6/15/2026

Descubrindo a Vía Künig

Mariña Patrimonio realizou a última saída previa ao verán para coñecer o patrimonio de Galicia e en particular da nosa provincia. Nesta ocasión, tivemos a oportunidade de facer un percorrido por diferentes puntos da Via Künig, o camiño xacobeo resultante da expedición encabezada polo monxe alemán Hermann Künig, a fíns do século XV, do que saíu unha completa e detallada guía de peregrinación. Trátase dun longo itinerario que parte da actual Suíza atravesando o sur de Francia e entrando na Península por Irún ata Compostela para volver logo a Francia por Burdeos e París ata Aquisgram, concordando parcialmente con outros camiños pero sempre optando por salvar mellor as dificultades topográficas. O tramo galego desta vía entra por Pedrafita e continúa por As Nogais, Becerreá, Baralla, o Corgo e Lugo onde conecta co Camiño Primitivo. Neste percorrido, tivemos a sorte de ser guiados polos historiadores Javier Gómez Vila e Daniel Vázquez Vila, presidente e vicepresidente da Asociación Via Künig, aos que lles queremos amosar a nosa gratitude.

O noso percorrido comezou en Becerreá, onde nos achegamos á Ponte de Cruzul, recentemente declarada BIC e construída no século XVIII formando parte do Camiño Real a Galicia dentro da rede radial promovida polo rei Carlos III. Este camiño seguía a Vía XIX do itinerario de Antonino, entre Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), seguida tamén por Künig, como mellor opción de acceso para salvar os desniveis do territorio.

No mesmo concello de Becerreá, xa próximo ao de Baralla, visitamos a igrexa e restos do mosteiro de Penamaior, que constitúe o principal complexo monacal deste tramo galego da vía. Trátase dun singular e monumental templo románico de fins do século XII, que actualmente presenta un bo estado de conservación logo da restauración acometida como consecuencia de ser declarado BIC, hai xa uns vinte anos. Penamaior constituía un importante apoio aos peregrinos, aos que lles ofrecía alimentación e hospitalidade.

A via continúa xa de xeito máis plácido polo concello de O Corgo, aproveitando esa vella calzada romana que deixou restos de miliarios en diferentes lugares. O grupo realizou un pequeno paseo deste tramo entre a parroquia de Pedrafita e a de Arxemil cruzando a Ponte dos Galiñeiros, unha fermosa estrutura dun só arco, que actualmente está pechada ao tráfico á espera de reparar a profunda greta que presenta como consecuencia do paso de vehículos pesados.

Logo dun opíparo xantar no Bar Playa, rematamos as visitas da Via Künig. Completamos a tarde con dúas visitas na contorna de Lugo. Achegámonos primeiro á Igrexa de Santalla de Esperante, pechada ao público logo das intervencións arqueolóxicas recentes que deron lugar ao descubrimento, na súa ábsida, dun tríforo prerrománico, similar aos que podemos atopar en diversos templos asturianos. Puidemos tamén apreciar os dous grandes arcos cegos nos dous costados do templo.Os arcos parecen indicar que inicialmente esta igrexa posuía unha planta de cruz grega. A singularidade desta igrexiña complétase cos restos atopados dunha antiga construción romana que semella teren aparecido nas catas arqueolóxicas realizadas.

Finalmente, xa de volta á Mariña, fixemos unha visita que había tempo tiñamos interese en realizar: a Torre de Caldaloba, o que queda do antigo Castelo de Vilaxoán, vinculado á familia de Pardo de Cela. Segundo a tradición histórica máis estendida, nesta fortaleza Constanza de Castro, filla do mariscal, e o seu marido, Fernán Ares de Saavedra, resistiron o asedio das tropas enviadas polos Reis Católicos.

A fortaleza érguese sobre o antigo castro do Coto do Mato, nun emprazamento de grande valor defensivo, reforzado por un complexo sistema de fosos que aínda hoxe se percibe no terreo. O estado actual deste Ben de Interese Cultural é de auténtica ruína, cunha deterioración que se pode cualificar de alarmante.

O que resulta evidente é a urxencia de desbloquear o conflito institucional aberto arredor da titularidade e da xestión do ben. Mentres tanto, a Torre de Caldaloba segue deteriorándose. A responsabilidade directa de conservación corresponde ás administracións titulares ou propietarias, pero a Consellaría de Cultura, como administración competente en materia de patrimonio cultural, non pode permanecer allea ao risco de derrubo dun BIC e dispón de instrumentos legais para requirir actuacións, coordinalas ou mesmo actuar subsidiariamente, se quen ten a obriga directa de conservación non garante a protección do ben.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/FuhLgVCEehGnZfQBA


 


 


 

Dous días de viaxe cultural por Sober, Allariz, Armeá e San Pedro de Rocas

 

Mariña Patrimonio estreou este ano formato de dous dias para viaxes culturais. Nesta ocasión, tivo como principal obxectivo coñecer o Conxunto Histórico de Armeá, no concello de Allariz, onde pernoctou o grupo.

De camiño á vila ourensá fixemos parada en Sober, para visitar a Rectoral de Gundivós, onde o oleiro Elías González desenvolve un interesante proxecto de artesanía e antropoloxía, que merece os nosos parabéns e recomendamos visitar. Elías, logo de mercar e restaurar con moi bo criterio o edificio ruinoso da Rectoral da parroquia, no que reside coa súa familia, traballa producindo a olaría tradicional de Gundivós, que nas súas demostracións deixa ver mentres explica, con moi boas dotes comunicativas, aspectos antropolóxicos do oficio de oleiro e da vida tradicional do lugar.

No mesmo concello achegámonos de seguido a Proendos, onde Alfonso Campos, activista cultural da asociación Colado do Vento, nos guiou para coñecer os traballos arquelóxicos realizados ata agora neste inmenso xacemento romano. En Proendos, consérvase unha construción moi singular: unha horrea romana. Esta estrutura axúdanos a entender que estamos ante unha importantísima vilae agraria romana. As prospeccións xeofísicas realizadas ata o momento indican que baixo o terreo existe un amplo complexo arqueolóxico, que irá saíndo á luz a medida que avancen as escavacións.

A continuación, visitamos tamén a igrexa parroquial, co seu fermoso presbiterio románico con elementos romanos reaproveitados. Agradecemos a Alfonso Campos que quixera compartir connosco o inxente e diverso coñecemento que tan ben comunica.

Logo de chegar a Allariz, dedicamos o resto da tarde a visitar o seu Festival Internacional de Xardíns, un espazo que contribúe a reforzar o atractivo desta vila, modélica polo seu xeito de integrar o aproveitamento turístico e cultural.

Tamén puidemos perdernos polos seus recunchos, achegarnos aos seus comercios e gozar da súa coidada oferta hostaleira.

O domingo adicamos toda a mañá ao principal motivo da viaxe: o conxunto histórico de Armeá e Santa Mariña de Augas Santas. Nesta visita tivemos o privilexio de ser guiados por unha das persoas que máis e mellor coñece este lugar, José Ramón Seara. Un lugar que concentra un espazo arqueolóxico relevante, a cibdá romanizada de Armeá, un dos grandes castros de Galicia, que igual que outros moitos, foi cristianizado cun relato mitolóxico que prendeu profundamente na memoria popular e deu pé á construción sobre a sauna castrexa, coñecida como Forno da Santa, dunha cripta medieval no espazo subterráneo dun templo inacabado, a basílica da Ascensión. Nesta basílica o relato mítico sitúa o martirio e milagre da salvación de Santa Mariña. A posterior decapitación da Santa no relato a poucos centos de metros deu lugar ás fontes, aldea e igrexa de Augas Santas, un espazo de arquitectura popular e eclesiástica de primeira orde, ao converterse o inicial cenobio altomedieval en espléndido templo románico e pazo episcopal de verán dos bispos de Ourense. Un marabilloso exemplo de como un relato mítico-relixioso sacraliza os restos dun gran asentamento castrexo-romano, e serve para construír un dos grandes templos románicos galegos. Sen dúbida, un dos lugares máis máxicos de Galicia.

Queremos agradecer a José Ramón Seara, profesor da Uvigo, e presidente da Asociación de Santa Mariña de Augas Santas, que quixera actuar como anfitrión nesta visita e que nos transmitira unha explicación completa deste lugar con tanta paixón coma rigor.

A viaxe completouse de volta cunha visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, outro dos lugares máis singulares de Galicia, por albergar nun espazo natural fermosísimo, o mellor exemplo de igrexa rupestre do país, que está completado por un interesante centro de interpretación do mosteiro e dos oficios populares da comarca ribeirá.

A experiencia desta viaxe foi moi positiva, o que nos anima a consolidar este formato que permite aproveitar máis e mellor os nosos desprazamentos.

+ FOTOS: https://photos.app.goo.gl/t9n5jyeodB8Tzpxy6


5/13/2026

Do Marqués ao Arcebispo. Mitos e realidades na historia de Sargadelos


Na emblemática Casa da Administración de Sargadelos, o catedrático emérito de historia económica da USC, Xoan Carmona, impartíu unha interesantísima conferencia titulada “Do Marqués ao Arcebispo. Mitos e realidades na historia de Sargadelos”, que espertou un grande interese, se consideramos as máis de cen persoas que asistiron ao acto.

 Carmona, gran experto na historia industrial de Galicia e, en particular, de Sargadelos, realizou un repaso rápido polas distintas etapas deste complexo industrial desde os inicios de Antonio Raimundo Ibáñez como industrial creador dos primeros altos fornos privados de España, así como da fábrica de louza, a partir das evidencias documentais e poñendo en dúbida certos mitos arredor deste personaxe e das circunstancias que o rodearon.

A continuación, centrouse na etapa posterior á tráxica morte de Ibáñez e nas causas que levaron á decadencia e ao final da actividade das fábricas arredor de 1875. Nese período, Sargadelos pasou por distintas fases, entre elas a súa vinculación co arcebispado compostelán a través da empresa Luis de la Riva y Cía, que asumiu o arrendamento das fábricas en 1845 e cuxos responsables eran tamén administradores da catedral compostelá. Carmona relacionou esta etapa coa perda de ingresos da Igrexa tras a desamortización e as políticas liberais da época, o que reduciu a dispoñibilidade de capital para manter e modernizar as fábricas fronte á crecente competencia doutros centros siderúrxicos e cerámicos.

Fixo moito fincapé Carmona na importancia deste conxunto histórico, como un dos principais focos da arqueoloxía industrial de Galicia. Este tipo de restos constitúen un patrimonio histórico que noutros países están convertidos en verdadeiros fitos turísticos nos que se pode coñecer en detalle e recrear o funcionamento destas primeiras industrias. Lamentou que Sargadelos non pase de ser un lugar bonito no que se pode dar un paseo na natureza e gozar da área recreativa, lonxe de ser un referente para a investigación e a divulgación histórica, o que constituiría un recurso turístico-económico de primeira orde.

Mariña Patrimonio súmase a esta valoración e quere ademais poñer en evidencia o deficiente estado de conservación e de atención á Casa da Administración e ao seu recinto exterior, tal e como puideron constatar os asistentes a este acto. Cómpre unha chamada de atención ao Concello e á Xunta, responsables directos do mantemento e orientación deste conxunto histórico excepcional, que non debería quedarse nun “lugar para facer churrasco”, como o cualificou Carmona. 

VIDEO: https://youtu.be/STXQkDvhNb8 



4/28/2026

Ribeira Sacra - O Saviñao

Este sábado 25 de abril acolleunos cun espléndido día primaveral a Ribeira Sacra do Saviñao na nosa visita a algúns dos seus tesouros patrimoniais. Queriamos ver unha mostra do marabilloso románico da zona que a nosa guía Beatriz Pérez, da empresa de turismo cultural Máis que Románico, escolleu para ensinarnos ao longo da mañá e á que agradecemos a súa atención e felicitamos polo seu traballo.

Comezamos atravesando o Miño desde Chantada para achegarnos á primeira, Santo Estevo de Ribas do Miño, unha monumental igrexa monacal que destaca no medio do bosque atlántico da ribeira oriental do Miño. Románico de primeiro nivel por obra dos canteiros que viñan de construír a catedral compostelá aló polos comezos do século XIII; románico final e gótico incipiente co seu espectacular rosetón.

A seguinte parada foi a igrexa de San Paio de Diomondi, románico pleno nun templo que sufriu un lixeiro afundimento lateral, o que aconsellou reducir a altura inicialmente proxectada. Ten adosado un pazo episcopal e unha reitoral, hoxe restaurados con moito respecto e convertidos en albergue de peregrinos do Camiño de Inverno, o que entra en Galicia pola Ribeira Sacra.

Logo de facermos a foto de rigor no mirador do Cabo do Mundo, rematamos a mañá coa visita á fermosa igrexa parroquial de Santa María de Seteventos. Este templo, coa cuberta recén restaurada, amosa un románico máis modesto, pero conserva unhas pinturas góticas e un retablo policromado de gran beleza.

Logo dun bo xantar no restaurante Os Campeliños de Escairón, completamos a xornada visitando o Ecomuseo de Arxeriz, lugar emblemático na modernización do sector lácteo galego que veu nacer a empresa LARSA. Co tempo, baixo a dirección de Xosé Soto Rodríguez, Xosé de Arxeriz, o pazo e a explotación acabou por converterse nun gran centro etnográfico e arqueolóxico, que desde o falecemento do seu creador, a través da Fundación Xosé Soto de Fión, continúa ampliando a súa actividade divulgativa da cultura popular da Ribeira Sacra e mais do Castro de Arxeriz, ubicado dentro desta finca; un espazo moi ben preservado tanto no ámbito paisaxístico coma no arquitectónico. Os nosos parabéns e a nosa admiración a esta institución polo seu extraordinario traballo de musealización e divulgación etnográfica e arqueolóxica, modelo de preservación do patrimonio cultural galego. 

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/tHw2At1ipdM8HFTV7 


 



4/27/2026

San Xoán Vello: unha cova única que agarda por unha nova intervención arqueolóxica


Pasados xa cinco anos desde a intervención arqueolóxica realizada na cova de San Xoan Vello, por fin se puido realizar o acto público no que os responsables da mesma explicaron os pormenores da intervención e os resultados e perspectivas que ofrece este singular xacemento.

Cunha sala de usos múltiples do concello de Viveiro practicamente chea de público, unhas cen persoas, os arqueólogos Rebeca Blanco e Francisco Alonso realizaron unha exposición clara e completa do contexto, proceso da intevención e resultados obtidos da mesma que abren tantas preguntas como respostas.

Estamos a falar dun xacemento que ten a súa orixe nunha cova mineira antiga de ferro cun manancial de augas ferruxinosas que aínda alguns veciños do lugar lembran. Cabe deducir que o lugar debeu ter xa en tempos antigos unha certa relevancia debida aos poderes curativos das augas e que debeu ser sacralizada e cristianizada neses tempos antigos que aínda descoñecemos.

Os datos obtidos nas sondaxes permiten asegurar que no século XII foi construída unha igrexa, que sufríu diversas modificacións ao longo dos séculos, como se evidencia na complexidade de muros e estruturas que se atoparon. A igrexa alberga unha necrópole con restos óseos duns dez individuos de distinta idade e xénero, así como moedas vinculadas aos enterramentos, e cerámica de época medieval e moderna. Sábemos, pola documentación previa xa coñecida que o templo foi igrexa parroquial de San Xoan de Covas ata que esta foi trasladada ao templo actual.  As sondaxes deixaron claro que baixo o nivel acadado, que nos refire ao século XII, hai niveis máis antigos que se precisa escavar para completar todos os niveis arqueolóxicos que non sabemos ata onde poden chegar.

