8/16/2025

Bateo de ouro e lume ancestral Experiencias en vivo na Finca Galea (Alfoz do Castrodouro)


Mariña Patrimonio organizou este mércores 13 de agosto, como xa fixo en anos anteriores, un obradoiro de bateo de ouro, contando coa inestimable colaboración do xeólogo Francisco Canosa. Este ano, como novidade, compaxinouse este obradoiro cunha demostración de lume ancestral, realizada polo xovense Xacobe Casabella. As dúas actividades simultaneáronse no espazo singular da Finca Galea, en Alfoz.

A xornada tivo un enorme éxito pois as tres quendas previstas foron completadas en pouco tempo e, desgrazadamente, non foi posible aceptar as máis de vinte solicitudes de participación que chegaron cando xa se superara o límite previsto. O bateo de ouro, coma noutras edicións, permitiu aos participantes aprender de forma teórica e práctica a técnica que permite atopar pepidas de ouro no medio de sedimentos dos ríos mediante o procedemento más simple e eficaz que xa usaron os nosos antergos castrexos.

A obtención de lume, a partir de elementos naturais e con moi diversas técnicas ancestrais, foi o obxecto da demostración que Xacobe Casabella realizou, conseguindo provocar brasas a partir de chispas das rochas con outras rochas ou con metais, ou a partir de quentamento por fricción da madeira con diversos métodos. As brasas obtidas por calquera deste métodos son introducidas dentro dun niño de palla seca que dá lugar ao lume simplemente soprando e expoñendo ao aire.
O noso agradecemento aos dous expertos pola súa colaboración e, por suposto, a Emilio de Galea, que outro ano máis nos cedeu o seu marabilloso espazo para realizar esta actividade.
+Fotos:
https://photos.app.goo.gl/fr43meTpbcwoQaVF6




8/13/2025

Mariña Patrimonio e o Concello de Cervo colaboran no mantemento do Castro de Rueta

Hai dous anos, Mariña Patrimonio promoveu unha intervención arqueolóxica non invasiva no Castro de Rueta, en Cervo, que incluíu a roza da cuberta vexetal que impedía ver o xacemento. O ano pasado, o Concello de Cervo e os propietarios dos terreos chegaron a un acordo para manter o castro libre de maleza, e o Concello procedeu a realizar a súa roza.

En xuño deste ano, o Concello e Mariña Patrimonio asinaron un convenio polo que a asociación se encarga da xestión da roza do xacemento, contando cunha subvención nominativa municipal. O corte da maleza realizouse con maquinaria lixeira portátil entre mediados de xullo e comezos de agosto. A intención de Mariña Patrimonio e do Concello de Cervo é continuar realizando estas rozas de forma periódica, co fin de conservar o xacemento cunha capa de vexetación controlada que permita a súa visita, especialmente na primavera e no verán, cando este impresionante xacemento arqueolóxico pode recibir máis visitas.

O resultado destes traballos de desbroce volve ser espectacular, amosando novamente un xacemento arqueolóxico impresionante e enigmático, sen dúbida un dos castros costeiros máis destacados non só da Mariña, senón de toda Galicia. Merece a pena facerlle unha visita, e animamos á xente a que se achegue para coñecer e gozar deste importante ben patrimonial.

LIGAZÓN FOTOS : https://photos.app.goo.gl/gBy4MqPmo8jVvaCz6

 vídeo: https://photos.app.goo.gl/9knnCiGfecnve1MD6




8/12/2025

Ana Isabel Filgueiras afonda na historia e simboloxía dos hórreos

 

Na charla organizada por Mariña Patrimonio no Museo do Mar de San Cibrao, o pasado 6 de agosto, a arqueóloga e antropóloga Ana Isabel Filgueiras ofreceu unha interesante exposición sobre os hórreos. Presentou unha completa síntese do significado destes edificios singulares, presentes en moitos lugares do mundo, sempre coa función común de almacenar alimentos indispensables para a supervivencia das familias e comunidades agrarias tradicionais. Centrouse especialmente na gran variedade de formas, materiais e nomes que atopamos ao longo da xeografía galega.

Non sorprende, pois, a relevancia que lles outorgan as casas e aldeas, ocupando lugares destacados pola súa altura e presenza arquitectónica. Nas comunidades rurais tradicionais, este valor chega a adquirir un carácter case sagrado, como amosan as numerosas simboloxías incorporadas aos hórreos para procurarlles protección sobrenatural e relixiosa.

Os hórreos —ou orros, como parece ser o seu nome orixinal galego— están documentados graficamente ou por escrito desde o século XI, aínda que a súa orixe probablemente sexa anterior. Teñen unha dimensión inmaterial, especialmente ligada ao ciclo do pan, que vai moito máis alá da súa función práctica. Ana Filgueiras atribúelles a condición de “altares do vento” polo seu valor espiritual e pola súa posición elevada, que lles permite captar os ventos que gardan o seu valioso contido.

Mariña Patrimonio agradece a Ana Isabel Filgueiras esta fermosa visión dos hórreos, así como á Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e ao persoal do Museo do Mar de San Cibrao pola súa colaboración na realización do acto.


8/11/2025

Mariña Patrimonio lamenta fondamente o pasamento de Manuel Lourenzo

Desde Mariña Patrimonio queremos expresar a nosa profunda tristura polo falecemento de Manuel Lourenzo, figura esencial da cultura galega. A relación e amizade que mantivemos con el naceu do interese común pola defensa e divulgación do patrimonio cultural, arqueolóxico e oral da nosa terra.

 Manuel Lourenzo compartiu connosco a súa paixón pola historia e pola memoria popular, Lembrámolo como un amigo comprometido e xeneroso, sempre disposto a colaborar para que o noso patrimonio non caese no esquecemento.

O seu labor, a súa palabra e a súa amizade quedarán para sempre na memoria de Mariña Patrimonio.


 

8/05/2025

Bateo de ouro e lume ancestral


Experiencias en vivo na Finca Galea (Alfoz do Castrodouro)

Sábese que a minería do ouro tivo un protagonismo moi destacado na historia da nosa terra, como o demostran o gran número de xoias atopadas e os numerosos vestixios de explotacións mineiras da época galaico-romana na comarca da Mariña.

Mariña Patrimonio propón unha actividade para revivir estas prácticas ancestrais a través de dúas experiencias en vivo, nas que poderás aprender técnicas tradicionais relacionadas coa procura de ouro e como facer lume, como se facía na antigüidade:

Bateo de ouro, con Francisco Canosa, xeólogo e recoñecido divulgador da xeoloxía galega, que nos iniciará na busca deste metal precioso a través de métodos tradicionais.

Lume ancestral, con Xacobe Fernández Casabella, quen amosará como facer lume sen chisqueiros nin tecnoloxía moderna, utilizando materiais naturais e métodos empregados desde tempos prehistóricos.

Data: Mércores, 13 de agosto
Horario: De 16:00 a 19:00 h, en tres quendas:

  • 1ª quenda: 16:00 – 17:00 h

  • 2ª quenda: 17:00 – 18:00 h

  • 3ª quenda: 18:00 – 19:00 h

Prezo:

  • Socios/as de Mariña Patrimonio: 5 €

  • Non socios/as: 10 €
    (O pagamento farase á chegada para cubrir parte dos gastos da actividade)

Inscrición:
Enviar un correo a mr.patrimonio@gmail.com indicando:

  • A quenda preferida (respeitarase por orde de inscrición, ata 10 prazas por quenda)

  • Nome e apelidos

  • Se é socio/a

  • Se quere participar tamén na actividade do lume

  • Teléfono de contacto

Lugar: Finca Galea (Alfoz do Castrodouro)
A organización confirmará por correo electrónico a quenda asignada e facilitará os detalles necesarios para a asistencia.



Patrimonio Inmaterial “Os hórreos, altares do vento,”

 
Mariña Patrimonio organiza unha charla sobre patrimonio inmaterial,“Os hórreos, altares do vento,” no Museo do Mar de San Cibrao.
Martes, 6 de agosto
Ás 18:30 h
Museo do Mar de San Cibrao
Nesta ocasión, a relatora Ana Filgueiras, arqueóloga e antropóloga, falaranos sobre estas construcións tradicionais galegas que, alén do seu uso agrícola, agochan significados simbólicos e culturais de gran valor.
Ana Filgueiras colabora con universidades e institucións na investigación e difusión do patrimonio inmaterial en Galicia, Portugal, Francia e Suíza. O seu traballo céntrase especialmente nas tradicións, os nomes de lugar e as antigas demarcacións territoriais.