4/08/2025

Charla sobre a afectación de 101 xacementos arquelóxicos na provincia de Lugo

 

O pasado xoves, 3 de abril, tivo lugar no auditorio do Vello Cárcere da capital lucense a charla sobre a afectación de 101 xacementos arquelóxicos na provincia de Lugo por labores forestais. No acto informativo, organizado por ADEGA e Mariña Patrimonio pretendeuse visibilizar a situación de indefensión do abundante patrimonio arqueolóxico da provincia.

Ao longo da exposición, Manuel Miranda, membro de Mariña Patrimonio, xunto con José Manuel…, de ADEGA, presentaron, con apoio dunha completa documentación, o resultado dun ano de traballo para localizar, visitar e documentar un número moi elevado de xacementos afectados, como consecuencia de traballos forestais, en toda a provincia.

Como resultado desa verificación, ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron as denuncias correspondentes perante a Dirección Xeral de Patrimonio.

As denuncias presentadas teñen que ver coa plantación de eucaliptos na súa maioría, e en menor medida por plantación de piñeiros ou outras agresións. Afectan en particular á zona centro da provincia, mentres que o sur da mesma está moito menos afectado. Na Mariña, como resultado do labor desenvolvido dende hai anos por ambas asociacións, e a pesar de ser a principal zona forestal de eucalipto, obsérvase que sufriu moitas menos agresións a xacementos arqueolóxicos que noutras zonas da provincia.

Os datos, ademais, poñen en evidencia a total inhibición que a administración responsable, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, exerce na vixilancia e protección do noso patrimonio. O noso agradecemento a ADEGA, por organizar esta presentación, e ao persoal do Vello Cárcere por facilitarnos a súa realización neste espazo singular e tan simbólico da capital.


4/04/2025

Santo Estevo do Ermo: un xacemento con futuro

O pasado domingo, nas Escolas Vellas de San Cosme de Barreiros, diante de máis de cincuenta persoas e coa presenza da Alcaldesa Ana Ermida e o Deputado Provincial Daniel García, o responsable da empresa Tempos Arqueólogos, Francisco Alonso Toucido, deu conta dos resultados acadados na primeira intervención arqueolóxica realizada no xacemento de Santo Estevo, acometida no pasado outono e promovida por Mariña Patrimonio, grazas ao financiamento achegado mediante convenio coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

 Sábese, grazas á documentación histórica dispoñible e aos restos visibles en superficie, que o xacemento consta dunha pequena igrexa, un cemiterio e cabanas de mulleres eremitas  que habitaron o lugar, así como un cuncheiro ou vertedoiro de restos de alimentos, que foi localizado recentemente nas proximidades destes restos.

A intervención realizada tivo un carácter prospectivo e consistiu na realización de tres catas de dous por dous metros, que fixeron aflorar estruturas construtivas que permiten ratificar o interese e, sobre todo, o potencial que ten o lugar. Identificouse unha estrutura cadrada de cinco por cinco metros, que podería ser unha parte da igrexa medieval ou unha vivenda, así como distintos muros que dan pé a pensar que puido haber diferentes niveis de ocupación desde a primeira construción, na alta Idade Media. 

Os resultados acadados permiten, por tanto, confirmar o interese do xacemento e convidan a dar continuidade á intervención cunha escavación máis ampla que poida aclarar as incógnitas que esta primeira sondaxe nos ofrece. Sería interesante tamén a escavación e estudo do cuncheiro, que pode ofrecer unha información moi interesante sobre a vida nese lugar a partir dos restos acumulados no mesmo. 

Mariña Patrimonio e o Concello de Barreiros están en contacto coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo para darlle continuidade ao proxecto de valorización deste xacemento, que pode aportar moita información histórica sobre este tipo de asentamentos altomedievais sobre os que se sabe moi pouco. Pode ademais, coa consolidación das estruturas escavadas, engadir maior atractivo turístico e cultural a este enclave, que xa posúe un gran valor como espazo natural e paisaxístico.

VIDEO:  https://youtu.be/md2sgDa2ZXc


3/28/2025

UN CENTO DE XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DA PROVINCIA DE LUGO EN RISCO POR LABORES FORESTAIS

Mariña Patrimonio e ADEGA identificaron na provincia de Lugo, ao longo do ano 2024 e comezos do 2025, 101 xacementos arqueolóxicos afectados por labores forestais. En concreto, 80 xacementos foron afectados por plantacións de eucaliptos, 19 por piñeiros e 2 por outras causas.

A corta do monte, con apertura de vías de saca, o paso de maquinaria pesada sobre os xacementos e a preparación do terreo para as plantacións forestais, que inclúe os buracos e os sucos de plantación, provocan en moitos casos danos graves e incluso a destrución de bens patrimoniais protexidos. Ademais, as raíces acaban afectando as estruturas e os estratos arqueolóxicos, o que contribúe á súa alteración ou destrución progresiva.

Desde o ano 2009, Mariña Patrimonio e ADEGA veñen realizando un seguimento continuado das afectacións a xacementos arqueolóxicos na Mariña, documentando os impactos sobre o patrimonio e denunciando os casos detectados. Un dos métodos empregados para identificar estas agresións é a comparación das imaxes aéreas dispoñibles en internet, coas que se revisan as actualizacións das ortofotografías para detectar cambios no terreo que poidan indicar a alteración de elementos patrimoniais. Unha vez detectadas estas posibles afectacións, voluntariado das asociacións desprázase a cada un dos xacementos identificados para comprobar in situ a existencia dos danos.

Dende entón, ambas asociacións levan presentadas numerosas denuncias perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nas que se alerta dos danos causados por intervencións forestais e outras actividades que incumpren a normativa de protección patrimonial.

A zona centro da provincia, a máis afectada

No ano 2024, varios visores cartográficos actualizaron as súas imaxes aéreas, polo que, como vén sendo habitual, Mariña Patrimonio e ADEGA realizaron unha revisión para detectar posibles afectacións ao patrimonio. Ao examinar as novas imaxes, constataron que na Mariña, a zona da provincia de Lugo con maior superficie dedicada ás plantacións de eucaliptos, só se detectaron 7 xacementos arqueolóxicos afectados.

Ante esta situación, decidiron ampliar a revisión ao resto da provincia para comprobar se esta tendencia se repetía noutras zonas. Na zona sur apenas atoparon casos, mentres que na zona centro detectaron un número elevadísimo de xacementos afectados. A revisión comparativa das imaxes máis recentes (2023-2024) coas anteriores do ano 2020 permitiu identificar 94 dos 101 xacementos posiblemente afectados, cunha concentración masiva na zona centro da provincia. Tras esta análise, visitaron os mencionados xacementos para verificar sobre o terreo a existencia das intervencións forestais e confirmar as posibles afectacions.

A diferenza entre ambas zonas é evidente: onde hai control cidadán e preocupación polo patrimonio, as empresas forestais e as persoas propietarias actúan con máis cautela. Na Mariña, tras anos de seguimento e denuncias por parte de Mariña Patrimonio e ADEGA, os xacementos reciben un maior respecto porque as intervencións forestais están vixiadas e hai un maior risco de que as infraccións sexan denunciadas.

Pola contra, na zona centro, onde o seguimento non foi tan constante nin exhaustivo, e onde a inacción da Dirección Xeral de Patrimonio é evidente, a destrución do patrimonio continúa con total impunidade. A falta dun control efectivo por parte da administración fixo desaparecer na práctica calquera protección real dos xacementos. A ausencia de vixilancia permite que moitos propietarios e empresas forestais actúen con total liberdade, sen temor a repercusións legais, perpetuando así a degradación do noso patrimonio.

As empresas forestais e as persoas propietarias levan a cabo estas actuacións porque consideran que a cidadanía e as asociacións non teñen capacidade para fiscalizar as súas intervencións nin para presionar a administración para que actúe contra estas prácticas, malia ir en contra da normativa de protección.

Estas 101 posibles afectacións a xacementos arqueolóxicos, legalmente protexidos, foron postas en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural mediante as correspondentes denuncias, co obxectivo de que se investiguen e se comprobe se as plantacións forestais cumpriron coa normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural. Así mesmo, solicitouse a apertura de expedientes sancionadores contra as persoas responsables, a retirada das árbores plantadas e a adopción de medidas para corrixir os danos causados.

Acto informativo o próximo xoves

Para dar a coñecer esta situación na provincia de Lugo, ADEGA e Mariña Patrimonio organizan un acto informativo o xoves 3 de abril ás 20:00 h no Vello Cárcere de Lugo.

O evento contará coas intervencións de Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, e Xosé Manuel Rodríguez, membro de ADEGA, que explicarán os traballos realizados, os métodos empregados para identificar os danos e as medidas que se solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para frear a destrución do noso patrimonio arqueolóxico. Este acto está aberto a todas as persoas interesadas en coñecer esta problemática e a situación do patrimonio arqueolóxico en Galicia.

Ligazón fotografías: https://photos.app.goo.gl/TauuNpG2yNg74kAP8

Relación de xacementos afectados por concellos :

A Fonsagrada

1. Medorra do Piñeiral 1 - GA27018321

2. Medorra do Piñeiral 2 - GA27018322

A Pastoriza
3. Medorra do Foro 1 - GA27044035
4. Medorra do Foro 2 - GA27044036
5. Medorra do Foro 3 - GA27044037
6. Medorra do Foro 4 - GA27044038

Alfoz
7. Mámoa da Granda de Ouro 2 - GA27002018
8. Mámoa da Granda de Ouro 5 - GA27002021

Antas de Ulla
9. Castro de Ludeiro de Abaixo - GA27003096

Baralla
10. Castro de Pol - GA27036008
11. Castro de Reguengo - GA27036043
12. Os Castros - GA27036053
13. Xacemento Alto do Pereiro - GA27036080

Becerreá
14. Castro de Tucende - GA27006048
15. Os Castros - GA27006005

Begonte
16. Castro de Eirexe - GA27007011
17. Mámoa de Monte Queimado 5 - GA27007038
18. Mámoa de Monte Queimado 6 - GA27007039

Castro de Rei
19. As Madorras 3 - GA27010091
20. As Madorras 4 - GA27010092
21. As Madorras 5 - GA27010093
22. Madorra do Monte do Marco 5 - GA27010147
23. Madorra do Monte do Marco 6 - GA27010148
24. Medorra das Pedreiras - GA27010162
25. O Vedro Vello 3 - GA27010101

Castroverde
26. Castro de Espasande - GA27011061
27. Castro de Miranda - GA27011072
28. Castro de Pereiro - GA27011066
29. Mámoa Monte da Travesa 3 - GA27011027
30. Mámoa dos Borrallos 3 - GA27011024
31. Mámoa dos Borrallos 2 - GA27011023

Cospeito
32. Mámoa de Pedrabranca 1 - GA27015085
33. Mámoa de Pedrabranca 2 - GA27015086
34. O Castro - GA27015073

Foz
35. A Croa - GA27019004
36. Castro Os Castros/Veiga dos Castros - GA27019017

Friol
37. Castro de Narla - GA27020222
38. Mámoa da Pedra do Couto 1 - GA27020175
39. Mámoa da Pedra do Couto 2 - GA27020176
40. Mámoa da Purreira 4 - GA27020161
41. Mámoa da Rexidoira 2 - GA27020150
42. Mámoas de Monte Cotón 1 - GA27020255
43. Mámoas de Monte Cotón 2 - GA27020256
44. Mámoas de Monte Cotón 3 - GA27020257

Guitiriz
45. Mámoa do Golpe - GA27022109
46. Mámoa do Pelegrín 05 - GA27022139
47. Mámoa do Pelegrín 18 - GA27022152
48. Mámoas das Brañas de Parga 1 - GA27022218
49. Mámoas das Brañas de Parga 2 - GA27022219

Guntín
50. Mámoa da Retorta 2 - GA27023077
51. Mámoa do Alto da Goia 01 - GA27023047
52. O Castro de Zaíde - GA27023047
53. Pedra Fita do Alto da Goia - GA27023048

Lugo
54. Monte da Pena da Cruz e das Tenzas 10 - GA27028104
55. Montes de San Cibrao - GA27028158
56. San Cibrao 2 - GA27028156

Láncara
57. Castro da Ermida - GA27026008

Meira
58. Mámoa da Auga Labada 2 - GA27029027
59. Mámoa do Alto do Campeliño 2 - GA27029016

Monterroso
60. Forno dos Mouros/Medorra de Monte Fabeiro 1 - GA27032023
61. Forno dos Mouros/Medorra de Monte Fabeiro 2 - GA27032085
62. Mámoa de Ligonde 1 - GA27032110
63. Mámoa de Ligonde 2 - GA27032111
64. Mámoa de Ligonde 3 - GA27032112

Navia de Suarna
65. Medorra Chao do Campelín - GA27034010
66. Castro de Virigo/Castro de Sevane - GA27034049

O Corgo
67. Castro de Ramil - GA27014011

Ourol
68. Mámoa do Monte Cristo dos Callós 3 - GA27038015

Palas de Rei
69. Castro de Marzá - GA27040037
70. Mámoa da Fiantosa - GA27040109
71. Mámoa do Monte de Cabana 1 - GA27040097
72. Mámoa do Monte de Cabana 6 - GA27040102
73. Mámoa do Monte de Cabana I-09 - GA27040079
74. Petróglifo da Laxe Grande - GA27040130
75. Castro da Ourela de Carballal - GA27040017

Pantón
76. Mámoa de Guítara 1 - GA27041044

Paradela
77. A Croa do Toural - GA27042030
78. O Castro de Moimentos - GA27042037
79. O Castro de Castrelo/Agro do Castro - GA27042047

Pol
80. A Aira dos Mouros - GA27046011
81. Castro de Veiga/Castro de Trasín - GA27046008
82. Medorra de Cadoira 4 - GA27046029
83. Mámoa da Chousa - GA27046140
84. Mámoa da Finca do Castro - GA27046025
85. Mámoa de Aviega - GA27046133
86. Mámoa de Trasmonte - GA27046141
87. Túmulo das Olgas 3 - GA27046112

Ribeira de Piquín
88. Mámoas de Modorna do Chao da Serra 1 - GA27053020
89. Mámoas de Modorna do Chao da Serra 5 - GA27053030
90. Mámoas de Modorna do Chao da Serra 6 - GA27053031
91. Mámoas de Modorna do Chao da Serra 7 - GA27053032
92. O Castro de Sadrarín - GA27053015
93. Pico do Castro - GA27053014

Trabada
94. Castro de Sante - GA27061005

Vilalba
95. A Croa de Muruxás - GA27065209
96. Castro de Ladra - GA27065013
97. Mámoa da Cruz - GA27065252
98. Mámoa de Penas Miúdas 08 - GA27065113

Xermade
99. Abrigo do Férvedes 1 - GA27021047
100. Modia do Cordal - GA27021023

Xove
101. Castro do Torrillón - GA27025015





3/18/2025

Visita ao patrimonio de Palas de Rei

 

Mariña Patrimonio iniciou este sábado 15 a súa actividade divulgativa deste ano 2025 cunha viaxe para coñecer o concello de Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Tivemos a sorte de contar con dous guías de excepción: Braulio Vilariño, veterano activista cultural, e Francisco Pardo Teijeiro, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, que nos acompañaron durante a xornada para achegarnos a un coñecemento esencial da patrimonio histórico, cultural e natural deste concello do corazón de Galicia.

A casa dos Ulloa, unha das familias fundamentais da nobreza galega desde a Baixa Idade Media, estivo presente ao longo de toda a xornada debido a que boa parte do patrimonio palense, comezando polo pazo de Vilamaior en Curbián, o primeiro pazo dos Ulloa, está vinculado directa ou indirectamente a esta liñaxe. O grupo realizou un agradable paseo pola beira do río Pambre desde Sambreixo, pasando polo Balneario Río Pambre ata o Castelo de Pambre, a gran xoia da arquitectura militar medieval galega. Co fondo da impresionante fortaleza, gozamos dunha detallada explicación de Francisco sobre o proceso de construción da mesma, en paralelo á evolución da familia Ulloa, desde fins do século XIV ata fins do XV, no contexto das guerras irmandiñas, das que o edificio se salvou, a diferenza da maioría das fortalezas galegas. A continuación, realizamos a visita á fortaleza, que foi adquirida pola Xunta de Galicia e restaurada hai poucos anos cunha intervención mínima, respectando o seu estado de conservación, que xa era bo.

Antes do xantar, deu tempo de visitar, a carón do imponente castro de Marzá, a pequena igrexa de Santa María de Marzá, un bo exemplo do románico da comarca, que conserva pinturas góticas en boa parte do seu interior e cunha rica decoración exterior de canzorros e fermosos relevos de dragóns en dous dos seus sillares.

Logo do agradable xantar en Casa Curro, o grupo visitou a igrexa e mosteiro de Vilar de Donas, o outro gran fito do patrimonio de Palas. Este antigo mosteiro, inicialmente feminino e posteriormente priorato da Orde de Santiago, conserva en bo estado a Igrexa, cunha elegante fachada, profusamente decorada con motivos florais e xeométricos e no seu interior importantes pinturas góticas, ademais dunha interesante colección de escultura gótica funeraria e un fermoso retablo de pedra. Pouco se pode apreciar, en cambio, do antigo mosteiro adosado, que foi destruído na súa práctica totalidade.

A visita a Palas rematou achegándonos á Ponte Ferreira, que formaba parte da calzada romana que unía Lugo con Iria Flavia. Unha visita que Francisco e Braulio converteron en estupenda coas súas explicacións tan rigorosas como amenas. O noso agradecemento aos dous pola súa xenerosidade.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/tMhYNAWGrsSPpoTc6

 


3/13/2025

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian o uso de maquinaria pesada sobre a zona protexida da Roda de Barreiros


 
O xacemento arqueolóxico da Roda de Barreiros (GA27005006), situado en Santiago de Reinante, no concello de Barreiros (Lugo), atópase nun estado de abandono que compromete a súa conservación. Recentemente, membros das asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio observaron rodeiras de maquinaria pesada na zona arqueolóxica e na súa contorna de protección, evidenciando o seu uso como plataforma de acopio de madeira. Esta intervención implicou a circulación intensiva de vehículos pesados, agravando o impacto sobre este sitio arqueolóxico.

Escavado en 2006 durante a construción da Autovía do Cantábrico (A8), este xacemento prehistórico do Bronce Medio leva case dúas décadas sen medidas adecuadas de protección nin mantemento. A retirada da capa do solo durante a escavación deixou expostos os estratos arqueolóxicos que, ao careceren de protección fronte aos axentes ambientais e ás intervencións humanas, aceleran a súa deterioración. A recente actividade con maquinaria pesada intensificou a afectación do xacemento, deixando pegadas a escasos metros das súas estruturas arqueolóxicas e comprometendo a súa integridade.

ADEGA e Mariña Patrimonio levan anos denunciando o abandono destge xacemento ante as administracións competentes. En 2013 e 2022 presentaron denuncias perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contra o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, responsable do abandono e degradación do xacemento, tras as escavacións realizadas en 2006.

Os últimos feitos confirman que a protección deste patrimonio segue sen garantías. A maquinaria pesada deixou marcas a menos de tres metros da entrada do recinto, a menos dun metro dunha das catas abertas no foxo e a escasos dous metros do muro do parapeto na zona sur da Roda. Ademais, a 25 metros da estrutura principal, a intervención con maquinaria provocou un importante movemento de terras e o arrincado de piñeiros de raíz, afectando o subsolo da zona protexida.

A conservación do patrimonio arqueolóxico é unha responsabilidade das administracións públicas. É inaceptable que un ben de tal valor histórico leve case dúas décadas deteriorándose sen que se adopten medidas efectivas para a súa preservación.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/j1mgV2SF3rBYM9sEA




 


 

1/02/2025

PATRIMONIO INMATERIAL. “Os contos eróticos de tradición oral”

Mariña Patrimonio pecha o ano cunha interesante conferencia sobre patrimonio inmaterial a cargo de Xosé Miranda, recoñecido poeta, novelista e contista, que abordou o tema do erotismo na tradición oral. O autor, xunto a Antonio Reigosa e Xoán Cuba, posúe unha extensa obra que recolle anos de investigación sobre a tradición oral galega entre a que se atopan os “Contos colorados”, arredor dos que desenvolveu esta intervención o pasado sábado 28 de decembro na sala das Carboeiras de Sargadelos.

A idea central desta conferencia foi demostrar que a cultura galega posúe unha abundante produción de contos eróticos de tradición oral, que sempre foron marxinados na produción literaria xeral debido aos prexuízos sociais e ideolóxicos existentes sobre a temática sexual, considerándoos como unha literatura menor. Porén, Xosé Miranda mantén que é unha literatura do mesmo nivel que o resto e merece, por tanto, o mesmo tratamento no mundo literario.

Ao longo da súa exposición, Miranda demostrou como gran parte dos contos eróticos tradicionais galegos aparecen na literatura escrita de distintas culturas. Idénticas historias pódense atopar na literatura castelá, europea, asiática, africana ou americana, tanto en tempos afastados como recentes.  Autores de prestixio da literatura grecorromana, do Século de Ouro castelán, da Ilustración europea, así como de Rusia, a India e os países do norte e sur de Europa, recollen en diversos formatos literarios as mesmas narracións que podemos atopar nos contos eróticos da tradición oral galega.

Afortunadamente, moitos destes contos están agora rescatados e publicados grazas ao traballo destes tres autores e outros máis que nas últimas décadas publicaron traballos de compilación, dignificando así esta literatura e poñéndoa no lugar que lle corresponde.

Pola nosa parte, ademais da nosa gratitude a Xosé Miranda por facernos este agasallo de fin de ano, agradecemos tamén ao Concello de Cervo que nos cedese o local para a celebración deste acto, que contou coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.