12/02/2025

VISITA Á CORUÑA 29 NOVEMBRO 2025

 

A visita estaba programada para, con carácter prioritario, ver a exposición A BARCA DE CARONTE sobre a obra e travesía vital de Isaac Diaz Pardo. Estivo guiada por Xosé Diaz, comisario da exposición, e por Camilo Diaz, ambos fillos e colaboradores de Isaac. 

O título da mostra xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista, que vai dende as artes plásticas ao deseño industrial. 

A primeira sección, adicada á etapa de “pintor de cabalete”, expón a súa formación da man do seu pai, o escenógrafo, grafista e artista plástico Camilo Díaz Baliño, e que remata na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando en 1942, grazas a unha bolsa de estudo que lle concede a Deputación da Coruña. Esta primeira etapa pictórica caracterízase por un clasicismo no que amosa un dominio pleno do oficio e que perfecciona estudando os grandes mestres no Museo Nacional del Prado e nas viaxes de estudo a Italia. Posteriormente, xa na década dos cincuenta, as súas experiencias en deseño cerámico alumean a etapa intermedia, en que a pincelada se volve máis solta e expresiva.

Na segunda sección amósase o seu cambio radical de rumbo, da pintura á cerámica, xa que en 1949 funda a sociedade Cerámicas do Castro SL, que instala no lugar do Castro de Samoedo, no concello de Sada. Aquí vense as primeiras pezas realizadas no obradoiro do Castro de Samoedo: o pintor de cabalete, ao transferir a esencia da súa pintura á arxila  convértese, así, nun industrial ceramista, principiando unha andaina que durará toda a súa vida.

En “América e o exilio” os nosos guías relataron que en 1959 Isaac viaxa a Bos Aires invitado polo Centro Galego para expoñer as súas pinturas e cerámicas, e xa non deixará Arxentina ata o ano 1967. Alí crea a sociedade Zeltia S.A. que pon en marcha a factoría de Porcelanas de Magdalena, crisol de renovación. O contacto co grupo de exiliados, en especial con Luis Seoane, dará lugar ao proxecto Laboratorio de Formas, que formulará as bases teóricas das iniciativas industriais e culturais na Galicia atrasada da ditadura. 

Na sección referente ao LABORATORIO DE FORMAS DE GALICIA  desde os inicios do Laboratorio que datan de 1963 en Bos Aires, cando Isaac e Seoane deciden crear unha entidade para orientar e dirixir as iniciativas que ían concebindo para materializar nun futuro en Galicia, ata cando en 1967 crean legalmente o Laboratorio e definen o seu corpo teórico, coas ideas que xorden das inquedanzas de ambos os dous polo papel do artista na sociedade industrial e converter as particularidades locais en universais. Con estas premisas verán a luz Ediciós do Castro, seguida da restauración de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o novo Seminario de Estudos Galegos, a Escola Libre, o Instituto Galego de  Información… As obras e deseños expostos van desde arquitectura, cerámica, grafismo e mobiliario.

 Remata a exposición coa parte adicada a SARGADELOS, onde se amosa a recuperación e restauración da actividade cerámica nesa localidade, que comeza entre 1965 e 1966 cun convenio entre o Laboratorio de Formas de Galicia e Cerámicas do Castro. O primeiro sería o promotor da nova sociedade e responsable da orientación estética e a planificación de todas as formas utilizadas pola empresa. Isaac e Seoane buscaban darlle nova vida a Sargadelos cunha cerámica vinculada a seu tempo pero baseada nas formas tradicionais e na memoria histórica galega, para conseguir produtos cunha clara vocación universal. A nova fábrica de planta circular, deseño de Andrés Fernández-Albalat, inaugúrase en 1970 e a empresa estará dirixida por Isaac ata o ano 2006, en que é cesado polos socios. A iniciativa de Isaac ía máis aló: en 1972 fundou o Seminario de Estudos Cerámicos para labores de investigación pero tamén para a realización de actividades culturais e pedagóxicas, destacando as Experiencias de Tecnoloxía e Escola  Libre entre 1972 e 2006, unha experiencia singular con proxección internacional.

A exposición reúne cerca de 150 obras, principalmente de Isaac Díaz Pardo, xunto con algunha de artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero; Laxeiro ou Geno Díaz. Abundan as pinturas pintadas ao óleo, pero tamén debuxos e obra gráfica, xunto cunha variada selección de pezas cerámicas así como pezas de mobiliario deseñadas polo artista. 

Finalizou a pormenorizada visita á exposición cunha proxección do video “As miradas de Isaac” da súa neta Cecilia Diaz Betz. Agradecemos a Xosé e Camilo a súa compañía no percorrido, contando con todo detalle, algún de primeira man, todo o referente á mesma.

Para a tarde estaba prevista unha visita guiada por persoal de Arqueovisitas do Castelo de San Antón ao castro de Elviña. Non puido ser efectuada debido a un notable empeoramento do tempo. Para aproveitar a tarde, tomouse a decisión de visitar a exposición fotográfica “Wonderland” sobre a obra de Annie Leibovitz, na sede da Fundación MOP no peirao da Bateria. Nela puidemos ver un gran número de fotografías de gran calidade feitas pola artista, tanto en papel como proxectadas en grandes pantallas. A temática inclúe retratos íntimos de músicos, do mundo do cine, a música, o deporte e a política, ademais dunha ampla selección de fotografías do mundo da moda. 

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/F9RYrdEK7LvrxygaA 


Sem comentários: