3/13/2025

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian o uso de maquinaria pesada sobre a zona protexida da Roda de Barreiros


 
O xacemento arqueolóxico da Roda de Barreiros (GA27005006), situado en Santiago de Reinante, no concello de Barreiros (Lugo), atópase nun estado de abandono que compromete a súa conservación. Recentemente, membros das asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio observaron rodeiras de maquinaria pesada na zona arqueolóxica e na súa contorna de protección, evidenciando o seu uso como plataforma de acopio de madeira. Esta intervención implicou a circulación intensiva de vehículos pesados, agravando o impacto sobre este sitio arqueolóxico.

Escavado en 2006 durante a construción da Autovía do Cantábrico (A8), este xacemento prehistórico do Bronce Medio leva case dúas décadas sen medidas adecuadas de protección nin mantemento. A retirada da capa do solo durante a escavación deixou expostos os estratos arqueolóxicos que, ao careceren de protección fronte aos axentes ambientais e ás intervencións humanas, aceleran a súa deterioración. A recente actividade con maquinaria pesada intensificou a afectación do xacemento, deixando pegadas a escasos metros das súas estruturas arqueolóxicas e comprometendo a súa integridade.

ADEGA e Mariña Patrimonio levan anos denunciando o abandono destge xacemento ante as administracións competentes. En 2013 e 2022 presentaron denuncias perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contra o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, responsable do abandono e degradación do xacemento, tras as escavacións realizadas en 2006.

Os últimos feitos confirman que a protección deste patrimonio segue sen garantías. A maquinaria pesada deixou marcas a menos de tres metros da entrada do recinto, a menos dun metro dunha das catas abertas no foxo e a escasos dous metros do muro do parapeto na zona sur da Roda. Ademais, a 25 metros da estrutura principal, a intervención con maquinaria provocou un importante movemento de terras e o arrincado de piñeiros de raíz, afectando o subsolo da zona protexida.

A conservación do patrimonio arqueolóxico é unha responsabilidade das administracións públicas. É inaceptable que un ben de tal valor histórico leve case dúas décadas deteriorándose sen que se adopten medidas efectivas para a súa preservación.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/j1mgV2SF3rBYM9sEA




 


 

Sem comentários: