O
pasado domingo 18, Mariña Patrimonio organizou unha nova excursión
cultural. Nesta ocasión, o grupo composto por 23 persoas de
distintos puntos da comarca, e guiados en todo momento polo
arqueólogo Luis Gómez Souto, viaxou ás Pontes de García Rodríguez
para coñecer o seu patrimonio cultural, centrado no seu pequeno pero
interesante casco medieval así como na etnografía e a arqueoloxía,
tanto prehistórica como industrial contemporánea.
Iniciouse
a xornada cunha visita da man do seu guía Ismael á Igrexa
de Santa María,
situada no mesmo centro histórico da vila; un templo que ao longo da
súa historia, iniciada sobre o século XIII, foi ampliado e
modificado en distintas etapas ata o peculiar aspecto actual. Garda
un marabilloso retablo barroco e conserva pezas de imaxinería
relixiosa de gran valor.
A
continuación, na mesma praza, o grupo puido visitar e percorrer o
coidado e fermoso Museo
Etnográfico Monte Caxado,
guiados polo seu creador e impulsor José María López Ferro, un
home que adicou gran parte da súa vida a recoller e musealizar un
numerosísimo e variado fondo de materiais que nos permiten manter na
memoria a vida da comarca das Pontes e mesmo doutras zonas próximas.
A
mañá completouse coa visita guiada polo noso guía e arqueólogo á
exposición arqueolóxica “Man a man”; unha pequena pero
interesante mostra de materiais recollidos no territorio municipal e
pertencentes ao período comprendido entre o Neolítico e a presenza
romana. Uns restos que nos permiten obter unha visión completa do
patrimonio arqueolóxico antigo do Concello de As Pontes.
Logo
dunha opípara comida no Mesón
O Puxigo,
o grupo acometeu a xornada de tarde cun paseo polas dúas pontes
medievais que dan nome á vila e por algúns edificios e rúas
singulares da vila medieval. A continuación, desprazámonos cara ás
inmediacións do lago artificial das Pontes, onde o noso guía fixo
unha explicación sobre o nacemento e evolución da actividade
mineira e industrial da vila, que propiciou o seu crecemento urbano
planificado. Así mesmo, falounos arredor do importante impacto da
mina de carbón e das diferentes industrias vinculadas ao seu
aproveitamento sobre un territorio que posúe unha importante
presenza prehistórica, como se pode apreciar nos numerosos campos de
mámoas que marcan unha rede de camiños históricos de gran
relevancia que atravesan este concello.

Por
último, queremos amosar o noso agradecemento a Isma, que actuou como
guía na igrexa e realizou unha exhaustiva descrición da mesma; ao
profesor López Ferro, pola súa disposición para guiarnos
persoalmente no museo, e ao noso guía ao longo de toda a xornada,
Luís Goméz Souto, pola súa xenerosidade e dispoñibilidade o que
nos permitiu marchar cun coñecemento moi completo sobre esta vila
que todos asociamos á actividade mineiro-industrial, pero que posúe
un interesantísimo pasado medieval que sorprendeu á maioría do
grupo.+fotos: https://photos.app.goo.gl/v3akGvgkfday4WXt6