12/12/2017

EN BRUXELAS DEFENDENDO O PATRIMONIO

Membros de Mariña Patrimonio, xunto con representantes doutras dezanove asociacións, estivemos os pasados días 6 e 7 de decembro no Parlamento Europeo informando a eurodeputados e a representantes da Comisión Europea sobre os graves danos que provoca a eucaliptización no patrimonio galego. Ademais, lembrámoslles que unha parte da celulosa que consomen en Europa é a responsable da destrución masiva do patrimonio galego, e europeo.
Nas diferentes mesas de debate mantidas no Parlamento, quedaron patentes os múltiples prexuízos que ocasiona o monocultivo do eucalipto así como o desleixo dun goberno e dunha Dirección Xeral de Patrimonio, desaparecidos na espesura do inmenso eucaliptal galaico.
Así mesmo, quedou patente o vigor dunha sociedade civil, con moitos folgos e con moitas ideas, a través das diferentes intervencións e das variadas propostas para tentar frear a devastación que a industria do eucalipto ocasiona no patrimonio natural e cultural.
Por último, queremos agradecerlles a Lidia Senra e ao seu equipo por facer posible e por ternos convidado a este interesante encontro.






Sem comentários: