A visita estaba programada para, con
carácter prioritario, ver a exposición A BARCA DE CARONTE sobre a
obra e travesía vital de Isaac Diaz Pardo. Estivo guiada por Xosé
Diaz, comisario da exposición, e por Camilo Diaz, ambos fillos e
colaboradores de Isaac.
O título da mostra xorde das dúas
grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato
mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa
a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio
percorrido creativo do artista, que vai dende as artes plásticas ao
deseño industrial.
A primeira sección, adicada á etapa
de “pintor de cabalete”, expón a súa formación da man do seu
pai, o escenógrafo, grafista e artista plástico Camilo Díaz
Baliño, e que remata na Escola Superior de Belas Artes de San
Fernando en 1942, grazas a unha bolsa de estudo que lle concede a
Deputación da Coruña. Esta primeira etapa pictórica caracterízase
por un clasicismo no que amosa un dominio pleno do oficio e que
perfecciona estudando os grandes mestres no Museo Nacional del Prado
e nas viaxes de estudo a Italia. Posteriormente, xa na década dos
cincuenta, as súas experiencias en deseño cerámico alumean a etapa
intermedia, en que a pincelada se volve máis solta e expresiva.
Na segunda sección amósase o seu
cambio radical de rumbo, da pintura á cerámica, xa que en 1949
funda a sociedade Cerámicas do Castro SL, que instala no lugar do
Castro de Samoedo, no concello de Sada. Aquí vense as primeiras
pezas realizadas no obradoiro do Castro de Samoedo: o pintor de
cabalete, ao transferir a esencia da súa pintura á arxila
convértese, así, nun industrial ceramista, principiando unha
andaina que durará toda a súa vida.
En “América e o exilio” os nosos
guías relataron que en 1959 Isaac viaxa a Bos Aires invitado polo
Centro Galego para expoñer as súas pinturas e cerámicas, e xa non
deixará Arxentina ata o ano 1967. Alí crea a sociedade Zeltia S.A.
que pon en marcha a factoría de Porcelanas de Magdalena, crisol de
renovación. O contacto co grupo de exiliados, en especial con Luis
Seoane, dará lugar ao proxecto Laboratorio de Formas, que formulará
as bases teóricas das iniciativas industriais e culturais na Galicia
atrasada da ditadura.
Na sección referente ao LABORATORIO DE
FORMAS DE GALICIA desde os inicios do Laboratorio que datan de
1963 en Bos Aires, cando Isaac e Seoane deciden crear unha entidade
para orientar e dirixir as iniciativas que ían concebindo para
materializar nun futuro en Galicia, ata cando en 1967 crean
legalmente o Laboratorio e definen o seu corpo teórico, coas ideas
que xorden das inquedanzas de ambos os dous polo papel do artista na
sociedade industrial e converter as particularidades locais en
universais. Con estas premisas verán a luz Ediciós do Castro,
seguida da restauración de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o novo
Seminario de Estudos Galegos, a Escola Libre, o Instituto Galego de
Información… As obras e deseños expostos van desde arquitectura,
cerámica, grafismo e mobiliario.

Remata a exposición coa parte adicada
a SARGADELOS, onde se amosa a recuperación e restauración da
actividade cerámica nesa localidade, que comeza entre 1965 e 1966
cun convenio entre o Laboratorio de Formas de Galicia e Cerámicas do
Castro. O primeiro sería o promotor da nova sociedade e responsable
da orientación estética e a planificación de todas as formas
utilizadas pola empresa. Isaac e Seoane buscaban darlle nova vida a
Sargadelos cunha cerámica vinculada a seu tempo pero baseada nas
formas tradicionais e na memoria histórica galega, para conseguir
produtos cunha clara vocación universal. A nova fábrica de planta
circular, deseño de Andrés Fernández-Albalat, inaugúrase en 1970
e a empresa estará dirixida por Isaac ata o ano 2006, en que é
cesado polos socios. A iniciativa de Isaac ía máis aló: en 1972
fundou o Seminario de Estudos Cerámicos para labores de
investigación pero tamén para a realización de actividades
culturais e pedagóxicas, destacando as Experiencias de Tecnoloxía e
Escola Libre entre 1972 e 2006, unha experiencia singular con
proxección internacional.
A exposición reúne cerca de 150
obras, principalmente de Isaac Díaz Pardo, xunto con algunha de
artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane,
Torrallardona, Torres Agüero; Laxeiro ou Geno Díaz. Abundan as
pinturas pintadas ao óleo, pero tamén debuxos e obra gráfica,
xunto cunha variada selección de pezas cerámicas así como pezas de
mobiliario deseñadas polo artista.
Finalizou a pormenorizada visita á
exposición cunha proxección do video “As miradas de Isaac” da
súa neta Cecilia Diaz Betz. Agradecemos a Xosé e Camilo a súa
compañía no percorrido, contando con todo detalle, algún de
primeira man, todo o referente á mesma.
Para a tarde estaba prevista unha
visita guiada por persoal de Arqueovisitas do Castelo de San Antón
ao castro de Elviña. Non puido ser efectuada debido a un notable
empeoramento do tempo. Para aproveitar a tarde, tomouse a decisión
de visitar a exposición fotográfica “Wonderland” sobre a obra
de Annie Leibovitz, na sede da Fundación MOP no peirao da Bateria.
Nela puidemos ver un gran número de fotografías de gran calidade
feitas pola artista, tanto en papel como proxectadas en grandes
pantallas. A temática inclúe retratos íntimos de músicos, do
mundo do cine, a música, o deporte e a política, ademais dunha
ampla selección de fotografías do mundo da moda.
FOTOS: https://photos.app.goo.gl/F9RYrdEK7LvrxygaA