autorización. Comprobaron, ademais, que o “castro está mal situado”, o cal non quere dicir que os castrexos no seu momento levantaran o seu poboado nun lugar pouco axeitado, senón que os técnicos que o catalogaron situárono nun lugar equivocado. Deste xeito, estívose protexendo un xacemento inexistente ao tempo que se deixaba sen protección o castro de O Redondo.
Este novo caso de tala sobre un xacemento arqueolóxico e o erro na súa ubicación, confirman a ineficacia dos poderes públicos e a súa incapacidade para frear a continua agresión do noso patrimonio.
O Redondo é un impoñente castro de forma oval cuxos eixos miden 250m por 140m, dimensións pouco habituais nos castros da Mariña. Resalta especialmente o seu sistema defensivo, que consta dun enorme foxo de 25m de ancho e un potente parapeto de máis de 260m de largo e máis de 5m de alto. Conta, ademais, cun envexable estado de conservación. Sen dúbida, O Redondo é outra das xoias arqueolóxicas da Mariña que todos os interesados pola arqueoloxía deberían coñecer.
EnlaceFotos: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/CastroDeORedondo
Sem comentários:
Enviar um comentário