5/28/2010

A EXPOSICIÓN ITINERANTE SOBRE A INDUSTRIA DO FERRO CHEGA A XOVE

A exposición itinerante, realizada pola Asociación Mariñapatrimonio, sobre a industria do ferro chega a XOVE onde vai estar aberta no Centro Cívico deste concello até o día 31 de maio.

A mostra, que leva por título “ A industria do ferro no norte de Lugo e no occidente astur”, recolle a orixe e a evolución histórica do traballo do ferro nesta zona, os lugares de extracción e traballo (explotacións mineiras, ferrarías, mazos e forxas), a elaboración de obxectos de corte e tres lugares sobranceiros na dedicación á manufactura de obxectos de ferro: A Pontenova, Riotorto e Taramundi.

A exposición estará aberta aos visitantes de 18 a 21 horas no Centro Cívico do Concello de Xove.

5/27/2010

Novo xacemento arqueolóxico e unha nova agresión ao patrimonio.



MariñaPatrimonio comunicou recentemente á Consellería de Cultura e ao Concello de Cervo o achado casual dun novo xacemento arqueolóxico en San Cibrao (Cervo). Trátase, case con total seguridade, dun castro costeiro ubicado no polígono industrial de San Cibrao, a 1,5 km do castro da Atalaia.

As obras que recentemente a empresa pública XESTUR realizou para o Concello de Cervo sacaron á luz unha importante cantidade de cerámica castrexa situada no perfil leste do outeiro deste posible castro.

A abundante presenza de fragmentos cerámicos castrexos alertounos de que estabamos perante un novo xacemento arqueolóxico. Ao percorrer o perímetro do posible castro, puidemos comprobar que no lado oeste había uns parapetos, sistemas defensivos tipicamente castrexos.

Lamentablemente, a ampliación do polígono industrial destruíu case totalmente estes parapetos e o recinto que albergaban. A destrución puido afectar arredor duns 4000m2.

Segundo podemos observar en fotografías aéreas, a zona destruída podería tratarse do antecastro.

Estes feitos constitúen unha nova agresión, ocasionada por unha empresa pública, ao patrimonio arqueolóxico. Suponse que unha obra destas características debería contar cun estudo de impacto medioambiental, que neste caso ou non se fixo ou se fixo mal.

Pódense ver imaxes aquí:

http://picasaweb.google.es/mr.patrimonio/CASTRODOCOIDO#


5/25/2010

Pagou a pena ir a Rinlo

...en todos os sentidos. O estupendo día meteorolóxico resultou plenamente consecuente co resultado e aproveitamento da visita que máis de 30 persoas poidemos atopar o pasado domingo. A xornada comezou cunha breve e interesante exposición verbal e gráfica de Carlota Eirós, a nosa guía para coñecer esta localidade tan especial da Mariña, sobre os restos de cetáreas que se poden atopar na costa galega desde A Guarda ata Ribadeo, coas diferentes tipoloxías de cada zona e outras curiosidades e datos de interese.
A continuación comezamos o percorrido polas tres cetáreas que se conservan en Rinlo, en diferente estado de conservación pero as tres moi importantes pola súa dimensión e polas especiais características derivadas da súa adaptación a esta costa. Seguimos o paseo polo núcleo de Rinlo, en particular pola parte máis antiga, de orixe medieval e con interesantes observacións que nos permitiron coñecer algúns rasgos tipolóxicos das construcións e das estreitas rúas ou congostras, perfectamente organizadas para a función que cumpriron ao longo dos séculos no contexto dunha poboación que practicaba unha economía mixta agraria e mariñeira.
A xornada rematou arredor dun arroz caldoso de lumbrigante que nos acabou de deixar un inmellorable sabor de boca.

Pódense ver imaxes aquí:



5/15/2010

Nova actividade de MariñaPatrimonio


PASEO POR RINLO.
A ROTA DAS CETÁREAS
Domingo, 23 de maio
11 da mañá
Antiga Escola de Rinlo

A visita será guíada pola arquitecta Carlota Eiros* , que fará unha intervención previa á visita por Rinlo e ás antigas cetáreas.
É conveniente inscribirse utilizando o noso enderezo de correo electrónico:

mr.patrimonio@gmail.com


*Carlota Eiros García
(Meira, 1962). Arquitecta. Estudos nas universidades de Barcelona e A Coruña. De 1989 a 1996 residiu en Inglaterra, onde se especializou en Restauración histórica na Oxford Brookes University. En 1998 publicou A Casa Grande do Século XIX. No 2000 concluíu o Rexistro e Catalogación das Casas Grandes da Terra Cha. Unha das súas obras como arquitecta foi incluída entre as 25 mellores casas modernas de Galiza descritas en 25 Galician Houses (Ed. Espontáneas, 2005). Actualmente anda a traballar na restauración arqueolóxica do barrio de orixe medieval da Ribeira de Rinlo (Ribadeo)

5/10/2010

Visita a San Martiño


O domingo 9 de maio Mariñapatrimonio achegouse a San Martiño para facer, como estaba prevista, a visita guiada ás pinturas murais desta xoia do noso patrimonio.
Foron moitas máis das persoas que inicialmente se tiñan inscrito nesta actividade as que se deron cita no adro da igrexa ás 12:30 horas.
Despois das palabras de benvida aos asistentes pronunciadas polo noso presidente que lembrou as actividades que está a desenvolver ou que proxecta a Asociación
( exposición itinerante sobre a industria do ferro, iniciativas arredor da defensa do Castro da Atalaia, Paseo por Rinlo…), presentou ao Presidente da asociación focega A Pomba do Arco, Xoán Ramón Fernández Pacios que colaborou con Mariñapatrimonio na convocatoria deste acto.
Xoán Ramón, historiador e autor, entre outros, do libro “San Gonzalo bispo mindoniense” fixo unha fermosa intervención que, polo seu interese, reproducimos:
“…Hoxe estamos aquí, en San Martiño, para saber un pouco máis da historia deste monumento, desta xoia do románico galego, desta basílica aínda que a min, persoalmente me gusta chamala a antiga catedral. Os muros que me rodean son obra de dous bispos, dende a porta ata o cruceiro son obra do bispo do Munio, que chegado de Santiago estivo case todo o seu bispado ao lado do rei Afonso VII e polo tanto lonxe destas terras e as ábsidas son obra de Gonzalo Fróilaz, o Bispo Santo que temos soterrado nese sinxelo sartego, home de pobo e amado polo seu pobo. Hoxe moitos de vos acompañaredes a súa imaxe ata a súa capela. Levaredes a súa imaxe porque somos un pobo agradecido que lembra a aquel bispo que loitou contra tódolos poderes do momento para salvar o que máis quería, San Martiño. Só a súa morte puido frear o seu labor e pensade, hoxe, cando o acompañedes, que neste ano do 2010 cúmprense mil anos da morte deste bispo que tanto quixemos e ao que o pobo canonizou.
Pero, San Martiño de Mondoñedo é moito máis que o bispo Gonzalo, son as tumbas con escritura súevica aparecidas nas escavacións de Chamoso Lamas e que nos conectan co Reino Suevo de Galiza e, posteriormente, con aquel famoso Mosteiro Máximo, sede principal do bispado dos bretóns, co seu bispo Maeloc á cabeza. Pero San Martiño é moito máis, é Sabarico II e San Rosendo é a cultura do século X, que paseou por estas rúas, que viviu e xurdiu dentro destes muros. E San Martiño é, tamén, pinturas. Perdimos as do milagre de San Gonzalo, das que só conservamos unhas letras pero recuperamos unhas novas, que deben situar a San Martiño no lugar que debe ocupar.
Estimamos que para falar destas pinturas só o podía facer a persoa responsable do seu achádego e da súa restauración, é dicir, Branca Besteiro.
Branca é Licenciada en Belas Artas pola Facultade de Belas Artes de San Fernándo, da Universidade Complutense de Madrid na Especialidade de Restauración en Policromía sobre tela, madeira, mural e grabado.
O seu curriculo é impresionante aparte de extenso, agardo que me permita resumilo destacando tan só a súa faceta de restauradora en pinturas murais. Se empezo a falar dos retábulos, imaxinería en madeira e bronce que ten esta muller restaurado, tanto en Galiza como no estado español, lémbrome agora das túas restauración sen Madrid e Salamanca, non remataría ata despois de comer. De aí que só vaia falar do seu traballo entorno a pintura mural e circunscribindoo territorialmente a Galiza .
Branca foi a responsable, entre outras cousas, da restauración de pinturas murais en Bóveda, en Lugo, Paradela, San Pedro de Rocas (Ourense), Meira, Portomarín, no mosteiro de Samos, no Incio, en Santiago de Compostela, San Vicente de Pombeiro, Santa María de Mañón, Cebreiro, Melide, Santa María de Mosteiro, Castroverde, Friol, Viveiro e San Martiño de Mondoñedo. Debo dicirvos que me quedan máis nomes de lugares no tinteiro que os que saquei aquí. Tendo en conta a súa experiencia dilatada pensamos que debía ser ela a que nos amosase o proceso de restauración das pinturas e nos explicase o seu significado e cronoloxía…”
De seguido a restauradora Branca Besteiro fixo un completo resume do seu traballo na igrexa de San Martiño, explicando a técnica de execución da pintura mural románica, utilizando como apoio as imaxes proxectadas nunha pantalla que nos serviu , ao nutrido grupo que seguía esta visita guiada , para comprobar o estado no que se atopaban as pinturas antes da restauración e para nos decatar da importancia desta intervención que descubre o ciclo pictórico de San Martín de Mondoñedo.
Por certo, como ao rematar a visita foron varias as persoas que se interesaron polos traballos publicados sobre esta magnífica restauración, facilitámoslles desde aquí os seguintes enderezos de Internet:

http://www.amigosdelromanico.org/revistaromanico.html

http://www.arteguias.com/revistaromanico.htm

Tamén Branca Besteiro ten publicado no nº 25 da Revista de Estudos Mindonienses un interesante artigo titulado “ As pinturas murais de S. Martiño de Mondoñedo”

Podes ver as fotos da visita aquí:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=PHOTO&id=5469327276357628018&aid=5469327116415319841&authkey=Gv1sRgCIX419i51bXLYw&feat=email