ADEGA
e Mariña Patrimonio vimos de presentar unha denuncia perante o
Servizo de Patrimonio polos posibles danos ocasionados por labores
forestais no castro de O Patelo (GA27048002), ubicado en Santo Estevo
de Rececende, concello de A Pontenova (Lugo). Ambas asociacións cren
que a apertura de pistas, xunto cos aterrazamentos e mailas remocións
de terras no xacemento, así como na zona de protección, puideron
afectar este ben patrimonial.
Débese ter en conta que este sitio
arqueolóxico está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio e
figura nas normas subsidiarias do concello de A Pontenova, o que o
converte nun ben patrimonial protexido.
O castro de O Patelo estaba cuberto
por unha frondosa carballeira e, lamentablemente, este bosque
autóctono foi cortado e substiuído, posiblemente de forma ilegal,
por unha plantación de eucaliptos.
Por outro lado, ADEGA e Mariña
Patrimonio sabemos que o Servizo de Patrimonio facilitoulle a Medio
Rural información sobre os xacementos arqueolóxicos da zona norte
da provincia de Lugo, mais trece dos vinte e tres xacementos que a
Xunta inventariou no concello de A Pontenova non teñen as
coordenadas, polo tanto non están localizados pola administración o
que conleva a súa desprotección. Esta ausencia de coordenadas é
unha mostra máis da incapacidade e da falla de vontade por parte da
Dirección Xeral de Patrimonio para solucionar un problema que cómpre
atallar canto antes para evitar a desaparición masiva do noso
patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto.