Coincidindo coa feira de cada día 20, Mariña Patrimonio realizou una visita ao patrimonio da vila de Sarria, guiados polo profesor, avogado e historiador local Xaime López Arias “Arlindo”. O grupo, composto por 30 participantes, iniciou a ruta urbana na
Ponte Ribeira, onde o Camiño de Santiago cruza o río Sarria e onde nace Vilanova de Sarria, fundada polo rei Afonso IX como vila real.
Logo dun paseo pola veiga do río Sarria, na que se sitúan actualmente boa parte dos equipamentos educativos e deportivos, así coma un fermoso muíño que merecería dunha restauración acorde coa súa importancia, iniciouse unha ruta pola vila histórica, de escasa extensión pero con gran densidade de edificios de alto valor patrimonial, seguindo o Camiño de Santiago pola escalinata e a Rúa Maior, a sede da Sociedade Cultural “La Unión”, a igrexa neorrománica de Santa Mariña e o vello casino, entre outros edificios de interese.
Logo dunha breve parada na casa Baamonde, sede do Concello, na que o grupo foi recibido polo Alcalde, continuamos o percorrido pola Rúa Maior cara á parte alta da vila onde se sitúa a Fortaleza de Sarria, restos do importante castelo derrubado polos Irmandiños, reconstruído e finalmente derrubado case na súa totalidade no século XIX.
Nas inmediacións puidemos visitar a Igrexa de San Salvador, templo a cabalo do románico e o gótico, así coma a antiga Prisión Preventiva, hoxe oficina de turismo e espazo cultural e de exposicións.
Logo de degustar o polbo na concurrida feira, o grupo rematou a visita no Mosteiro da Magdalena. Aínda que non puidemos visitar o seu interior por estar en obras, o noso guía ofreceunos unha ampla información sobre a súa historia, os seus usos actuais como colexio e como albergue, ademais de apreciar a diversidade de estilos arquitectónicos, románico, gótico e barroco das distintas partes que compoñen o edificio.Agradecemos ao noso guía, Arlindo, a súa xenerosidade por adicarnos a xornada; así mesmo queremos destacar o seu enorme coñecemento da historia de Sarria e comarca, así como as súas amenas explicacións, tanto da evolución histórica de Sarria como da súa importancia actual como punto relevante dentro do Camiño Francés. Agradecemento tamén ao Concello de Sarria por facilitarnos algunhas das visitas que realizamos ao longo da xornada.