12/19/2022

O Coído: un xacemento da Idade do Bronce na Mariña

 

Unha vez máis o salón do Museo Histórico de Sargadelos, na Casa da Administración, acolleunos para desenvolver a última actividade pública de Mariña Patrimonio neste ano que remata. O motivo foi a presentación dos resultados da intervención arqueolóxica que a asociación promoveu en 2020 no Coído, nas proximidades do Polígono Industrial de Cuíña, grazas ao convenio que subscribimos anualmente coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

Unha presentación que tardou máis do previsto debido a dificultades técnicas, finalmente solventadas. Mª José Bóveda, arqueóloga e xerente da empresa Gabinete de Arqueoloxía, con quen contratamos a intervención, e María Martín, arqueóloga e directora da intervención, foron as relatoras nesta presentación pública. O relatorio iniciouse cunha contextualización da etapa, á que finalmente se atribíu a datación do xacemento, a Idade do Bronce; un período do que temos escasos restos materiais, debido a que a poboación construía con madeiras e outros materiais perecedoiros dos que non quedou rastro visible. María José Bóveda completou esta contextualización cun repaso visual dalgúns restos relevantes de achados culturais do bronce no noroeste peninsular, resaltando a escasa información existente sobre esta etapa da historia antiga.

A continuación, María Martín realizou unha exposición do proceso de intervención no Coído e dos materiais atopados, destacando a gran densidade de cerámica localizada, especialmente na primeira das catro catas realizadas, ata superar os 2.000 fragmentos cerámicos. Unha proporción moi superior á habitual nestes xacementos, circunstancia que ela atribúe ao feito de que esta intervención foi realizada desde a superficie orixinal, sen alteracións importantes do terreo. Trátase dunha cerámica popular, correspondente a pezas de tamaños diversos e fabricados de forma bastante tosca coa técnica de churro. Ademais de cerámica, recolléronse cantos rolados con signos de ter sido sometidos ao lume, que puideron ser empregados para quentar líquidos. Por outro lado, manifestou a intención de recompoñer pezas, dado que se aprecia que foron rotas in situ e presentan aristas moi claras que facilitan a reconstrución.

As relatoras destacaron a importancia deste xacemento que se mantén en bastante bo estado, o que permite pensar que sería posible atopar máis restos dun posible poboado do bronce, no que poderían aparecer fondos de cabanas ou pozos correspondentes a silos, bastante comúns neste tipo de xacementos.

O noso agradecemento a María Martín e a María José Bóveda pola súa implicación nesta intervención e ao Museo Histórico de Sargadelos polas facilidades que nos presta para realizar estes actos divulgativos.

Ver en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=Ux4bgbrvssk

12/17/2022

MARIÑA PATRIMONIO APOIA A CREACIÓN DUN MUSEO ARQUEOLÓXICO NA ATALAIA DE SAN CIBRAO

En datas recentes membros de Mariña Patrimonio mantiveron na Atalaia de San Cibrao unha reunión co alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e maila concelleira de cultura, Dolores García Caramés.

No transcurso deste encontro, os representantes do Concello trasladaron a Mariña Patrimonio a súa intención de apostar pola creación dun museo arqueolóxico con posiblidades de albergar un depósito para acoller os materiais arqueolóxicos aparecidos na Mariña.

A asociación sociocultural Mariña Patrimonio vén mantendo dende hai anos co Concello de Cervo un fluído diálogo arredor da Atalaia, e os seus restos arqueolóxicos, para tratar de encontrar a forma máis acaída de revalorizalos e preservalos. Neste sentido, Mariña Patrimonio concorda co Concello de Cervo en que a edificación que hoxe se atopa en estrutura, e que foi recentemente adquirida polo Concello, debe ser conservada en parte, rebaixándose en altura para non provocar un impacto visual negativo na península da Atalaia. Coinciden ambos, Concello e Mariña Patrimonio, en que esta edificación se destine a albergar un futuro museo arqueolóxico da Mariña, que contaría tamén cun depósito para acoller todos os restos arqueolóxicos procedentes da Mariña luguesa. Tanto os que na actualidade se atopan dispersos por varios depósitos de Lugo coma os que poidan aparecer nun futuro na comarca.

Dende Mariña Patrimonio felicitan ao Concello de Cervo por apostar pola creacion deste museo arqueolóxico na Atalaia ao tempo que expresan o seu total apoio a esta iniciativa.

12/16/2022

Mariña Patrimonio organiza a conferencia O Coído: un xacemento da Idade do Bronce na Mariña

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro sábado 17 ás 12:00 unha charla na Casa da Administración de Sargadelos na que se presentarán os datos obtidos trala escavación realizada polo Gabinete de Arqueoloxía e a Universidade de Santiago de Compostela no ano 2020 no lugar do Coído (Cervo, Lugo). A conferencia correrá a cargo das arqueólogas María Martín Seijo e María José Bóveda Fernández, responsables da escavación e do estudo realizado neste sitio arqueolóxico. O estudo en laboratorio, e a realización dunha datación por luminiscencia dun dos fragmentos cerámicos achados no xacemento, permítelles ás autoras deste traballo realizar para todo o conxunto unha proposta de adscrición cronolóxica na Idade do Bronce.

