8/07/2018

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO DENUNCIAN O USO DUN BEN PATRIMONIAL COMO APARCADOIRO DE AUTOCARAVANAS NO CONCELLO DE BARREIROS.

ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de denunciar no SEPRONA a utilización do Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros (Lugo), como aparcadoiro de autocaravanas.
Este castro é un ben patrimonial incluído no catálogo das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros e a súa cualificación urbanística é de solo non urbanizable de protección patrimonial. As Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Barreiros outórganlle ao Castro de San Pedro unha proteccion que consideramos que non é compatible co uso que se lle está a dar actualmente como aparcadoiro de autocaravanas nin como lugar de tránsito destes vehiculos, posto que esta práctica pode estar provocando danos no xacemento, un ben patrimonial protexido.
Dado que as actividades que se están a realizar no Castro de San Pedro probablemente son contrarias á normativa urbanística e, ademais, poderían estarse levando a cabo sen contar coas correspondentes licenzas e autorizacións, solicitamos que se comprobe se o uso que se está a dar no Castro da Punta de San Pedro é conforme á legalidade e que, no caso de non selo, se paralicen as actuacións contrarias a Dereito nun ben patrimonial incluído no catálogo de bens protexidos polo planeamento urbanístico.

Sem comentários: