12/19/2022

O Coído: un xacemento da Idade do Bronce na Mariña

 

Unha vez máis o salón do Museo Histórico de Sargadelos, na Casa da Administración, acolleunos para desenvolver a última actividade pública de Mariña Patrimonio neste ano que remata. O motivo foi a presentación dos resultados da intervención arqueolóxica que a asociación promoveu en 2020 no Coído, nas proximidades do Polígono Industrial de Cuíña, grazas ao convenio que subscribimos anualmente coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

Unha presentación que tardou máis do previsto debido a dificultades técnicas, finalmente solventadas. Mª José Bóveda, arqueóloga e xerente da empresa Gabinete de Arqueoloxía, con quen contratamos a intervención, e María Martín, arqueóloga e directora da intervención, foron as relatoras nesta presentación pública. O relatorio iniciouse cunha contextualización da etapa, á que finalmente se atribíu a datación do xacemento, a Idade do Bronce; un período do que temos escasos restos materiais, debido a que a poboación construía con madeiras e outros materiais perecedoiros dos que non quedou rastro visible. María José Bóveda completou esta contextualización cun repaso visual dalgúns restos relevantes de achados culturais do bronce no noroeste peninsular, resaltando a escasa información existente sobre esta etapa da historia antiga.

A continuación, María Martín realizou unha exposición do proceso de intervención no Coído e dos materiais atopados, destacando a gran densidade de cerámica localizada, especialmente na primeira das catro catas realizadas, ata superar os 2.000 fragmentos cerámicos. Unha proporción moi superior á habitual nestes xacementos, circunstancia que ela atribúe ao feito de que esta intervención foi realizada desde a superficie orixinal, sen alteracións importantes do terreo. Trátase dunha cerámica popular, correspondente a pezas de tamaños diversos e fabricados de forma bastante tosca coa técnica de churro. Ademais de cerámica, recolléronse cantos rolados con signos de ter sido sometidos ao lume, que puideron ser empregados para quentar líquidos. Por outro lado, manifestou a intención de recompoñer pezas, dado que se aprecia que foron rotas in situ e presentan aristas moi claras que facilitan a reconstrución.

As relatoras destacaron a importancia deste xacemento que se mantén en bastante bo estado, o que permite pensar que sería posible atopar máis restos dun posible poboado do bronce, no que poderían aparecer fondos de cabanas ou pozos correspondentes a silos, bastante comúns neste tipo de xacementos.

O noso agradecemento a María Martín e a María José Bóveda pola súa implicación nesta intervención e ao Museo Histórico de Sargadelos polas facilidades que nos presta para realizar estes actos divulgativos.

Ver en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=Ux4bgbrvssk

Sem comentários: