1/08/2015

A MÁMOA DO TESOURO, NOVO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO NO CONCELLO FOZ

 
Trala solicitude realizada pola asociación MariñaPatrimonio, a Dirección Xeral de Patrimonio vén de incluír no inventario de xacementos arqueolóxicos a Mámoa do Tesouro. O Túmulo do Tesouro, situado no lugar do Sisto, parroquia de Cordido (concello de Foz) é un dos de maior dimensións da Mariña. Conserva unha gran altura e un diámetro de 25m. Ten un cono de espoliación de 1,75m de profundidade e non se aprecian os chantos da cámara.
O Tesouro de Cordido, afectado por unha plantación de eucalitos, debido á súa monumentalidade e a que a localización e identificación son moi doadas, reúne as mellores condicións para presentalo como exemplo do megalitismo en Foz e convertilo noutro reclamo cultural e turístico dun concello e dunha comarca inmensamente ricos nun patrimonio ao que, polo de agora, pouco proveito se lle está a sacar.


1/06/2015

Punta do Castro (San Miguel de Reinante)


Ao retiraren a planta invasora, uña de gato, do parapeto da Punta do Castro (San Miguel de Reinante), quedou á vista o resto dunha garita de vixilancia (moderna) e nunha cota inferior un muro que podería ser a muralla do castro.