Mariña Patrimonio pecha o ano cunha interesante conferencia sobre patrimonio inmaterial a cargo de Xosé Miranda, recoñecido poeta, novelista e contista, que abordou o tema do erotismo na tradición oral. O autor, xunto a Antonio Reigosa e Xoán Cuba, posúe unha extensa obra que recolle anos de investigación sobre a tradición oral galega entre a que se atopan os “Contos colorados”, arredor dos que desenvolveu esta intervención o pasado sábado 28 de decembro na sala das Carboeiras de Sargadelos.
A idea central desta conferencia foi demostrar que a cultura galega posúe unha abundante produción de contos eróticos de tradición oral, que sempre foron marxinados na produción literaria xeral debido aos prexuízos sociais e ideolóxicos existentes sobre a temática sexual, considerándoos como unha literatura menor. Porén, Xosé Miranda mantén que é unha literatura do mesmo nivel que o resto e merece, por tanto, o mesmo tratamento no mundo literario.
Ao longo da súa exposición, Miranda demostrou como gran parte dos contos eróticos tradicionais galegos aparecen na literatura escrita de distintas culturas. Idénticas historias pódense atopar na literatura castelá, europea, asiática, africana ou americana, tanto en tempos afastados como recentes. Autores de prestixio da literatura grecorromana, do Século de Ouro castelán, da Ilustración europea, así como de Rusia, a India e os países do norte e sur de Europa, recollen en diversos formatos literarios as mesmas narracións que podemos atopar nos contos eróticos da tradición oral galega.
Afortunadamente, moitos destes contos están agora rescatados e publicados grazas ao traballo destes tres autores e outros máis que nas últimas décadas publicaron traballos de compilación, dignificando así esta literatura e poñéndoa no lugar que lle corresponde.
Pola nosa parte, ademais da nosa gratitude a Xosé Miranda por facernos este agasallo de fin de ano, agradecemos tamén ao Concello de Cervo que nos cedese o local para a celebración deste acto, que contou coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Sem comentários:
Enviar um comentário