5/27/2024

VISITA AO PATRIMONIO DO COUREL

 Na viaxe ao Courel organizada por Mariña Patrimonio este pasado sábado, na que participou un nutrido grupo de persoas, visitáronse algúns dos abundantes bens patrimoniais incluídos no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, que conforman os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. Para esta visita contamos coa inestimable colaboración de Iván Álvarez Merayo, arqueólogo e guía de montaña, que forma parte do Comité Científico do Xeoparque.

Comezamos visitando o lugar de Montefurado, onde puidemos ver o túnel que os romanos construíron para desviar o curso do río Sil e desecar así un extenso meandro que permitise extraer o ouro sedimentado no seu leito. O túnel, duns 130m de lonxitude en orixe, hoxe pasa escasamente dos 50 metros por mor dun derrube natural a comezos do século pasado.

A continuación, visitamos a aldea de Montefurado, construída no espazo que deixou unha antiga explotación aurífera, na que puidemos gozar da súa imponente igrexa barroca e dunha arquitectura popular de gran beleza, con algunhas vivendas que lembran rasgos morfolóxicos das vivendas castrexas.

De seguido, dirixímonos cara a Folgoso do Courel con parada intermedia no mirador, que permite ver o Pregamento de Campodola-Leixazós, declarado monumento natural pola Xunta de Galicia, Lugar Xeolóxico de Interese Internacional e elemento xeolóxico fundamental deste Xeoparque pola súa singularidade, xa que en moi poucos lugares de Europa se pode ver un prego tumbado orixinado no período Carbonífero, arredor de 300 millóns de anos atrás. O perfil do pregamento faise visible grazas ao río Ferreiriño, afluente do Sil, que coa erosión das súas augas abriu un val que divide transversalmente o prego, quedando as bandas de cuarcita máis duras en resalte debuxando as curvas do mesmo.

En Folgoso degustamos un espléndido xantar no Mesón O Mirador, para de seguido dirixirnos ás proximidades de Seoane e percorrer o Val das Mouras, un espazo natural singular nunha zona constituída por un relevo kárstico (calcáreo) que combina formas externas (lapiás) e internas (covas), formadas por antigas correntes fluviais, tanto subterráneas como superficiais, que foron creando esta morfoloxía por disolución do carbonato cálcico da rocha caliza. Este espazo está ocupado por un souto de castiñeiros centenarios que, combinados con estas singulares formacións rochosas cubertas de musgos e unha gran riqueza botánica, constitúen unha paisaxe laberíntica de extraordinaria beleza. A pesar da dificultade para desprazarse por este lugar, paga a pena realizar o esforzo, sempre procurando respectar este valioso espazo natural.

Desde aquí, o grupo desprazouse uns poucos quilómetros para visitar o Castro da Torre, un xacemento galaico-romano parcialmente escavado, situado a media vertente dereita do val do río Lor, nun promontorio de lousa que dispón de boas defensas naturais, pero dotado a maiores por un sistema de parapetos e foxos que protexen unha imponente muralla superior sobre a que se construíron, a modo de terrazas, as casas. A croa, con forma ovalada, en cuxa escavación participou o noso guía, está organizada en varias rúas paralelas lonxitudinais e unha praza. Segundo Merayo, houbo unha primeira fase construtiva no século IdC (polo tanto xa romanizado) e,despois dun período de abandono, volveuse ocupar, reurbanizándoo, no século IV ou V.

A xornada tivo que rematar aquí por motivos técnicos, aínda que incluía unha visita final á aldea de Seceda, en dirección ao Incio. Unha fermosa e moi ben preservada aldea que conserva a arquitectura nas súas vivendas e na estrutura urbanística dos antigos asentamentos castrexos. Queda pois para a próxima. O noso agradecemento ao noso guía, Iván Álvarez Merayo, da empresa de turismo activo Coureleando S.C. polo seu entusiasmo e a súa axuda imprescindible nesta viaxe. 

+ FOTOS: https://photos.app.goo.gl/uzDijwHfoRCmpirF9

Sem comentários: