Na charla organizada por Mariña Patrimonio no Museo do Mar de San Cibrao, o pasado 6 de agosto, a arqueóloga e antropóloga Ana Isabel Filgueiras ofreceu unha interesante exposición sobre os hórreos. Presentou unha completa síntese do significado destes edificios singulares, presentes en moitos lugares do mundo, sempre coa función común de almacenar alimentos indispensables para a supervivencia das familias e comunidades agrarias tradicionais. Centrouse especialmente na gran variedade de formas, materiais e nomes que atopamos ao longo da xeografía galega.
Non sorprende, pois, a relevancia que lles outorgan as casas e aldeas, ocupando lugares destacados pola súa altura e presenza arquitectónica. Nas comunidades rurais tradicionais, este valor chega a adquirir un carácter case sagrado, como amosan as numerosas simboloxías incorporadas aos hórreos para procurarlles protección sobrenatural e relixiosa.
Os hórreos —ou orros, como parece ser o seu nome orixinal galego— están documentados graficamente ou por escrito desde o século XI, aínda que a súa orixe probablemente sexa anterior. Teñen unha dimensión inmaterial, especialmente ligada ao ciclo do pan, que vai moito máis alá da súa función práctica. Ana Filgueiras atribúelles a condición de “altares do vento” polo seu valor espiritual e pola súa posición elevada, que lles permite captar os ventos que gardan o seu valioso contido.Mariña Patrimonio agradece a Ana Isabel Filgueiras esta fermosa visión dos hórreos, así como á Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e ao persoal do Museo do Mar de San Cibrao pola súa colaboración na realización do acto.
Sem comentários:
Enviar um comentário