8/08/2017

A Xunta prohíbe varar embarcacións no círculo lítico da Roda de Barreiros, que está a 1 km da costa

Non se permite o varado de embarcacións fóra dos puntos establecidos”, así reza o panel informativo, asinado pola Xunta de Galicia, colocado no emblemático xacemento do concello de Barreiros (Lugo)
Para quen non coñeza o sitio arqueolóxico da Roda de Barreiros (Lugo), cómpre dicir que se atopa no concello de Barreiros, a un quilómetro da costa e a varios quilómetros de calquera curso fluvial navegable. En 2006 o xacemento foi obxecto dunha escavación arqueolóxica debido a que os antigos moradores desta zona, hai uns 3700 anos, decidiron construír esta enigmática estrutura circular xusto no trazado da autovía A8. A Roda foi totalmente escavada e, lonxe de aportar luz, suscitou máis dúbidas sobre que tipo de xacemento é esta estrutura circular.
Dende 2006 a Roda de Barreiros, malia as promesas da Consellería de Cultura de poñela en valor, caeu no máis absoluto dos abandonos: o xacemento sen protexer, as catas abertas e os eucaliptos, eses que non son invasores, invadindo desaforadamente todo o xacemento. Esta situación ten sido denunciada por Mariña Patrimonio en reiteradas ocasións.
En 2015, por fin, Patrimonio decide intervir e realiza novas catas no xacemento o que lles permite datalo na Idade do Bronce. Trataríase dunha estrutura tipo Henge que, segundo os arqueólogos, a convertiría no único coñecido na Europa continental. Con estes novos datos reaparecen as promesas de posta en valor e en 2016 o Concello de Barreiros coloca na estrada nacional un indicador do lugar ilegalmente, polo que foi retirado ás poucas horas por Fomento. Até o momento, a outra gran posta en valor do sitio arqueolóxico consistiu en colocar un panel informativo que, entre outros, asina a Xunta de Galicia. 


Supoñemos que para destacar o gran valor do xacemento cumpría un gran panel; non abondaba colocar un discreto como os que se adoitan ver nos sitios arqueolóxicos normais, aquí o panel “grande, ande ou non ande”; por suposto colocado no lugar que máis interfira na visión do xacemento. De todas maneiras, se non deixa ver A Roda non importa, xa que o panel repite ata en tres ocasións a mesma fotografía do xacemento, que o poderiamos ver ao natural, se o propio panel e os toxos o permitisen.


Sobre o texto do mencionado panel xa non imos entrar, aínda que sen dúbida debería ter pasado o filtro dalgún entendido en lingua e en arqueoloxía.
Para rematar, e emulando os contratos das entidades bancarias, o panel da Roda de Barreiros tamén ten a súa letra pequena; de feito, na parte inferior esquerda atopamos un recadro que, entre outras exquisiteces, advirte que “non se permite o varado de embarcacións fóra dos puntos establecidos”.



Sem comentários: