6/12/2022

VISITA AO PATRIMONIO DO CONCELLO DO VICEDO

 

O tempo non acompañou. Aínda así, 30 persoas responderon á convocatoria de Mariña Patrimonio para visitar algúns dos lugares máis reseñables do Vicedo. A visita foi deseñada e guiada polo profesor Bernardo Penabade, burelés de adopción, máis nado na parroquia de Grañas (Mañón), a quen agradecemos a súa contribución fundamental no desenvolvemento desta actividade. 

Durante as actividades da mañá, Penabade foi auxiliado polo tamén profesor e investigador Antón Niñe, a quen igualmente agradecemos a súa colaboración pola información que nos achegou sobre as tres igrexas que visitamos: San Pantaleón de Cabanas (Ourol), San Ramón de Cabanas e San Pablo de Riobarba.

 Os tres templos responden a unha arquitectura similar, dotadas de fermosas portadas góticas e a presenza constante da simboloxía propia da Casa dos Andrade. Trátase de igrexas que sorprenden pola súa magnífica factura, que revela a importancia económica e relixiosa que estas parroquias tiveron no pasado. 

Sorprende gratamente o coidado estado da súa contorna, a pesar da escasa poboación que actualmente reside no lugar. Un mérito que haberá que atribuír á vecindade e ao seu párroco Cristobal Rivas, a quen tamén agradecemos a súa colaboración por facer posible estas visitas. Queremos sinalar, de paso, a necesidade que teñen estes templos dunha maior atención por parte das autoridades responsables deste valioso patrimonio, para iniciar a restauración destes edificios, dos seus retablos e das posibles pinturas murais que puidera haber nalgunha delas. Conviña identificalas canto antes e, de ser o caso, protexelas legalmente, a fin de frear o seu deterioro.

 Na xornada de tarde, Penabade fixo tándem con Hixinio Puentes, Cronista Oficial de Mañón e bo coñecedor da historia local; unha historia moi relacionada coa industria da salga de sardiña, que acadou gran desenvolvemento desde mediados do século XVIII na vila do Vicedo.

Coa interesante información de Hixinio, o grupo realizou un agradable paseo ata o Vicedo Vello e a súa praia, agora moi popular pola súa area branca, derivada do caolín que procede dunha industria de lavado desta arxila que funcionou na súa ribeira. Cómpre sinalar que a praia do caolín tende a relacionase erroneamente coa edificación que máis presenza ten nese lugar, unha antiga fábrica de salga, probablemente a máis antiga do Vicedo, antecedente das que se atopan no Vicedo novo. Algunas delas foron trasformadas en fermosas casas e outras permanecen en estado ruinoso. Hixinio relacionou estas industrias coa chegada, desde mediados do século XVIII, dos fomentadores cataláns, responsables do desenvolvemento da industria conserveira por todo o litoral galego.

 Celebramos e agradecemos, finalmente, a presenza nesta visita do actor oriundo da parroquia de Cabanas, Pepe Penabade, que nos aportou as súas vivencias de infancia e xuventude nestas terras, hoxe esquecidas, pero posuidoras de tesouros patrimoniais que cómpre conservar. 


 

+ Fotos: https://photos.app.goo.gl/LkWqXbwYb2nYdsNcA



Sem comentários: