8/21/2014

VISITA AOS CASTROS DE COAÑA, PENDIA E CHAO SAMARTÍN

MariñaPatrimonio organiza para o sábado 30 de agosto unha viaxe ao parque histórico do Navia, que comprenderá visitas aos castros de Coaña (Coaña), Pendia (Boal) e Chao Samartín (Grandas de Salime).
Para a viaxe poñerase a disposición dos participantes un bus, que os recollerá dende Viveiro até Ribadeo.
Comezaremos cunha visita guiada ao castro de Coaña e á súa Aula Didáctica . Posteriormente trasladarémonos ao castro de Pendia, tras cuxa visita terá lugar o xantar en Pezós, no mesón As Cortes. Tralo xantar desprazarémonos até Grandas de Salime, onde aproveitaremos para coñecer o seu Museo Etnográfico e remataremos a xornada coa visita guiada ao Museo e mailo castro de Chao Samartín.
A actividade ten un custe de 25 euros para socios/as, desempregados/as e nenos/as e 30 para non socios/as. As prazas son limitadas e para anotarse e obter máis información contactar a través do correo mr.patrimonio@gmail.com ou do tfn. 616815120 (Toño).

8/10/2014

Cousa de raíces





VECIÑOS DE BARREIROS SACAN Á LUZ A ANTIGA ERMIDA DE SANTO ESTEVO DO ERMO.

O sitio arqueolóxico atopábase acochado pola maleza dende había décadas.
Despois de varios días de duro traballo rozando no monte, os resultados non puideron ser mellores; debaixo do gran abrigo rochoso, preto de onde mana a fonte de Augas Santas, foi localizada a antiga ermida de Sancti Stephani de Aquis Sanctis, é dicir, de Santo Estevo de Augas Santas ou Santo Estevo do Ermo, como se coñece na actualidade.

Grazas á roza da maleza, os veciños localizaron os muros da antiga ermida (século IX) e o que poden ser as casetas onde vivían as ermitás de Santo Estevo. O 25 de febreiro de 1699 foi enterrada Dominga Salgueyra, a derradeira das ermitás que viviron neste lugar, no cemiterio de Santo Estevo. O mencionado cemiterio tamén foi localizado, como o proba a existencia de varias tumbas situadas no talude que deixou a apertura dunha pista feita hai doce anos para sacar madeira.
 
Tras a solicitude da Irmandade Santo Estevo e de MariñaPatrimonio, os restos do antigo Santo Estevo foran incluídos por Patrimonio en 2013 no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Aínda que daquela resultara imposible acceder aos restos debido á maleza, a documentación antiga e o testemuño dos veciños confirmaban a existencia deste xacemento.
A roza que se realizou recentemente neste sitio arqueolóxico contou coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e do propietario do monte, a quen lle agradecemos a súa boa disposición e a súa colaboración.
Os montes de eucalipto que rodean a actual capela e a súa fraga están totalmente abandonados. A abundante maleza pon en perigo, en caso de incendio forestal, este espazo natural, cultural e relixioso. Este perigo foi o que moveu aos veciños e ás asociacións Irmandade Santo Estevo e MariñaPatrimonio a asumir a limpeza do monte.
Con este redescubrimento sae á luz un importante patrimonio, que merece ser estudado e conservado en beneficio de toda a sociedade. Sería desexable que as administracións públicas se implicasen máis na súa recuperación; mentres isto non ocorra, veciños e asociacións seguiremos dando pequenos pasos para pór en valor o noso patrimonio.
Ligazón para as fotos: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157639687224914/with/11905782595/