6/30/2010

MariñaPatrimonio demanda que a Dirección Xeral de Patrimonio tome as medidas oportunas que garantan a protección e a conservación do castro da Atalaia

MariñaPatrimonio comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio a deterioración que se está a producir no xacemento arqueolóxico do castro da Atalaia en San Cibrao (Cervo).

O recente temporal de choivas, que afectou de maneira especial á Mariña, provocou a caída dun dos muros atopados nas últimas escavacións arqueolóxicas.

MariñaPatrimonio demanda que a Dirección Xeral de Patrimonio tome as medidas oportunas que garantan a protección e a conservación do xacemento, tal e como contempla a lei.

(LEI 8/1995, DE 30 DE OUTUBRO, DO PATRIMONIO CULTURAL DE GALICIA TÍTULO II REXIME XERAL DE PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DE GALICIA CAPÍTULO I REXIME DE PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN Artigo 25. Deber de conservar. 2. Os poderes públicos garantirán a protección, conservación e enriquecemento do patrimonio cultural de Galicia.)

Instamos, ademais, a que de maneira urxente se adopten medidas de consolidación e conservación das estruturas do castro para evitar que poidan producirse máis desperfectos neste valioso xacemento.

Ligazón fotos: http://picasaweb.google.es/mr.patrimonio/CaidaDunDosMurosAtopadosNasUltimasEscavacionsArqueoloxicasDoCastroDaAtalaia?authkey=Gv1sRgCLv62YO74aDnDg#





6/17/2010

MariñaPatrimonio esíxelle á Dirección Xeral de Patrimonio que teña en conta os informes da Comisión Provincial de Patrimonio


MariñaPatrimonio esíxelle á Dirección Xeral de Patrimonio que teña en conta os informes da Comisión Provincial de Patrimonio e que definitivamente adopte unha posición sobre o castro da Atalaia, que non pode ser outra que a conservación do xacemento e a anulación das licenzas de obra. Deste xeito, remataría o vergoñento ataque ao noso Patrimonio provocado pola irresponsabilidade do anterior goberno municipal de Cervo,que outorgou as licenzas aínda que sabía da existencia do xacemento, e pola inoperancia dos anteriores equipos de Patrimonio.

A Comisión Provincial de Patrimonio vén confirmar o que MariñaPatrimonio leva expresando sobre a enorme importancia do xacemento arqueolóxico da Atalaia en San Cibrao.

Os informes destacan a excepcionalidade e a importancia dos restos atopados cando afirman:

Neste emprazamento estratéxico hai vestixios dende a Idade de Ferro ata os nosos días.Este aspecto confirelle unha especial relevancia para o coñecemento da historia da Mariña Lucense”

O interese do conxunto vese incrementado polo escavado no outro soar, e pola continuidade do xacemento arqueolóxico cara ao Norte e Oeste (…) O poboado orixinal podería roldar as 8 Ha (…) Podería ser un dos asentamentos de época galaico-romana de maiores dimensións da Mariña Lucense.A súa importancia viría dada pola súa posición estratéxica, vinculada co mar e polo tanto coas actividades mariñas e co comercio, testemuñado pola abundancia de ceramica de importación.”

Os técnicos e a Comisión Provincial de Patrimonio, de maneira unánime, desbotan calquera posibilidade de construción nas dúas parcelas nas que estaba previsto edificar 59 vivendas e aconsellan que os restos arqueolóxicos sexan conservados in situ , tal e como se pode observar nos seguintes parágrafos:

Proponse como acordo desta Comision o pronunciamento a favor da conservación in situ dos vestixios arqueolóxicos e a consideración de que o proxecto arquitectónico con licenza municipal para este predio é incompatible co anterior.”

Á vista do antedito polos servizos técnicos do Departamento Territorial, a Comisión adopta por unanimidade o seguinte acordo: Informar a favor da conservación in situ dos vestixios arqueolóxicos e a consideración de que o proxecto arquitectónico con licenza municipal para este predio é incompatible co anterior.”

Dende MariñaPatrimonio continuaremos traballando para que o castro da Atalaia se convirta nun dos referentes arqueolóxicos de Galiza.



6/10/2010

O CASTRO DA ATALAIA NO MUSEO DE LUGO


Desde o pasado día 7 de xuño a exposición, “O CASTRO DA ATALAIA: unha mostra excepcional do noso Patrimonio” está aberta no Museo Provincial de Lugo.

A mostra foi inaugurada nun acto que contou coa participación de moitos amigos e amigas que se achegaron na tarde do luns día 7 ao Refectorio do Museo, lugar onde estará a disposición dos visitantes até o día 20 de xuño.

O acto deu comezo coas amábeis palabras de benvida da Directora do Museo, Aurelia Balseiro, que tamén se encargou das presentacións.

De seguido, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, presidente de Mariñapatrimonio, interveu facendo un breve resume das accións levadas adiante polos veciños de San Cibrao, no ano 2007, para impedir a desfeita deste xacemento arqueolóxico excepcional; recoñeceu a importancia das iniciativas da asociación ecoloxista ADEGA, que desde un primeiro momento denunciou públicamente esta destrución e, comprometeuse, en nome de Mariñapatrimonio, a seguer divulgando a enorme importancia deste xacemento. “É a nosa intención—dixo—que esta exposición percorra toda a comarca da Mariña Luguesa e se poda visitar nas principais cidades do país”.

O historiador Adolfo de Abel Vilela interviú en representación da asociación LugoPatrimonio lembrando tamén outras incomprensibeis actuacións na cidade de Lugo, permitidas hai anos, desde unhas institucións que deberían ser as primeiras en protexer e conservar o Patrimonio.

O deputado Antonio Veiga Outeiro, en representación da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo que patrocina esta mostra, pechou o acto manifestando que é obriga das Institucións como a que el representa, o dar apoio ao movimento asociativo e comprometeuse a seguer nesa liña de actuación.

A mostra, despois desta presencia na cidade da muralla, percorrerá varios concellos da comarca en datas e locais que no seu día daremos a coñecer.

6/04/2010

O Castro da Atalaia

O CASTRO DA ATALAIA: unha mostra excepcional do noso Patrimonio.


Mariñapatrimonio inaugura o vindeiro luns día 7 de xuño, ás oito da tarde, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo a exposición: O CASTRO DA ATALAIA: unha mostra excepcional do noso Patrimonio.
 
A asociación pretende con esta exposición chamar a atención sobre a vergoñenta situación na que se atopa este importante xacemento castrexo de San Cibrao, ameazado na actualidade por unha actuación urbanística que nunca se debeu iniciar.
A mostra é un traballo de Mariñapatrimonio que conta co patrocinio da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo e coa colaboración do Museo Provincial de Lugo, da asociación LugoPatrimonio e de ADEGA.
 
A exposición permanecerá aberta até o  día 21 de xuño no Refectorio do Museo Provincial.