10/25/2008

Novo e grande achádego na Atalaia

MariñaPatrimonio trasladou hoxe aos medios de comunicación un novo achádego que, de confirmarse, incrementa notablemente a importancia do Castro da Atalaia

En xullo de 1974 no transcurso dunhas obras na Atalaia de San Cibrao nunha horta da chamada “a casa de Dorita “, descubriuse un edificio soterrado na area. Debido á importancia do achádego, a Dirección General de Bellas Artes paralizou as obras e realizou unhas escavacións arqueolóxicas., crese que baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas. As escavacións foron visitadas polo Presidente da Deputación Provincial de Lugo o día 20 de xullo.
O diario El Progreso fíxose eco desta noticia, segundo comprobamos,nas publicacións do 12, 13, 17 e 21 de xullo dese ano; porén, e a pesar da intensa búsqueda, non conseguimos ningún informe das escavacións.
Como é ben sabido, hai algo máis dun ano que os veciños de San Cibrao, especialmente os da Atalaia, veñen traballando para que o castro da Atalaia, vítima da cobiza construtora e da desidia dos que gobernan, non desapareza. Durante este tempo escoitamos con verdadeiro interese o relato dos recordos que os veciños gardan sobre o edificio da horta de Dorita: a súa localización, a súa forma rectangular, as escaleiras de acceso, os bancos corridos nunha das súas salas, unha especie de ventá, a cuberta de falsa bóveda sobre a que descansa unha laxe de granito de grandes dimensións, a existencia de túneles…Todos aseguran que o edificio foi novamente tapado e que aínda se conserva.
Estes datos achegámosllos a varios arqueólogos para que nos explicasen que podía ser esta construción. A resposta foi clara: estabamos describindo un tipo de construción castrexa coñecida como monumento con forno tamén denominada pedra formosa, sauna castrexa ou balneario castrexo.
Os monumentos con forno aparecen en moi poucos castros, trátase dunha construción de carácter monumental que teñen un forno e cumpren a función de sauna- balneario. Estas saunas seguen todas o mesmo modelo de ubicación e de construción: sitúanse nunha zona de acceso ao castro, ademais están semienterradas e contan cunha escaleira para acceder ás salas; son de planta rectangular, teñen varias estancias ( vestíbulo, antecámara, cámara e forno). Unha das salas ten bancos corridos e están cubertas por unha falsa bóveda. A suposta ventá, da que falan os veciños, podería ser o oco que comunicaba a cámara co forno e os túneles servían para a condución da auga.
As fotos publicadas por El Progreso nas datas que indicabamos arriba, confirmáronnos a veracidade dos datos aportados polos veciños: vense as escaleiras de acceso, a falsa bóveda, a enorme laxe sobre a bóveda e a “ventá” ( ou a posible unión entre a cámara e o forno), da que o periodista comenta:
“ En el interior de la cueva- puede verse en las fotografías de Sergio- aparece una especie de horno formado por dos columnas y un dintel”.
Todo isto indícanos que, posiblemente, no castro da Atalaia teñamos un monumento con forno, sería o terceiro de Galiza. No noroeste da Península Ibérica, no territorio que ocupou a cultura castrexa (Portugal, Asturias e Galiza), na actualidade coñecemos16 balnearios castrexos. Co do castro da Atalaia sumarían 17, coa particularidade de que este sería o mellor conservado e o único que mantería a falsa bóveda. De confirmárense as nosas teorías, para o que cumpriría escavar e estudar outra vez o edificio, estariamos ante unha sauna castrexa practicamente intacta, o que suporía unha das descobertas máis importantes do mundo castrexo dos últimos anos.
Dende Mariña Patrimonio, debido á importancia dos achádegos do xacemento da Atalaia, ameazado pola especulación urbanística, agardamos que entre todos se atope unha solución, se evite a incomprensible destrución do noso patrimonio e que definitivamente se paralicen as obras e se anulen as licenzas de construción para, así, protexermos este valioso xacemento.
Salvemos o castro da Atalaia.


As fotos do monumento con forno publicadas en El Progreso poden verse no seguinte enlace:
http://picasaweb.google.es/mr.patrimonio/MonumentoConFornoSaunaCastroDaAtalaia#

Sem comentários: