Mariña Patrimonio iniciou este sábado 15 a súa actividade divulgativa deste ano 2025 cunha viaxe para coñecer o concello de Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Tivemos a sorte de contar con dous guías de excepción: Braulio Vilariño, veterano activista cultural, e Francisco Pardo Teijeiro, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns, que nos acompañaron durante a xornada para achegarnos a un coñecemento esencial da patrimonio histórico, cultural e natural deste concello do corazón de Galicia.
A casa dos Ulloa, unha das familias fundamentais da nobreza galega desde a Baixa Idade Media, estivo presente ao longo de toda a xornada debido a que boa parte do patrimonio palense, comezando polo pazo de Vilamaior en Curbián, o primeiro pazo dos Ulloa, está vinculado directa ou indirectamente a esta liñaxe. O grupo realizou un agradable paseo pola beira do río Pambre desde Sambreixo, pasando polo Balneario Río Pambre ata o Castelo de Pambre, a gran xoia da arquitectura militar medieval galega. Co fondo da impresionante fortaleza, gozamos dunha detallada explicación de Francisco sobre o proceso de construción da mesma, en paralelo á evolución da familia Ulloa, desde fins do século XIV ata fins do XV, no contexto das guerras irmandiñas, das que o edificio se salvou, a diferenza da maioría das fortalezas galegas. A continuación, realizamos a visita á fortaleza, que foi adquirida pola Xunta de Galicia e restaurada hai poucos anos cunha intervención mínima, respectando o seu estado de conservación, que xa era bo.
Antes do xantar, deu tempo de visitar, a carón do imponente castro de Marzá, a pequena igrexa de Santa María de Marzá, un bo exemplo do románico da comarca, que conserva pinturas góticas en boa parte do seu interior e cunha rica decoración exterior de canzorros e fermosos relevos de dragóns en dous dos seus sillares.Logo do agradable xantar en Casa Curro, o grupo visitou a igrexa e mosteiro de Vilar de Donas, o outro gran fito do patrimonio de Palas. Este antigo mosteiro, inicialmente feminino e posteriormente priorato da Orde de Santiago, conserva en bo estado a Igrexa, cunha elegante fachada, profusamente decorada con motivos florais e xeométricos e no seu interior importantes pinturas góticas, ademais dunha interesante colección de escultura gótica funeraria e un fermoso retablo de pedra. Pouco se pode apreciar, en cambio, do antigo mosteiro adosado, que foi destruído na súa práctica totalidade.
A visita a Palas rematou achegándonos á Ponte Ferreira, que formaba parte da calzada romana que unía Lugo con Iria Flavia. Unha visita que Francisco e Braulio converteron en estupenda coas súas explicacións tan rigorosas como amenas. O noso agradecemento aos dous pola súa xenerosidade.
FOTOS: https://photos.app.goo.gl/tMhYNAWGrsSPpoTc6
Sem comentários:
Enviar um comentário