O problema máis importante que resolver actualmente é o da seguridade. A cova está sendo afectada polo avance do mar e pola propia dinámica da rocha, que se ve afectada polas infiltracións de auga e as raíces dos eucaliptos, que xa deron lugar a desprendementos posteriores á intervención. Faise, por tanto, prioritario realizar un estudo de seguridade e realizar os traballos de consolidación necesarios para completar os traballos de escavación en área, que permitan desvelar todos os segredos que aínda garda a cova e a súa contorna e, quizais, se fose posible, a consolidación dos traballos realizados cara a posibles visitas de público.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, presente no acto, comprometeu esforzos por conseguir o financiamento necesario para acometer estes traballos que os técnicos consideran urxentes debido ao acelerado deterioro da cova. Mariña Patrimonio considera que hai suficientes argumentos, baseados na urxencia da actuación e no interese social e científico, como para realizar o esforzo económico necesario que complete os traballos realizados para recuperar este ben patrimonial que é único e singular en Galicia e mesmo en España.




4/13/2026

ADEGA E MARIÑA PATRIMONIO ALERTAN DO PERIGO INMINENTE QUE SOFREN OS PETRÓGLIFOS DE PARADA E OUTROS BENS ARQUEOLÓXICOS EN OUTEIRO DE REI

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a situación de grave risco que afecta varios bens arqueolóxicos situados na zona de Parada, parroquia de Parada, no concello de Outeiro de Rei (Lugo), onde nestes momentos se están a desenvolver traballos forestais de corta de piñeiros e está prevista ademais unha nova plantación de eucaliptos.

O caso máis preocupante é o dos Petróglifos de Parada, localizados no punto de coordenadas X 609154, Y 4768054. Sobre a rocha na que se atopan hai actualmente troncos dos piñeiros xa cortados, nunha actuación que se está a realizar con maquinaria pesada e sen que se aprecien medidas de precaución ou protección respecto destes elementos patrimoniais.

Imaxes - Alex Negreira
 
 Segundo a información da que dispoñen ADEGA e Mariña Patrimonio, no ano 2020 púxose en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a existencia destes petróglifos, confirmouse a súa autenticidade e asignóuselles un código GA, que ambas entidades descoñecen e por iso non poden achegar. A pesar diso, os petróglifos non foron incorporados nin ao visor do PBA nin ao visor de aproveitamentos forestais, unha circunstancia que incrementa notablemente o risco de afección ao non constar publicamente a súa existencia.  

ADEGA e Mariña Patrimonio advirten tamén de que na mesma zona arqueolóxica existen outros bens patrimoniais inéditos para a DXPC que poderían sufrir danos no transcurso destes labores forestais.

No punto X 609177, Y 4767991 localízase a primeira das Medorras de Parada, cunha masa tumular ben definida e conservada. Na súa contorna existe ademais un número significativo de penas con petróglifos tipo coviñas.

No punto X 609623, Y 4768360 localízase outra das Medorras de Parada, que conserva os chantos da cámara e do corredor, así como a súa masa tumular ben conservada.

No punto X 609281, Y 4768523 localízase a Medorra das Latas, que conserva chantos da cámara.

Ambas asociacións consideran que todos estes bens arqueolóxicos corren un risco inminente de sufrir danos nos próximos días por mor dos traballos forestais que se están a executar nesta zona, polo que reclamaron ás administracións competentes que actúen con carácter de urxencia.

En concreto, ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan que se comproben de inmediato os feitos denunciados, que se inspeccione a zona afectada e que se adopten as medidas cautelares necesarias para evitar danos ou destrucións nos bens arqueolóxicos citados. Así mesmo, piden que, de ser o caso, se ordene a paralización inmediata dos traballos forestais na contorna dos elementos patrimoniais afectados mentres non se garanta de forma efectiva a súa protección.

As dúas entidades reclaman tamén que se valore a existencia e a protección do resto dos bens aquí sinalados, en particular as Medorras de Parada, a Medorra das Latas e as penas con petróglifos tipo coviñas existentes na contorna.

Ligazón de acceso a fotografías: https://photos.app.goo.gl/KtEMrMhQAk5myt8H6


 


 
 
 
 

 


 

4/05/2026

Mosteiro de San Martiño Pinario

 

Mariña Patrimonio iniciou a súa actividade anual de visitas ao patrimonio na capital de Galicia, centrándose no Mosteiro de San Martiño Pinario, o segundo edificio relixioso máis grande España, con vinte mil metros cadrados construídos. Hoxe é un edificio multifuncional no que se aloxa o Seminario Maior Diocesano, o Instituto Teolóxico Compostelano ITC, a Escola Universitaria de Traballo Social, da USC, o Arquivo Histórico Diocesano, ademais da Hospedería e Residencia universitaria, e a área visitable que alberga o Museo e a monumental Igrexa, elemento principal da nosa visita

 Foi construído entre finais do século XVI e o XVIII, sobre un edificio románico do século X vinculado ao descubrimento do apóstolo. A concentración de poder en San Martiño Pinario fixo que rivalizara coa propia catedral, o que condicionou a súa construción, deixando sen torres a súa monumental igrexa, ou ralentizando a construción do seu claustro procesional.

A igrexa de San Martiño é un espazo de grande volume e altura construída inicialmente en estilo renacentista e rematada en Barroco, destacando a súa cúpula nervada que lle aporta unha enorme luminosidade ao templo. A inclinación do terreo e a rivalidade coa catedral obrigou a realizar unha fachada que, ademais de estar orientada en sentido inverso ao habitual nos templos cristiáns, está escavada dando lugar a un espazo singular no seu exterior, que é a pequena praza de San Martiño. O templo ten unha nave única da que parten diversas capelas, entre as que destaca a da Virxe do Socorro, que foi ampliada posteriormente e convertida en igrexa parroquial. É moi destacable tamén a magnífica ampliación da sacristía, que conta cunha cúpula propia. As esculturas de José Ferreiro teñen un papel moi destacado neste templo así como toda a intervención de Fernando Casas Novoa, artífice do espectacular retablo maior, que ofrece dobre cara ao templo e ao tamén espléndido coro baixo que se ubica na ábsida, baixo os órganos. No espazo alto da nave reubicouse tamén o antigo coro da catedral.

Cómpre destacar que a visita foi guiada por Melisa, a quen agradecemos e felicitamos polo seu traballo explicativo rigoroso e ao tempo accesible e moi ameno. A visita a San Martiño Pinario completouse co privilexio de xantar, nada menos que no antigo refectorio do mosteiro, hoxe comedor da hospedería.

Pola tarde, o grupo desprazouse á Cidade da Cultura  para visitar a exposición “As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI”, una selección de 80 obras de 63 autores que ofrece unha percepción sensorial das estacións do ano mediante a cor e a luz, o son, as texturas e a temperatura ambiental das diversas salas que compoñen o percorrido. Foi posible, ademais, visitar outra exposición moi interesante, “Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”, que ofrece una ampla mostra da obra do gran escultor galego contemporáneo, realmente, unha experiencia que merece unha visita ao Gaiás.

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/veko8R8NehTsKCwcA



1/15/2026

Castro da Trinidade: imaxes históricas (1946 e 2001) dun xacemento hoxe alterado

Do castro da Trinidade apenas hai imaxes, pero algunhas hai, e estas dúas —aínda que a calidade non sexa moi boa— dan unha idea de como era.

Nesta composición comparamos:

  • 1946 (voo americano): malia a nitidez limitada, aínda se distingue o recinto do castro.

  • 2001 (imaxe aérea/ortofoto): antes de que pasase o que pasou coa canteira, na imaxe pódese seguir o trazado dos dous parapetos, na parcela que se cortou a arboreda,

Na columna dereita repetimos as dúas imaxes coas liñas guía para facilitar a comprensión do trazado do recinto e do sistema defensivo.


12/02/2025

VISITA Á CORUÑA 29 NOVEMBRO 2025

 

A visita estaba programada para, con carácter prioritario, ver a exposición A BARCA DE CARONTE sobre a obra e travesía vital de Isaac Diaz Pardo. Estivo guiada por Xosé Diaz, comisario da exposición, e por Camilo Diaz, ambos fillos e colaboradores de Isaac. 

O título da mostra xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista, que vai dende as artes plásticas ao deseño industrial. 

A primeira sección, adicada á etapa de “pintor de cabalete”, expón a súa formación da man do seu pai, o escenógrafo, grafista e artista plástico Camilo Díaz Baliño, e que remata na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando en 1942, grazas a unha bolsa de estudo que lle concede a Deputación da Coruña. Esta primeira etapa pictórica caracterízase por un clasicismo no que amosa un dominio pleno do oficio e que perfecciona estudando os grandes mestres no Museo Nacional del Prado e nas viaxes de estudo a Italia. Posteriormente, xa na década dos cincuenta, as súas experiencias en deseño cerámico alumean a etapa intermedia, en que a pincelada se volve máis solta e expresiva.

Na segunda sección amósase o seu cambio radical de rumbo, da pintura á cerámica, xa que en 1949 funda a sociedade Cerámicas do Castro SL, que instala no lugar do Castro de Samoedo, no concello de Sada. Aquí vense as primeiras pezas realizadas no obradoiro do Castro de Samoedo: o pintor de cabalete, ao transferir a esencia da súa pintura á arxila  convértese, así, nun industrial ceramista, principiando unha andaina que durará toda a súa vida.

En “América e o exilio” os nosos guías relataron que en 1959 Isaac viaxa a Bos Aires invitado polo Centro Galego para expoñer as súas pinturas e cerámicas, e xa non deixará Arxentina ata o ano 1967. Alí crea a sociedade Zeltia S.A. que pon en marcha a factoría de Porcelanas de Magdalena, crisol de renovación. O contacto co grupo de exiliados, en especial con Luis Seoane, dará lugar ao proxecto Laboratorio de Formas, que formulará as bases teóricas das iniciativas industriais e culturais na Galicia atrasada da ditadura. 

Na sección referente ao LABORATORIO DE FORMAS DE GALICIA  desde os inicios do Laboratorio que datan de 1963 en Bos Aires, cando Isaac e Seoane deciden crear unha entidade para orientar e dirixir as iniciativas que ían concebindo para materializar nun futuro en Galicia, ata cando en 1967 crean legalmente o Laboratorio e definen o seu corpo teórico, coas ideas que xorden das inquedanzas de ambos os dous polo papel do artista na sociedade industrial e converter as particularidades locais en universais. Con estas premisas verán a luz Ediciós do Castro, seguida da restauración de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o novo Seminario de Estudos Galegos, a Escola Libre, o Instituto Galego de  Información… As obras e deseños expostos van desde arquitectura, cerámica, grafismo e mobiliario.

 Remata a exposición coa parte adicada a SARGADELOS, onde se amosa a recuperación e restauración da actividade cerámica nesa localidade, que comeza entre 1965 e 1966 cun convenio entre o Laboratorio de Formas de Galicia e Cerámicas do Castro. O primeiro sería o promotor da nova sociedade e responsable da orientación estética e a planificación de todas as formas utilizadas pola empresa. Isaac e Seoane buscaban darlle nova vida a Sargadelos cunha cerámica vinculada a seu tempo pero baseada nas formas tradicionais e na memoria histórica galega, para conseguir produtos cunha clara vocación universal. A nova fábrica de planta circular, deseño de Andrés Fernández-Albalat, inaugúrase en 1970 e a empresa estará dirixida por Isaac ata o ano 2006, en que é cesado polos socios. A iniciativa de Isaac ía máis aló: en 1972 fundou o Seminario de Estudos Cerámicos para labores de investigación pero tamén para a realización de actividades culturais e pedagóxicas, destacando as Experiencias de Tecnoloxía e Escola  Libre entre 1972 e 2006, unha experiencia singular con proxección internacional.

A exposición reúne cerca de 150 obras, principalmente de Isaac Díaz Pardo, xunto con algunha de artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero; Laxeiro ou Geno Díaz. Abundan as pinturas pintadas ao óleo, pero tamén debuxos e obra gráfica, xunto cunha variada selección de pezas cerámicas así como pezas de mobiliario deseñadas polo artista. 

Finalizou a pormenorizada visita á exposición cunha proxección do video “As miradas de Isaac” da súa neta Cecilia Diaz Betz. Agradecemos a Xosé e Camilo a súa compañía no percorrido, contando con todo detalle, algún de primeira man, todo o referente á mesma.

Para a tarde estaba prevista unha visita guiada por persoal de Arqueovisitas do Castelo de San Antón ao castro de Elviña. Non puido ser efectuada debido a un notable empeoramento do tempo. Para aproveitar a tarde, tomouse a decisión de visitar a exposición fotográfica “Wonderland” sobre a obra de Annie Leibovitz, na sede da Fundación MOP no peirao da Bateria. Nela puidemos ver un gran número de fotografías de gran calidade feitas pola artista, tanto en papel como proxectadas en grandes pantallas. A temática inclúe retratos íntimos de músicos, do mundo do cine, a música, o deporte e a política, ademais dunha ampla selección de fotografías do mundo da moda. 

FOTOS: https://photos.app.goo.gl/F9RYrdEK7LvrxygaA 


10/29/2025

ADEGA e Mariña Patrimonio reclaman protección para a Mina Romana da Espiñeira Advirten que os traballos da canteira de Euroarce afectan a zona arqueolóxica.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) pola realización de novos traballos mineiros, desmontes e movementos de terra asociados á canteira Nuestra Señora de Begoña, situada no lugar da Espiñeira, parroquia de Vilaronte, no concello de Foz (Lugo).

Os recentes movementos de terra, atribuíbles á empresa Euroarce Caolines S.L., afectan directamente á Mina Romana da Espiñeira (GA27019024), un ben catalogado e protexido tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz.

As asociacións denuncian que os traballos realizados pola empresa se están a desenvolver dentro da contorna de protección arqueolóxica e que estarían a causar danos directos na antiga mina romana, concretamente sobre unha canle de evacuación identificada e documentada en estudos arqueolóxicos.

Esta canle aparece xa identificada no traballo sobre minería antiga realizado no ano 2019 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), asinado polos arqueólogos Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia. Neste traballo delimítase a área correspondente á Mina Romana da Espiñeira e documéntase as súas canles de evacuación. 

 No mesmo sentido, o recente “Informe de delimitación planimétrica do xacemento explotación aurífera de A Espiñeira”, elaborado en marzo de 2025 por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio e asinado polo arqueólogo Santiago Ferrer, representa na súa planimetría a mesma zona como parte da antiga mina romana, coincidindo coa delimitación establecida polo CSIC, que identifica ese tramo concretamente como unha canle de evacuación da antiga mina romana.

Segundo ADEGA e Mariña Patrimonio, estes traballos poderían estarse realizando sen contar coa autorización previa da DXPC nin co preceptivo control arqueolóxico que esixe a lexislación vixente en materia de patrimonio cultural.

Por este motivo, solicitan á DXPC que paralice de inmediato os traballos, inspeccione con urxencia a zona afectada e, se se confirma que non existe autorización, abra o correspondente expediente sancionador e adopte as medidas necesarias para reparar os danos causados na Mina Romana da Espiñeira.