Este
ben patrimonial pode ser destruído polo trazado da futura
autoestrada A-82, Barreiros- San Cibrao .
En
marzo de 2013 veciños de San Martiño, a asociación cultural Pomba
do Arco e MariñaPatrimonio acordaron solicitarlle ao Servizo de
Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión das minas próximas ao
castro de Mondoñedo, parroquia de San Martiño de Mondoñedo (Foz),
no inventario de xacementos arqueolóxicos.
O
Servizo de Patrimonio vén de recoñecer o sitio arqueolóxico,
incluído no inventario coa clave GA 27019023. Esta inclusión
conleva a súa protección e obriga á Xunta a garantir a protección
e conservación deste ben patrimonial.
Dende
decembro de 2013 o Cano dos Mouros goza de protección, pero dende o
2011 está sentenciado, posto que o trazado definitivo da autovía
A-82 pasa porriba deste ben patrimonial e, se non se modifica,
acabará sendo destruído, como tamén o será o castro da Senra,
outro ben patrimonial que tampouco detectaron os arqueólogos que
revisaron este trazado.
Unha
vez máis vemos como os estudos de impacto medioambiental non están
ben feitos e os trazados definitivos apróbanse, sen que se teña en
conta o noso rico patrimonio.
A
explotación mineira do Cano dos Mouros está composta por un gran
foxo dunha mina a ceo aberto e dúas galerías. Unha destas galerías
parece medieval, mentres que a outra probablemente sexa romana,
tanto pola súa boa factura como pola semellanza coas galerías
romanas do castro do Carreiro.
O
trazado da autovía que pasa por San Martiño de Mondoñedo (Foz),
foi amplamente rexeitada por veciños, asociacións e grupos
políticos, debido ao enorme impacto visual que provocaría no
contorno da Basílica de San Martiño. Un motivo máis para rexeitar
agora este trazado é evitar a destrución do protexido xacemento
arqueolóxico do Cano dos Mouros.
Dende
a Pomba do Arco e MariñaPatrimonio agardamos que se modifique este
trazado e que se escolla outro alternativo que non afecte ao noso
patrimonio.
Ligazón
para as fotos:http://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157640365065414/