A intervención arqueolóxica, promovida pola asociaciación socioculural Mariña Patrimonio, foi subvencionada cunha axuda da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e contou coa colaboración do Concello de Cervo, propietario dos terreos onde se levaron a cabo as catas arqueolóxicas.

O xacemento arqueolóxico de O Coído foi descuberto nas proximidades do polígono industrial de Cuíña no 2010 por membros de Mariña Patrimonio. Dita asociación, tras observar no lugar milleiros de fragmentos cerámicos, informou nese momento sobre este particular á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Alen diso, á vista do interese que espertaron estes restos entre os arqueólogos que visitaron o xacemento, a citada asociación promoveu unha intervención arqueolóxica de cuxos resultados se informará na charla prevista para o próximo sábado.

Enlace fotos: https://photos.app.goo.gl/xEurgG9appMJFiQK6


 

12/12/2022

VISITA AO PATRIMONIO DE XOVE

 

 
O día presentouse propicio, sen moito frío e cunha luz moi agradable, para desenvolver unha actividade que, polo menos en parte, tería que ser no exterior. O grupo de participantes, composto por case trinta persoas chegadas dos concellos costeiros desde Ribadeo a Viveiro, o Valadouro e mesmo de Lugo capital, foi recibido por Lucía Sánchez Meitín, especialista en cultura e patrimonio do Concello de Xove.

A visita iniciouse na igrexa da Rigueira que, segundo nos informou detalladamente Antón Niñe, aínda que está adicada a San Miguel, ten a súa importancia por dous motivos principais: a romaría que se celebra anualmente en honor de San Antonio e o seu fermoso retablo de estilo barroco, movemento artístico de grande relevancia en Galicia.

A continuación, o grupo trasladouse ata o pazo da Rigueira de Ferrol, onde Xacobe Fernández Casabella, xovense compoñente da directiva da asociación, falou da súa importancia histórica, pois pertenceu aos descendentes de Pardo de Cela ao chegar ás súas mans por vía da liñaxe da súa dona, Isabel de Castro. As súas propiedades chegaban ata o mar no lugar do portiño de Morás. Foi reconstruído en diversas ocasións con máis ou menos fortuna, na actualidade está deshabitado e precisa dunha consolidación e limpeza dos muros.

Tras unha parada técnica con café incluído, chegamos ata a salientable igrexa de Xuances, de tres naves e cunha torre barroca do estilo das do mosteiro de Lourenzá, o que a conecta tamén co barroco. Conta no esterior cun fermoso adro cuberto e no interior un retablo equiparable ao da igrexa de San Miguel, todo o cal foi destacado tamén por Antón Niñe.

Continuamos a visita achegándonos a un lugar máxico pola súa situación e historia: San Tirso. Alí, Manolo Miranda destacou o importante labor que está desenvolvendo o Concello de Xove para revalorizar este sitio arqueolóxico. Un lugar onde, ademais do castro, se poden apreciar os restos dun mosteiro e igrexa, cuxa fundación se remonta ao século VIII, posiblemente simultánea con otros mosteiros dúplices da Mariña, tal e como sinalou Xacobe.

A mañá rematou cun xantar no lugar da Ponza, en A Cancela, onde repuxemos forzas a base de diversos platos de carne e peixe moi ben aviados e servidos.

A xornada de tarde comezou cun achegamento á igrexa de Morás, non moi grande pero moi interesante polo que alberga no seu interior, cun fermoso retablo diferente aos vistos nas igrexas de A Rigueira e Xuances. Neste caso, o retablo non está cuberto de pan de ouro, senón decorado a base de liñas douradas sobre un fondo de madeira escura, e cunha imaxinería igualmente rica.

E, xa para rematar a xornada, desprazámonos ata o lugar que ocupaba a baleeira de Morás, onde Lucía Sánchez Meitín nos deu cumprida información sobre a historía da factoría. Ao carón duns paneis informativos, onde se describe o proceso industrial da baleeira, Lucía relatounos diversos detalles moi interesantes relacionados coa factoría e mesmo coa xente que traballou nela.Cando a luz ía diminuíndo, e coa despedida de Lucía, demos por rematada a visita a Xove e emprendimos o regreso.

Non queremos finalizar esta crónica sen antes expresar o noso agradecemento ás persoas que nos atenderon ao longo desta interesante visita ao concello de Xove. Incluímos nos agradecementos ao seu párroco, Juan Novo Gabeiras, que aínda que non puido acompañarnos por motivos de traballo, facilitounos o acceso ás igrexas visitadas.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/BjGLFTomeHiAmeG4A


12/02/2022

Visita polo patrimonio do Xove

 

Mariña Patrimonio estamos organizando para o próximo sábado día 10 de decembro unha visita polo patrimonio do Xove. Nesta saída contaremos coa colaboración de Lucía Meitín, especialista en cultura e patrimonio do concello de Xove, e de Antón Niñe, gran coñecedor do patrimonio relixioso da nosa comarca. Está previsto visitarmos, en xornada de mañá, a Igrexa e o Pazo da Rigueira, a Igrexa de Xuances e San Tirso;  en xornada de tarde, a aldea de Morás, onde escoitaremos falar das tradicións de Xove.

A data límite para apuntarse remata o martes 6 de decembro