Baixo as areas de Arealonga
acóchase unha importante turbeira.
Algúns invernos o mar leva
area da praia e deixa ao descuberto a turba que conserva os restos
dun antigo bosque que, segundo as probas do carbono catorce, ten unha
antigüidade duns 8000 anos.
O pasado inverno a
superficie que quedou descuberta foi especialmente extensa.
A acción do mar sobre a turba provocou o desprendemento de numerosos fragmentos que quedaron depositados na parte alta do areal.
Ao longo do inverno estes fragmentos foron disgregándose deixando á vista restos óseos dos animais que habitaron este bosque hai uns 8000 anos.
A aparición deste tipo de restos é
algo excepcional en Galicia debido á acidez do solo, que impide a
súa conservación. A turba, que actúa como conservante, permitiu
que estes restos chegasen até nós.
Na primavera comezamos a ver polo areal as rodeiras de pas mecánicas que pisaron os restos da turba e mesmo estiveron a piques de destruír varios ósos.Varias persoas, que adoitan pasear por este areal, recolleron ósos procedentes da turba e
entregáronos a unha representante do CEMMA na Mariña (Coordinadora para o Estudo dos
Mamíferos Mariños).
Entre os ósos entregados destacan fragmentos de mandíbula e cornamenta de cérvidos.
A comezos de verán, no transcurso do
acondicionamento da praia, unha pa mecánica retirou unha gran
cantidade de fragmentos de turba, susceptibles de conservar restos
óseos.
Tamén se realizaron movementos de area
para encauzar tanto o río da Barranca coma un rego que se atopa
xunto ao río. Estas prácticas poñen en perigo a turbeira e os
restos que conserva; por iso, Mariña Patrimonio vén de solicitar ao
Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia a inclusión da turbeira
de Arealonga no inventario de xacementos arqueolóxicos co obxectivo
de que se protexa e se evite calquera acción que a poida danar.
Sem comentários:
Enviar um comentário