3/27/2024

MARIÑA PATRIMONIO DESCOBRE ÚTILES DO PALEOLÍTICO NA TURBEIRA DA PRAIA DE SAN MIGUEL DE REINANTE

A Asociación Mariña Patrimonio achou recentemente varios útiles paleolíticos na turbeira da praia de Arealonga, localizada en San Miguel de Reinante, no concello de Barreiros, provincia de Lugo. Baixo as areas desta praia, atópase unha significativa turbeira que preserva os vestixios dun antigo bosque. Precisamente, nos últimos temporais deste inverno o mar retirou gran cantidade de area, deixando visible a turbeira.

Nesta ocasión, o mar descubriu a turba na zona das Penas Rubias, onde a acción da erosión provocada polas ondas creou formas curiosas e chamativas sobre a mesma. Estas formas chamaron a atención de moita xente e as imaxes da turba foron amplamente compartidas nas redes sociais.

A asociación Mariña Patrimonio, que leva anos documentando fotograficamente a aparición deste antigo bosque, observou neste mes de marzo entre a turba varios útiles paleolíticos. Tras comunicar a descoberta á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, arqueólogos desta entidade desprazáronse ata a praia de Arealonga para inspeccionar a zona, onde apareceron os restos arqueolóxicos, e facerse cargo das pezas líticas atopadas por Mariña Patrimonio.

A turbeira de Arealonga, que só se pode ver nalgunhas ocasións tras un temporal, non deixa de dar sorpresas. Cómpre lembar que nesta mesma turbeira, en 2014, apareceron restos óseos de animais que habitaron neste antigo bosque. Estes ósos, entre os que destacan fragmentos de mandíbulas e cornamenta de cérvidos, así coma ósos de cabalo e vaca, foron estudados pola paleontóloga Aurora Grandal. A datación realizada por esta investigadora mostrou que os restos máis antigos atopados na turbeira de San Miguel teñen unha antigüidade duns 4800 anos.

Por outra banda, tamén é interesante saber que a tradición popular sostén que nesta praia de Arealonga atópase a cidade asolagada de San Miguel de Vilachá, que foi afundida por mor dun castigo ou posible maleficio. Cóntase que nos anos en que os temporais levaban a area podían verse as trabes das casas e os restos das árbores desta desafortunada vila.

Enlace fotos: https://photos.app.goo.gl/oJLotaQA6SRXZKwf6

3/25/2024

RESEÑA DA VISITA A FRIOL

 

Na actividade organizada para este pasado domingo por Mariña Patrimonio, participou un grupo de trinta persoas, as cales puideron gozar dun espléndido día primaveral na súa visita a Friol, ao seu patrimonio e á súa feira anual do queixo e do pan de Ousá.

Ao longo de toda a xornada estivemos acompañados por Brais Rodríguez, activista cultural e gran coñecedor do patrimonio de Friol e da comarca de Lugo, a quen agradecemos o deseño do programa de visitas e a xestión das mesmas.

Iniciamos a visita na medorra Aberta, a máis visible do campo de mámoas de Narla. Este túmulo é o segundo máis grande do conxunto e un das máis grandes do país.

De camiño á capitalidade municipal, fixemos parada tamén no dolme da Moruxosa, un túmulo de tamaño mediano, en bastante bo estado de conservación, ubicado na beira do camiño real que unía Lugo con Friol.

 De seguido, fixemos parada na concorrida Feira do queixo de Friol e do pan de Ousá que aproveitamos para aprovisionarnos, e realizamos un agradable paseo pola beira do río Narla ata o espazo do Castro Friulio, no que anualmente se realiza unha recreación da vida castrexa.

A xornada de mañá rematou na fortaleza baixomedieval de San Paio de Narla. A guía deste espazo museístico da Deputación achegounos unha completa información sobre a historia desta fortaleza e o percorrido ofreceunos unha interesante visión da vida e costumes da nobreza galega medieval e moderna.

Logo dun merecido e gorentoso xantar en Casa Miragaya, na parroquia de Nodar, a xornada de tarde iniciouse nesta mesma parroquia, coa presenza como guía do cura arciprestre Jesús Vigo, que nos acompañou na visita a tres das igrexas máis interesantes do concello: a de San Mamede de Nodar, a de Santa María de Carlín e a de Santiago de Trasmonte. Trátanse as tres de templos de orixe románica, reformados e ampliados en séculos recentes. Destacable é o conxunto de Carlín que inclúe, ademais do templo principal con pinturas murais renacentistas, unha capela moi antiga e unha fonte milagreira que, segundo a tradición, ten poderes curativos ou purificadores, especialmente para os nenos e nenas da contorna. A nosa gratitude a Jesús Vigo pola súa valiosa aportación e por facilitarnos estas visitas.

A noite botóusenos enriba durante o camiño de volta, logo dunha xornada que nos deixou tan cansos coma satisfeitos.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/oa2RKbtiySpQNRf38

 


3/15/2024

Visita polo patrimonio de Friol

Dende Mariña Patrimonio estamos a organizar para o próximo domingo 24 de marzo unha visita polo patrimonio de Friol. Está previsto visitarmos, acompañados por Brais Rodríguez Romero, a medorra de Narla, o dolme da Moruxosa, a Feira do queixo e o pan de Ousá e maila fortaleza de San Paio de Narla. Despois do xantar, achegarémonos aos petóglifos da Pena Castrexa e ás igrexas de Carlín e Trasmonte.

O desprazamento farase en bus, que sairá probablemente ás 8.00h de Viveiro, pasando por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Friol. debido á imposibilidade de cubrir toda a Mariña. Porén, podería ser modificado en función da procedencia das persoas participantes.

O prezo total da actividade será de 30€; 15€ polo bus e 15€ polo xantar. As persoas non socias asumirán un custo adicional de 10 €.

A data límite para apuntarse remata o mércores 20. Prégase realizar a comunicación de participación o antes posible para facilitar a organización da actividade, tendo en conta que hai un límite de participantes e terán prioridade aqueles que antes o comuniquen. Para apuntarse cómpre enviar un correo electrónico a mr.patrimonio@gmail.com, indicando o número e nomes das persoas participantes, a súa procedencia, número de teléfono de contacto, se teñen interese en facer uso do bus e se van participar no xantar.

Cando se teña a lista de participantes, concretaremos con tempo suficiente o itinerario, paradas e horario do bus así coma o número de conta no que será preciso ingresar o custo da actividade.

3/04/2024

CONFERENCIA DE MARIÑA PATRIMONIO SOBRE OS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS COSTEIROS DE RIBADEO, BARREIROS E FOZ

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro sábado 9 de marzo unha charla sobre os xacementos arqueolóxicos costeiros de Ribadeo, Barreiros e Foz. A charla, que conta coa colaboración do Concello de Foz e da Vicepresidencia - Área de Cultura da Deputación de Lugo, correrá a cargo de Manuel Miranda, presidente da asociación Mariña Patrimonio, e terá lugar ás 19:30h na Casa da Cultura de Foz.
No transcurso da súa exposición, o relator fará un percorrido polos xacementos arqueolóxicos costeiros dos citados concellos describindo as súas características, así como o estado no que se atopan na actualidade. Así mesmo, dará a coñecer novos xacementos costeiros descubertos nos últimos anos nestes concellos.
A asociación Mariña Patrimonio, na liña da súas actuacións, sostén que a divulgación do patrimonio arqueolóxico é fundamental para a súa protección e valorización. Neste senso, a charla busca non só informar senón tamén concienciar sobre a importancia de preservar para as xeracións futuras estes bens patrimoniais.
Como vén sendo habitual neste tipo de eventos, a entrada é libre e gratuíta, aberta a todo o público interesado no rico patrimonio arqueolóxico da nosa contorna.